22:27 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-08-2013

Calquera comunidade depende da lingua para comunicar e interpretar a súa práctica, percibindo a mesma coma un rexistro da identidade

A protección dos dereitos á lingua e a cultura propias: algunhas razóns fronte ao asimilacionismo

Valorar (0)

HENRIQUE DEL BOSQUE ZAPATA



A protección dos dereitos á lingua e a cultura propias: algunhas razóns fronte ao asimilacionismo                      

No discurso españolizante, de dereita á esquerda, preséntase baixo a apariencia de valores universais e democráticos, un modelo asimilacionista que non cuestiona, senón que reforza o papel do aparello institucional para estabelecer unha xerarquización nos niveis de defensa e protección das diferentes linguas e culturas do Estado. Procúrase a blindaxe da protección da identidade española mentres se suprimen os mecanismos e instrumentos das outras realidades nacionais.          

O valor destes bens
                       

A cultura é un sistema de sentido e de significado que se vai creando historicamente. Constitúe un conxunto de crenzas e prácticas arredor das cales un grupo de seres humanos artella, comprende e regulamenta tanto a súa vida individual coma colectiva. A vida humana enténdese e estrutúrase a través da mesma. Engloba institucións políticas, relixiosas, económicas así coma outras de diverso feitío. Non é unha herdanza pasiva, ao contrario, é un proceso activo no que os seus contidos están constantemente redefiníndose e reconstituíndose. Tampouco está exenta de tensións, que agroman periodicamente no seu seo, ofrecendo unha face dinámica e plural tanto no aspecto interno como na multiplicidade das existentes. A lingua é un elemento primordial da cultura, das ideas e da propia persoa, o que a convirte en condición e medio de bens xurídicos primarios como son a liberdade de expresión e de educación pasando, deste xeito, a se converter nunha necesidade primaria. Calquera comunidade depende da lingua para comunicar e interpretar a súa práctica, percibindo a mesma coma un rexistro da identidade.          

Por que a defensa do propio?
                 

Mais se o que o ser humano precisa para se desenvolver é un marco cultural e lingüístico, podemos preguntarnos o porqué da defensa de culturas e linguas particulares e non conformarse coa aceptación da validez da pertenza á cultura ou á lingua en xeral, mesmo permitindo a desintegración das minoritarias e a asimilación nas hexemónicas.                              
Se partimos do concepto de “cultura societal”, tal como ven elaborado por Will Kymlicka, achamos un modelo de cultura que proporciona aos seus membros uns xeitos de vida significativos a través de todo o abano de actividades humanas, incluíndo a vida social, educativa, relixiosa, de lecer e económica, abranguendo as esferas pública e privada. Culturas que tenden a localizarse territorialmente, baséandose nunha lingua compartida e que tenden a ser culturas nacionais. Estas culturas societais implican un léxico compartido de tradicións e convencións. Neste sentido, a nosa cultura non só proporciona opcións senón que tamén nos proporciona as pautas mediante as que identificamos o valor das experiencias. Por outra banda a lingua é un dos marcadores fundamentais da identidade das persoas, o que explica que calquera desprezo ou desprestixio do estatus público da lingua propia se viva coma un ataque persoal. Mesmo a participación nunha comunidade cultural ou lingüística debería poder contemplarse coma o resultado do exercicio da autonomía individual, constituíndo un elemento integrador da idea de vida boa coa que unha persoa decide comprometerse. Así, levar todo ou parte da nosa vida cotiá na lingua propia, poder empregala en todos os ámbitos, públicos ou privados, gozar da súa literatura, etc, importa non só como contexto necesario de elección, senón que fai parte constitutiva da clase de vida que coma individuos queremos levar.                       

O valor da pertenza cultural
                         

Tanto Charles Taylor coma Michael Walzer constatan a realidade de que a persoa non é un ser isolado, senón un ser dentro dunha cultura na que se interpreta e recoñece. Non é a persoa individualmente considerada a que presta un significado ao ben, senón o individuo dentro da comunidade, xa que os bens teñen un significado social. Para Kymlicka a pertenza cultural ten un elevado perfil social posto que afecta ao xeito en que os demais nos perciben e nos respostan, o que á vez modela a nosa identidade. Ademais a identidade nacional resulta especialmente axeitada para servir como <> porque se basea na pertenza e non nas realizacións ou nos logros persoais. Se unha cultura non goza do respecto xeral, a dignidade e o respecto a si mesmos dos seus membros está ameazado. Verse forzado a abandonar ou dificultar o acceso á propia cultura societal, dentro do seu espazo de desenvolvemento, supón unha conculcación evidente de dereitos elementais.
       


A protección dos dereitos de grupo. A protección externa
         

A defensa dos bens ligados á pertenza non pode ficar relegada ao ámbito do privado. Cómpre e resulta lexítimo utilizar os medios e instrumentos políticos para os conservar,  sobre todo cando se trata de nacións ou comunidades sen Estado de seu. Precisamente isto é o que o españolismo combate ferozmente en nome da liberdade, da súa liberdade que remata en imposición. Coma nos lembra Rainer Baubock, a educación pública pode e debería ser cega á cor da pel e ás crenzas mais nunca poderá ser cega á cultura, sendo incuestionábel que practicamente todos os Estados actuais no mundo estimulan unha cultura pública determinada que está estreitamente vencellada a unha tradición e a un idioma nacionais co emprego de poderosas forzas  de asimilación. Para Neus Torbisco Cassals as resistencias contra a asimilación e as reivindicacións do recoñecemento público dos feitos diferenciais fundaméntanse en exixencias de xustiza ou igualdade entre grupos. Isto trae coma consecuencia que o proceso de toma de decisións nun Estado democrático, a regra da maioría, dificilmente constitúe unha vía axeitada para dirimir estas cuestións.                              

Nesta defensa e protección dos dereitos colectivos, culturais ou de pertenza, Will Kymlicka propón o concepto de proteccións externas fronte ao de restriccións internas co propósito de conciliar o respecto tanto aos dereitos individuais coma aos do grupo. Mentres que as restriccións internas teñen coma obxectivo cohesionar á comunidade arredor de comportamentos morais, relixiosos ou prácticas tradicionais limitando o disenso, as proteccións externas teñen coma obxectivo protexer ao grupo de decisións externas ou alleas (políticas, económicas ou culturais) que comprometan a súa capacidade de decisión como tal comunidade. As proteccións externas implican relacións intergrupais, i.e. tratan de protexer a existencia e a identidade específicas de grupos étnicos ou nacionais limitando o impacto de accións desintegradoras ou asimilacionistas. O que se pretende é de que non se privará á comunidade ou ao grupo nacional das condicións necesarias para a súa sobrevivencia, polo que son perfectamente lexítimas. Asumindo estas reflexións de Kymlicka, o desexo das minorías nacionais por sobrevivir como sociedades culturalmente diferenciadas e distintas non é un desexo de pureza cultural, senón sinxelamente a arela ao dereito a manter a súa propia pertenza a unha cultura específica así como a continuar desenvolvendo dita cultura do mesmo (e impuro) xeito en que os membros da culturas maioritarias e dominantes poden desenvolver as súas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña