10:55 Domingo, 07 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-04-2010

En case ningún Estado do mundo se entende que a dupla nacionalidade conleve o dereito a votar nos procesos electorais de dous Estados distintos

Este vaise e aquel vaise, e todos, todos se van,... pero poden seguir votando

Valorar (12)

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS



Abondou con que trascendese aos medios de comunicación que no Congreso dos Deputados estase a estudar unha reforma do voto  CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes que viven no estranxeiro) para que se suscitase a polémica. Queren acabar cos dereitos dos emigrantes!   Queren excluír aos galegos da diáspora!.

Apélase á emotividade para impedir unha reflexión serena e racional sobre  as reformas a abordar. E ningunha reforma atacará a raíz real do problema se non se sustenta en dous piares. Non abonda con cambiar o   procedemento de votación para que reúna todas as garantías democráticas, é necesario regular o alcance do dereito de sufraxio, limitando a determinados supostos o recoñecemento do dereito de voto. Non para acabar cos dereitos dos emigrantes, senón para protexer os dereitos dos residentes en Galiza.

Co voto CERA somos vítimas de dúas confusións terminolóxicas. A primeira confusión ven determinada polo propio concepto de residente ausente. Un residente ausente "stricto sensu" é unha persoa natural ou con residencia habitual en Galiza que por circunstancias conxunturais reside temporalmente fóra. Mais este non é o caso de boa parte dos máis de 350.000 inscritos no CERA en Galiza, pois nin naceron nin residiron nunca no país.

A segunda  é a equiparación de "galeguidade"  e "cidadán galego".  Ninguén cuestiona a "galeguidade" das persoas nacidas no noso país nin dos seus descendentes, nin a necesidade de manter e cultivar os seus vencellos con Galiza. Mais, é lóxico que estas persoas que non residen en Galiza voten nos procesos electorais da nosa nación?.

Alguén se imaxina que na República de Irlanda puidesen votar os millóns de estadounidenses de orixe irlandesa?. Escusarían votar os catro millóns de residentes en Éire (Irlanda) pois o seu voto futuro xa se decidiría en  Boston, Chicago ou Nova Iorque.

Alguén se imaxina que o que subscribe  puidese votar nas eleccións municipais de Cartaxena  polo simples feito de ser neto dun cartaxinés?

É lóxico que poida votar en Galiza un arxentino neto de galegos con residencia en Bos Aires e non o poida facer un mozo galego recentemente emigrado ás Canarias?

É democrático que nunhas eleccións municipais poida votar unha persoa que nunca residiu no concello e non o poida facer un extracomunitario con anos de residencia no mesmo?

É normal que o CERA siga aumentando exponencialmente, e estes electores representen  unha fracción cada vez máis grande do censo electoral, pese a que o fluxo migratorio de Galiza cos países alén das  fronteiras españolas deixou hai anos de ser negativo?

Estas son as preguntas que hai que respostar se queremos facer unha reflexión racional sobre as implicacións do actual sistema. Un sistema que perxudica electoralmente ao nacionalismo pero sobre todo perxudica  a Galiza.

Perxudica electoralmente ao nacionalismo polo carácter clientelar deste voto, dominado polo partido que goberna o Estado e controla as redes consulares e asistenciais, mais tamén porque a propria lonxanía e a falta de contacto co día a día do país, fai que os referentes políticos sexan só os que aparecen nas canles internacionais de televisión ou, por mímese, aqueles de máis doada homologación coas forzas políticas do Estado no que se reside.

Pero sobre todo perxudica a Galiza, limita a efectos prácticos os dereitos dos residentes de Galiza.

O peso político de Galiza, mesmo en termos electorais, é cada vez  menor e iso ten efectos prácticos negativos para intentar condicionar con posicións de país a política estatal.

O noso peso electoral diminúe por mor do noso estancamento demográfico pero tamén por un  sistema electoral negativo para Galiza ao  estableecer a provincia, e non a comunidade autónoma,  como circunscripción electoral  e  atribuír o número de escanos no Congreso que corresponde a cada provincia tomando como base a poboación de dereito e non o censo electoral. Pensemos no que isto conleva:

Os menores de 18 anos, pese a non ter dereito de voto, contan para determinar o número de escanos, o que perxudica a Galiza  por ter unha poboación envellecida e representar os menores de 18 anos unha fracción menor de poboación que noutros territorios.

Os inmigrantes contan tamén para determinar o número de escanos pese a non poder votar, e Galiza volta saír perxudicada por ter unha porcentaxe de poboación inmigrante sensibelmente inferior á media estatal.

E ainda por riba poden votar os chamados residentes ausentes pero non son tidos en conta para determinar o número de escanos por non formar parte da poboación de dereito.

Conclusión: o peso electoral dos residentes en Galiza é cada vez máis diminuído.

O Estado español é unha excepción no mundo:

En case ningún Estado do mundo enténdese que a  dupla nacionalidade conleve o dereito a votar nos procesos eleitorais de dous Estados distintos. O principio asentado no mundo  é que se vota no Estado no que se reside.

En case todos os Estados o dereito de voto dos emigrantes está acoutado a un limitado período de tempo desde que se produciu o cambio de residencia ao exterior, ou ben  a participación nos procesos electorais redúcese  á escolla directa dun número reducido de representantes na Cámara alta, sen estenderse ao resto dos procesos electorais. 

Na orixe da  propia democracia está o principio "se contribúes, votas". Se pertences a unha comunidade e cumpres coas túas obrigas para con ela tes dereito a participar das decisións que afectan ao seu futuro.

A nosa poetisa nacional Rosalía de Castro cantou no  seu poema "¡Pra Habana!" o drama da emigración, non só na súa dimensión individual, senón sobre todo na súa dimensión social: a sangría que representou para Galiza (..."Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar. Tés, en cambio, orfos e orfas e campos de soledad.....").

Hoxe, sen deixar de sentirnos irmáns dos nosos emigrantes, sen deixar de afirmar o dereito a vivir e traballar na terra, temos que afirmar que o futuro de Galiza, a través do dereito de voto, deben decidilo os que viven e traballan nela.



[29-04-2010 ] Laureano comentou:

Ninguén lle quere retirar o dereito ao voto aos emigrantes.

No debate sobre o voto dos residentes ausentes (algúns ausentísimos) escóitase decote falar da eliminación do dereito ao voto dos e das emigrantes. Por máis que lle dou voltas ao tema non acabo de atopar a eliminación de dereito algún nesta cuestión, o que vexo é a vontade de regular o exercicio deste dereito.

Que as galegas e os galegos teñen dereito ao voto na nosa terra é algo que non debe dar lugar a discusión, a cuestión está nos requisitos que debemos cumprir para exercelo en cada momento.

Os galegos e as galegas inscritos no CERA non perderían en ningún caso o seu dereito ao voto. En caso de trasladaren a súa residencia a Galiza poderían participar nos procesos electorais. Isto é así porque non perderon o dereito a facelo, simplemente se estebeleceu un requisito para o seu exercicio: a residencia.

Por poñer un exemplo:

Temos dereito á atención sanitaria? É evidente que o temos.
Mais esíxenme un certificado de empadroamento para asignarme un ou unha médico no centro de saúde de Compostela. Están eliminando deste xeito o meu dereito á atención médica? Non, están estabelecendo un requisito para exercer ese dereito, debo estar empadroado en Compostela para que se me asigne o centro médico desa cidade.


Do mesmo xeito:
Temos os galegos e galegas dereito ao voto en Galiza? Temos.
Máis esíxenme residir no lugar do que vou elixir o goberno. Están eliminando o meu dereito? Pois non, están estabelecendo un requisito para o exercicio dese dereito. En canto traslade a miña residencia a Galiza poderei elixir o seu goberno xa que conservo o meu dereito a facelo.

Non se perde dereito ningún, regúlase estabelecendo un requisito para o seu exercicio. Un requisito que, por outra banda, semella bastante razoábel.

[25-04-2010 ] Eu comentou:

Ao que pergunta ao vento esquéceselle mencionar que a meirande parte dos emigrantes non poden votar, os centos de milleiros de compatriotas que están no País Vasco, Cataluña, Madrid, ou embarcados, négaselles o dereito a votar en Galiza e nin el nin ninguén di nada... Pero cando se cuestiona o dereito a votar (e en condicións absolutamente manipuladas) de xente que en moitos casos só é descendente de emigrantes, mira como reaccionan algúns...

[24-04-2010 ] perguntoaoventoquepassa comentou:

Deste xeito, como vostede pasa a maioría do tempo en Madrí (capital do Estado Español) tampouco debería ter direito a votar na Galicia.

Parécemo moi triste que un dirixente nacionalista insinue que os que sofren a diáspora non deberían ter direito a decidir sobor do futuro da Terra que levan no corazón'e. Mais claro, coma o corazón non da lugar a nada produtivo, é perfectamente comprensible tirarlle-lo dereito de decisión aos nosos emigrantes. Ademais, o voto emigrante adoita sustraerlle peso político ao BNG, pra qué molestarse en tentar convencer a alguén do teu pensamento, en mellorar as canles de comunicación coa diáspora e ofrecerlle unha alternativa convincente, se podes borra-lo do censo eleitoral?

E é que aos nosos emigrantes non se lles nega o direito a vivir e traballar na Terra, probablemente nunca se lles negou, marcharon por que quixeron, por vicio, pois resulta que pasar fame de ningún xeito supón negarlle a ninguén o direito a vivir e traballar na Terra propia. Porqué non lles expropiamo-las terras que lles herdaron os seus antergos tamén? Total, pra que as queren estando na Venezuela ou en México? É imposible que continuen soñando en tornar á Terra nai algún día!

Tódolos problemas da Galicia xorden do xeito en que se conta a xente. A que mente perversa se lle puido ocorrer ter en conta inmigrantes e menores de 18 anos? A única cousa boa que se pode facer con alguén que non pode votar é ignoralo (pouco importa que ese alguén poida chegar a ter dereito a voto nun futuro). A traxedia demográfica que sofreu este país ao longo do século XX nada tivo que ver coa perda de influencia política da Galicia no conxunto do Estado, e que os partidos galegos pasasen de ter un papel decisivo en Madrí ao escano simbólico do BNG non pode estar relacionado con ese feito de ningunha das maneiras. Se podemos queixarnos de que non se xoga co censo do xeito no que nos é máis favorable, pra qué imos sequera pensar en facer unha aposta valente de país e fomenta-la "repatriación" de parte da diáspora pra gañar peso político deste xeito? Utopías...

Iso sí, como ben cantaba Suso Vaamonde, na vida dubidaremos en "dicir á porfía que somos irmaus" e endexamais renunciaremos aos cantos dos nosos bardos inspirados na tristura da partida da nosa xentiña (estraño que os seus versos non pedisen que se lles reclamase ao pobo o "carné de votante" ao embarcar).

De tódolos xeitos, todo iste palique está condeado á nimiedade. Os fillos da diáspora "vienen a España", van "al Centro GaLLego", votar nas eleiciós galegas? "¿Y eso para qué sirve?" Non se molesten en negarlle "legalmente" o direito a voto aos emigrantes, daquí a pouco aos fillos da diáspora non lles interesará sequera saber se teñen dereito a opinar sobor do futuro da Terra dos seus antergos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña