09:48 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-08-2013

Este éxodo ou hemorraxia que non cesa agrava o problema até onde non somos capaces de imaxinar

O maior problema

Valorar (0)

MARICA CAMPO



En xaneiro do ano que vén cumpriranse tres anos desde que comecei a escribir en Terra e Tempo. Na miña primeira achega aludía xa á situación da  mocidade, obrigada a emigrar pola falta de oportunidades na nosa terra e mais en todo o Estado. Hoxe insisto no  tema. Aínda que en ningún momento percibín melloría, senón todo o contrario, son dous feitos os que me empurran a petar na mesma pedra: Dunha banda a visita de Carmen e María, nai e filla cacereñas, e doutra un anuncio da Xunta de Galicia.      

Carmen, a quen coñecín en Canarias hai trinta e cinco anos por mor daquel exilio forzoso a que nos condenaba un concurso de traslados deseñado no franquismo, máis semellante a un bingo que a outra cousa, veu, despois de máis de quince anos sen vérmonos, coa súa María convertida xa en flamante  endocrinóloga. Carmen está viúva e ficará soa porque a filla, non resignándose á precariedade de aquí, atopou traballo nun hospital de Francia. “¿Que está a pasar en España –preguntoulle o entrevistador- para que deixen escapar persoas co teu currículo?”. É un caso entre miles, desde logo dos menos desafortunados polo que a distancia se refire, porque compañeiros e compañeiras seus marcharon a Ecuador ou a países árabes. O día en que tomou a decisión de emigrar detallaba no twitter a composición da equipaxe que levaba. Segundo dicía, o contido principal da súa maleta era o medo, xunto coa rabia por non poder exercer aquí a profesión que lle gusta e para a que se formou a conciencia.    

O anuncio da Xunta ten a ver cunha serie de medidas para incentivar a natalidade. No país de todas as chapuzas, unha máis apenas se notará. Mentres deixan marchar a xente nova (o de deixar é un eufemismo que quere dicir “obrigan”) porque aquí semella non haber lugar para ela, poñen parches na roda sobre a que fan puntaría coas balas da súa ineficacia. Se os que están en idade de procrear marchan, non se sabe a quen queren convencer para que se dediquen ao vello labor de perpetuar a especie. Desde logo que parados e anciáns non poderán axudar moito no asunto.    

Certamente o problema é moi serio. Se xa a taxa de natalidade non é alta, se a perda de habitantes é para alarmarse, este éxodo ou hemorraxia que non cesa agrava o problema até onde non somos capaces de imaxinar.    

A descapitalización, referíndonos primeiro á perda de seres humanos, tamén o é no outro sentido, no da riqueza material. Sábese, por exemplo, que a carreira dun médico vén custando uns 200.000 euros. Non hai máis que botar contas para calcular con canto diñeiro agasallamos aos países que reciben titulados nosos.    

Isto, evidentemente, incide para mal noutro dos grandes retos que temos, o de manter o noso sistema de pensións que, de seguirmos así, esboroarase como un castelo de area.    

Por iso uns gobernantes que non teñan como primeiro obxectivo reter aquí, garantíndolles postos de traballo dignos, aos mozos e mozas que así o desexen, son un calote e unha trampa mortal para o país porque o condenan a non ter futuro. Ben sei que os Rajoy, Feijoo e demais mantedores de tanta desgraza non van ler este artigo; mais, aínda así, apostrófoos e pídolles que se vaian porque, se non son quen de resolver o primeiro de todos os problemas, se non teñen imaxinación para facelo, están de máis e o dano que fan é irreparábel.      


[05-08-2013 21:09] Adela Figueroa comentou:

Formoso artigo. Valente e esclarecedor. Para quem queira entender. Era bem pormo-nos desde já a empurrar. E que se vaiam os Feijoos e os Rajois , por inuteis e por perigosos . Quanto mais durem mais dano ham fazer.
Obrigada Marica pola tua clareza e o teu bem escrever.
Curra

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña