00:10 Xoves, 21 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-08-2013

O paradigma máis claro de hibridismo reflíctese na política lingüística da actual Xunta

Hibridismo para Galiza

Valorar (1)

EDUARDO ÁLVAREZ



Híbrido é aquilo que procede do cruzamento entre dúas especies ou variedades diferentes. As especies puras, afirmaba Darwin nun primeiro momento, teñen os seus órganos de reprodución en perfecta condición, mesmo cando cruzadas producen pouca ou ningunha prole, mentres que as híbridas presentan os seus órganos reprodutivos funcionalmente impotentes, aínda que en si mesmos sexan perfectos en estrutura. Mais, o propio Darwin recoñece tamén que debemos desistir da crenza universal na esterilidade destas especies híbridas porque esta limitación pode ser superada pola domesticación. Dúas especies distintas que se aparean xeran un híbrido que, unha vez domesticado, co paso do tempo, constituirá un novo ser xa non infecundo por obra da submisión. Esta introdución biolóxica, e non sei se atinada cientificamente, sérveme para reflexionar sobre hibridismos que nos asolan, uns xa desde hai tempo, outros máis recentes.            

O paradigma máis claro de hibridismo reflíctese na política lingüística da actual Xunta: 33 por cento do ensino en español, 33 por cento do ensino en inglés e 33 por cento do ensino en galego. O resultado estase mostrando no modelo implantado polo Decreto 79/2010. Deste sistema lingüístico, como afirmaba Darwin, nacerá unha nova especie que, domesticada pola dominante, deixará de ser infértil e fará vivir mil primaveras máis para Galiza. Outra mostra do hibridismo que asola tamén miles de galegos vén constituída polos instrumentos híbridos de capital coñecidos baixo o nome de participacións preferentes. Son híbridos financeiros xa que comparten algunhas características coas obrigas, ao produciren xuros periodicamente, e outras co capital, porque van ligados aos beneficios da entidade como se se tratase de accións. Neste segundo hibridismo tamén se está a cumprir o principio darwiniano: miles de pequenos aforradores subscribiron participacións que, neste caso, xa non só se viron afectadas pola esterilidade senón tamén pola diminución considerábel do seu valor. Banca e poder político a ela subordinada actuaron como domesticadores destes híbridos para conseguiren unha nova fertilidade do sistema económico.      

O terceiro exemplo de hibridismo constitúeo o modelo de ferrocarril que circula nestes momentos en Galiza. Aquí o grao de hibridismo xa é absoluto. Algunhas das vías son de ancho ibérico e outras de ancho internacional, polo que os trens están dotados de eixes variábeis que lles permiten adaptárense no traxecto ás distintas lonxitudes. Parte do trazado está electrificado e outro non, circunstancia que tamén require que as locomotoras sexan híbridas e, cando non se alimentan de electricidade, necesiten automotores propulsados por gasóleo. Uns treitos, aqueles que decorren afastados dos asentamentos poboacionais, foron deseñados en liña recta e neles pódense acadar grandes velocidades; outros, pola contra, conservan o trazado orixinal e, para entrar nos núcleos urbanos, manteñen voltas que requiren desprazamentos moi lentos para garantir a seguridade. Nuns momentos, o sistema de control é automático; noutros, transfórmase en manual e necesita a intervención absoluta do factor humano concentrado na única persoa de un maquinista.

O tren Alvia S-730, o funesto protagonista que ocasionou a recente catástrofe en Galiza, é un tren híbrido, froito tamén dunha híbrida decisión política que pretendía satisfacer o clamor dos galegos por unhas liñas férreas eficientes e rápidas. Xa que a chegada do tren de alta velocidade ía para longo, e dado que parte da infraestrutura estaba construída, a finais de 2009 xurdiu a posibilidade de converter algúns trens eléctricos en unidades híbridas que desen a sensación de que en Galiza existe a alta velocidade. E así, o día 10 de decembro de 2011, as axencias de noticias coincidían en titular “Arrinca a alta velocidade entre A Coruña, Santiago e Ourense”. “Viaxe de unha hora e nove minutos”. “Na viaxe inaugural participaron José Blanco, Alberto Núñez Feijóo, Francisco Álvarez Cascos e os alcaldes das tres cidades”. O redactor dun xornal de ampla difusión afirmaba o día seguinte, en lingua española claro está: Galiza pasou onte a converterse na primeira comunidade do norte de España que conta cun tramo de alta velocidade en servizo... En cambio, estes días posteriores ao accidente, e corrixindo as afirmacións realizadas daquela, Renfe, responsábeis políticos e medios de comunicación que os secundan reiteran que os trens que circulan polo noso territorio non son de alta velocidade senón convencionais. É certo que non pertencen a unha especie nin a outra, son híbridos na primeira fase de apareamento que conseguiron a xeración dun ser especie estéril e portador de destrución.


[07-08-2013 08:01] francisco comentou:

Óptimo artigo. O parágrafo final é, ademais, a proba das continuas manipulacións ao servizo do caos e da confusión: do hibridismo mental.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña