15:52 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-07-2013

Participei, como vén sendo habitual, no acto reivindicativo convocado por Galiza Nova co gallo do Día do Orgullo Gay

LGBT cun punto sobre o I

Valorar (1)

ROBERT NEAL BAXTER



Participei, como vén sendo habitual, no acto reivindicativo convocado por Galiza Nova co gallo do Día do Orgullo Gay sob o lema ‘O noso orgullo, a nosa loita’, entendido ‘orgullo’ non no sentido de ‘fachenda’, mais de non ter que agochar a diferenza por medo, antónimo de ‘vergoña’. Neste acto, un compañeiro preguntou a que viña iso do ‘I’ despois de LGBT que vira nalgún que outro sitio, apostilando que cada vez se van inventando máis cousas novas sen moita razón de ser.

Imos por partes. Por una banda, o propio termo ‘gay’ neste sentido é de relativamente recente creación no galego, introducido a través do inglés, onde foi acuñado nos anos 80 para fuxir das connotacións negativas asociadas co termo ‘homosexualidade’, clasificada como trastorno psiquiátrico pola Asociación Psicolóxica Americana até 1975 e eliminada mediante ratificación da Clasificación Internacional de Doenzas (ICD-10) da OMS en 1990. Xa se comeza a albiscar o valor que poden chegar a ter a palabras…          

Para alén do máis, cabe indicar que o termo ‘gay’ non se refire estrito senso só á homosexualidade masculina, mais que, en principio, engloba calquera relación afectiva e/ou sexual entre persoas do mesmo sexo, incluídos o lesbianismo e a bisexualidade. Ora ben, o significado das palabras non é aquel que marcan os dicionarios, nin a etimoloxía, mais o uso que fan delas quen as usan, ou sexa que están suxeitas a concepcións e prexuízos altamente ideoloxizados segundo os valores que predominan en cada sociedade e en cada momento. De aí a necesidade de incluír o L, o B e o T de ‘lesbiana’, ‘bisexual’ e ‘transxénero’ de maneira explícita para lles dar visibilidade, evitando que sexan eclipsados pola homosexualidade masculina predominante coa que se tende a asociar o G de ‘gay’.          
Por outra banda, a inclusión do ‘I’, que representa a ‘intersexualidade’, tamén non é tan recente, pois, se ben a sigla LGBT foi rexistrada por vez primeira nos países anglófonos en 1996, a inclusión do ‘i’ final só data de tres anos máis tarde, en 1999. Con efeito, o acrecentamento do T a LGB apenas data dos anos 90 e no seu día –e, até certo punto, aínda hoxe– non foi exento de polémica. Deste xeito, as siglas LGBT non se refiren exclusivamente á orientación sexual, senón máis amplamente tamén á identidade sexual e/ou de xénero, polo que o I tamén ten plena cabida para reflectir calquera realidade non-heterosexual e non-cisxénero, ou sexa unha identidade de xénero onde a autopercepción de xénero dun individuo corresponde co sexo que lle foi asignado ao nacer.        
O termo ‘intersexualidade’ foi acuñado no campo da medicina a principios do século 21 para caracterizar variacións nas combinacións do xenótipo cromosómico (XY/XX), as gónadas (testículos/ovarios) e os xenitais (pene/vaxina) diferentes do binomio canónico ‘home’~‘muller’. Trátase, pois, dunha identidade de xénero desligada da orientación sexual (homosexual, heterosexual, etc.) e tamén diferente de ser transxénero, que implica unha falta de coincidencia entre a identidade de xénero dun individuo e o sexo que lle foi asignado ao nacer. Esta mudanza na nomenclatura reflicte o caso anterior de substituír ‘homosexual’ por ‘gay’ para evitar, neste caso, a denominación ‘hermafrodita’ que se só se aplica a animais e plantas e que non implica, polo tanto, cuestións de identidade de xénero e cuxo uso resulta erróneo aplicado ao caso dos seres humanos, para alén de potencialmente pexorativo.          

E, así, chegamos de volta á cuestión do valor da palabras. Quen non teña claro por que é preferíbel utilizar ‘intersexo’ no canto de ‘hermafrodita’ debería preguntarse se tanto ten que se diga ‘gay’ ou ‘lesbiana’ no canto de ‘marica’ ou ‘tortillera’…          

A linguaxe non só existe e se forma dentro dunha determinada sociedade, mais tamén serve de vehículo dunha determinada cosmovisión que repousa sobre crenzas e valores relixiosos, políticos, etc., como fica patente segundo se se define a Galiza como ‘nación’ ou ‘rexión’ e a súa fala como ‘lingua’ ou ‘dialecto’. As verbas case nunca son inocuas, sobre todo ao tratarse de fenómenos socialmente minorizados e marxinados, suxeitos a un claro peso ideolóxico, polo que as debemos manexar sempre coa máxima cautela se o que pretendemos é mudar o mundo para mellor, combatendo as desigualdades e discriminacións que emanan dos valores patriarcais sobre os que se alicerza a sociedade actual.        

Voltando agora para o tema das siglas, aínda se pode ir ampliando máis a base LGB, ao engadir ‘pansexual’, ‘asexual’, ‘outro’, etc. No entanto, a dúbida que debe suscitar esta restra case interminábel de identificativos diversos é se non sería máis positivo, máis revolucionario, romper coa etiquetaxe sociosexual imposta onde cada individuo se ve obrigado a se conformar a unha determinada categoría en función da súa actividade (ou falta de actividade) afectiva e/ou sexual. Concordo plenamente co propósito do ensaio Queer-emos un mundo novo de Teresa Moure que anuncia a necesidade de rachar coas “cápsulas, xéneros e falsas clasificacións” para que cada quen puider vivir a súa vida emocional e sexual de xeito xenuinamente libre, mudando de xeito fluído se callar ao longo do tempo, e sen ter que anunciarse publicamente como pertencente a unha determinada categoría preestabelecida, ditada por unha sociedade cuxas normas dominantes se basean na heterosexualidade e en ser cisxénero. Indubidabelmente, a teoría queer fai unha innovadora achega que nos permite vivir na intencional indefinición permanente que nos torna, á vez, máis libres. Trátase, porén, dun concepto centrado no individuo e xa non tanto na sociedade e, se ben é certo que cada un/ha debería poder optar por non definirse deste xeito segundo os canons imperantes, ao mesmo tempo non se pode eludir o facto de a sociedade patriarcal, tal e como hoxe a coñecemos, seguir a empeñarse en impor etiquetas e que destas etiquetas deriva o recoñecemento ou a negación de determinados dereitos.        

Se ben o obxectivo último non debe ser outro que a superación das etiquetas, a sociedade, a realidade en que tod@s vivimos inserid@s queiramos ou non, funciona sobre a base de prexuízos e a negación da diversidade, desde a discriminación lexislativa até a violencia, mesmo chegando á morte por non se conformar aos padróns sexuais e de xéneros imperantes. No escuro catálogo de crimes de odio, podemos citar a violación e o asasinato do transexual Brandon Teena nos EUA en 1993 ou os casos do denominado ‘estupro correctivo’, que consiste na violación de lesbianas con casos rexistrados en Cimbabue, Ecuador e, sobre todo, África do Sul, que conta con 500 vítimas cada ano segundo Luleki Sizwe e onde se ten constancia de 30 casos que acabaron en morte. Brasil tamén está a sufrir un auténtico homocausto, con máis de 3.000 casos entre 1980 e 2009 segundo a ONG Grupo Gay da Bahia, onde os asasinatos destacan por seren especialmente brutais. Por último, cabe lembrar que a homosexualidade é puníbel coa pena de morte en oito países: Irán (execución de, polo menos, 107 persoas acusadas de actos homosexuais entre 1979 e 1990 segundo o grupo de defensa dos dereitos humanos Omid), Mauritania, Arabia Saudita, Sudán, Iemen e partes de Nixeria, Gambia e Somalia. Nestes casos o peso preponderante da relixión islámica fica claro.        

Así, a curto prazo, o primeiro paso cara á superación da discriminación consiste na visibilización da diferenza, xa que non se pode reivindicar os dereitos dun colectivo que non se dá a ver. De aí a necesidade, hoxe por hoxe, de incluír outras identidades e novas siglas, e cantas máis mellor. O cuestionamento do compañeiro durante o acto que comentei ao principio deste artigo é, de por si, positivo: pode que, nun primeiro momento, a reacción non sexa a máis receptiva, mais polo menos a inclusión do I permite sacar o tema da intersexualidade e falar del: tórnase unha realidade social que, doutro xeito, ficaría diluída e ocultada baixo os termos xenéricos ‘gay’ ou ‘queer’.


1 2 seguinte

[28-07-2013 20:51] Yolanda comentou:

Alberte, o teu tamén é para ir miralo...canto resentimento

[28-07-2013 19:46] Robert Neal Baxter comentou:

Estimado Alberte Nonmedidentifico Nonvaiaser,
Grazas polo comentario construtivo, mais en todo o caso debo confesar que os artigos non os escribo pensando en ti, xa que, como nin te identificas tamén non podo saber quen es.
Non é ningunha obriga ler estes meus artigos.
Se tan te aburren, recomenadíache que desistires, que te vas provocar unha úlcera.
De todo non sei, nin pretendo saber, mais dalgunhas cousas si, e doutros procuro informarme... Máis aburrido sería, creo, publicar todos os meses un refrito do mesmo tema.
Á espera de teres algo máis interesante que contribuír,

[28-07-2013 19:31] Eu comentou:

Alberte, non é obrigatorio ler nada que che aburra. E que che miren iso de non saberes dicir cousas en galego.

[28-07-2013 11:16] Raquel Trigo comentou:

Tes toda a razón do mundo, Neal. Ninguén será completamente libre ata que non se desate das etiquetas que pon a sociedade. Aínda queda un longo camiño, mais conseguirase!

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña