23:09 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-07-2013

Afirmar que o descubrimento do sartego en Santiago é a orixe dos camiños galegos é desprezalo noso pasado e acabar con moitos séculos de historia das nosas vías

A orixe do sistema viario do camiño norte

Valorar (0)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Certas fontes historiográficas afirman que o sistema viario galego, polo menos o referido a Lugo e en especial o do norte da provincia, deriva do fenómeno xacobeo, vendo tan só nas peregrinacións a Compostela o xerme da nosa rede viaria. Non podemos, en absoluto, compartir esta afirmación. Somos conscientes de que as peregrinacións alteraron profundamente o sistema viario existente, que xa levaba bastantes séculos sendo empregado. Afirmar que o descubrimento do sartego en Santiago é a orixe dos camiños galegos é desprezalo noso pasado e acabar con moitos séculos de historia das nosas vías.      

No que se refire á entrada en Galiza deste Camiño do Norte podemos afirmar que moito antes da aparición do sartego do Apóstolo xa existen referencias documentais que fan mención a esta antiga ruta. Lembremos o documento do rei Silo (775) no que se fala dun camiño vello que sae de Ribadeo cara Lourenzá e que é definido como antiqua stratta, este termo pode facer referencia ben a un camiño datado no alto medievo galego ou, tal e como afirman certos investigadores, a unha vía romana que os peregrinos empregaron polo estado aceptable de conservación.         

Esta vía romana chegaría ata a actual cidade de Mondoñedo, onde estaría a cidade de Laniobria (Terras do Bría) tal e como defendía Francisco Mayán, baseándose na aparición no III Concilio de Toledo dun bispo chamado Ermerico  ao que definen como Laniobrense.        

En Mondoñedo temos constancia dunha calzada romana que despois de cruza-la ponte de Ruzos (hoxe coñecida como do Pasatempo pola vinculación ca lenda do Mariscal Pardo de Cela) chegaría ata Lugo e posteriormente á meseta peninsular. Outra vía con vestixios relativos á presenza romana sae de Mondoñedo pasando por Cesuras, Pena da Roca ata chegar a Abadín, trazado orixinal do Camiño do Norte.      

Non era esta vía romana a única existente no norte lucense. A recente aparición dunha domus romana en Burela  así como os xa coñecidos restos romanos aparecidos en Viveiro e en Bares confirman a existencia dunha que poñía en contacto tódalas poboacións  costeiras do norte galego. Esta idea ven reforzada polo achado dúas laudas romanas dedicadas a deuses viarios no concello de Cervo. Tampouco podemos esquecernos daquela famosa Cauca, cidade natal do emperador Teodosio, que Murguía localizaba en Viveiro.        

O libro Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico, obra dos profesores Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey é a primeira publicación na que aparece unha referencia á vía costeira atlántica, que se prolongaría, por unha parte, ata Brigantium (A Coruña) e, por outra, cara a Gigia? (Xixón).        

Que o mundo romano foi responsable da transformación do sistema viario lucense é innegable. A aparición da cidade de Lugo xerou toda unha nova infraestrutura viaria, temos constancia da construción de estradas e de pontes entorno ás que apareceron miliarios, pero iso non quere dicir que a rede viaria do norte de Lugo tivese a súa orixe no mundo romano xa que era moi anterior.        

Xoán Carneiro Rei escribía no 2005 un interesantísimo artigo titulado Antas no Camiño. Prehistoria e arqueoloxía nos camiños xacobeos do Norte, no que falaba da vinculación existente entre o nacemento dos camiños e a localización dos túmulos funerarios megalíticos. Cando aborda o tema da entrada en Galiza do Camiño Norte por Ribadeo menciona o xacemento de Vilaselán (Louselas) datado no Paleolítico Inferior; outros xacementos do Paleolítico Superior atópanse en Xermade, Vilalba ou Abadín.        

Se a presenza de castros e mámoas é abundante en Ribadeo e nas terras da Mariña non o é tanto como na zona de Vilalba na que se teñen catalogados máis de 30 castros e 200 medorras nas que apareceron machados de pedra, de bronce, coitelos de sílex e, como non, petróglifos, senlleira representación artística da Idade do Bronce. Non podemos esquecernos do achado, moi preto do trazado do Camiño Norte, dun círculo lítico en Santiago de Reinante (Concello de Barreiros, coñecido popularmente coma o Castro da Roda) datado no Bronce, entre o 3000 e o 1500 antes de Cristo, ata agora único exemplo en Galiza deste tipo de construcións xa que o aparecido en Guntín, tamén moi preto do Camiño Norte, está bastante deteriorado e só puideron rescata-la metade da estrutura. Carneiro Rei estuda no seu artigo dúas zonas onde proliferan as necrópoles como son a Terra de Vilalba e a Terra de Melide, en cada unha delas téñense catalogado máis de 200 mámoas. Neste citado artigo pon de manifesto a relación que existe entre necrópoles e camiños, chegando a afirmar que moitas necrópoles están situadas en zonas estratéxicas de pasos naturais que foron utilizados dende moi antigo e ao longo de tódalas épocas. Así os lugares elixidos polos nosos devanceiros para o asentamento das súas necrópoles respondían a que estes eran de fácil acceso, sen condicións orográficas difíciles, sendo esta a mesma razón pola cal se foron construíndo camiños neses lugares. Camiños que se irán superpoñendo uns a outros tendo a súa orixe no mundo megalítico e continuándose polo castrexo, romano e medieval. Nesta última etapa aparecen os camiños de peregrinación, reutilización das vías romanas en moitos casos, que serán substituídos polos camiños reais e actuais estradas.          

Carneiro Rei emprega como exemplo do que acabamos de expoñer a medorra de Fanegas, situada na Terra de Melide. Un túmulo megalítico que os romanos, asentados no campamento próximo de Cidadela, empregaron como posto defensivo. Sobre o túmulo erixiron unha construción rectangular que servía de corpo de garda para vixiar e protexer ese camiño romano que chegaba ata o campamento. Un pouco máis arriba deste camiño, e moitos anos despois, constrúese o Camiño Real, que moitos anos máis tarde será substituído pola actual estrada. Outro exemplo atopámolo no viaduto de Boizán (Vilalba). Este viaduto levantouse  moi preto do Camiño do Norte, paso medieval de peregrinos, tamén está moi preto á actual estrada pero o que pouca xente sabe é que ese viaduto foi construído sobre un asentamento Neolítico.        

Polo tanto os nosos devanceiros do megalítico buscaban lugares de paso entre as zonas de serra e as do val, con fácil accesibilidade, dende os que puidesen vixiar e controlar o espazo para erixir os seus asentamentos e as súas necrópoles, pero de quen aprenderon?. No  citado artigo Carneiro Rei asegura que nun estudio realizado sobre a itinerancia dos cabalos que viven en réxime de semiliberdade, amosouse que o emprazamento de túmulos correspondía a zonas polas que transitaban estes animais, polo que os camiños non eran máis que a culturización dunhas vías naturais de tránsito.          

Recapitulando, non descartamos que o fenómeno xacobeo alterase certos camiños, de igual maneira que o dominio romano alterou considerablemente o sistema viario galego, pero non podemos afirmar que as peregrinacións son a orixe dos camiños, polo menos en Galiza tal e como levamos visto xa que os camiños do noso país, de igual maneira que a nosa cultura, afunde as súas raíces no principio da propia historia.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña