09:15 Mércores, 30 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-04-2010

Compiten pobos por espallar as súas características, a súa marca histórica, por incorporar aos listados de Patrimonio Mundial da Paisaxe Cultural Agraria

O Patrimonio Agrario Galego

Valorar (8)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Xugo


Desde 1983 a xornada do día 18 de abril está dedicada polo ICOMOS como Día Internacional dos Monumentos e dos Sitios. Nova advocación global seguida das conseguintes liturxias posmodernas. Aproveitámola como chamada á sensibilización, á salvagarda de canto significa a historia, a identidade, esas particularidades que debuxan a universalidade. Nesta ocasión a celebración xirará arredor do patrimonio agrario, das paisaxes humanizadas.  Escenarios nos que se empregaron técnicas aprendidas e desenvoltas dende a arrogante "domesticación"  dos  labregos e gandeiros neolíticos. Paisaxes nas que a paisanaxe  pon en práctica  sistemas e medios de producción que dan de comer e fan posible a vida. A  espontánea e elemental contribución ao desenvolvemento sostible. O principio e a fonte da civilización e da cultura.

Patrimonio multidimensional  que parte da natureza, tratada polos seres humanos en base ás  súas comenencias de subsistencia . Paisaxe cultural, base do cultivo, da primeira cultura, de xeitos de organización e relación para producir alimentos. Implica  pois  tradicións, innovacións, relacións. Legado de saberes, patrimonio ideolóxico, intanxible cos conseguintes efectos prácticos, un patrimonio tanxible con toda a súa secuencia lóxica: acondicionamentos e intervencións no terreo, con socalcos, comareiros.... hortas, lameiros, viveiros, construccións auxiliares, sistemas de regos, pozos,  aceas,  marcos, cerramentos con valados, muros, vexetais, de xesta, loureiro, fiafeira, vimbios... rozas, tipos de cultivos, cavados, sucos, de poda, esmouca e enxertos... Por exemplo o ciclo da arquitectura do pan: que vai dos campos traballados ás eiras, logo aos hórreos e pasa polos muíños, os fornos, a feira e o mercado. Como tamén a arquitectura e a conseguinte artesanía do viño, a da castaña, do gando... con todas  as ferramentas e trebellos complementarios  para o traballo e para o transporte: sachos, fouciñas, gadañas, cestos, arados, reixas, o carro....  mundo que condiciona a solidarización, a feira, a festa, lendas, contos, cantos, refráns. Mesmamente os nomes dos lugares terán relación coas súas características topográficas, co traballo, coa pertenza a un propietario ou mesmo será imposto por normas xurídico políticas. Terra que non sempre será de quen a traballa, que se repartirá en honras e honores,  en latifundios e minifundios, regadas polo suor, eidos de abuso e escravismo. O bautismo da terra nace cando nace o idioma. E nese fiar o idioma e a cultura desenvólvese co traballo. Cando se perden as tradicións, a memoria, o senso colectivo do Nós, nacido arredor do reparto do traballo, das crenzas... a cultura, tamén sofre, esfiáñase   atrapállase o idioma e conseguintemente a identidade. Acontece logo a crise cos conseguintes efectos: a anomia. Pola contra ensaríllanse todos os "feísmos" campantes, físicos e psíquicos e conseguintemente o neoesclavismo pasando a ser impulsivos e manipulables consumidores.

Na actualidade compiten pobos  por espallar as súas características, a súa marca histórica, por incorporar aos listados de Patrimonio Mundial da Paisaxe Cultural Agraria os seus significativos herdos. Por exemplo velaí as terrazas de arroz de Luzón en Filipinas, os cultivos de café de Viñales en Cuba, os viñedos de Tocaj en Hungría e do Alto Rhin en Alemania, o Alto Douro Portugués, a beiramar Amalfitana, os muíños holandeses de Kindedijk-Elshout,... entre moitas outras  "paisaxes fósiles",  ecosistemas, con pervivencias ou demostracións ecomuseísticas de antigas técnicas agrícolas e gandeiras que avalían novos xeitos máis rendibles e cómodos para a explotación.

Moito poderiamos falar en Galiza destas cousas, pois até estes nosos tempos dos supermercados, da macdonalización  e da cocacolonización vivimos o derradeiro Neolítico . Vestixios en ocasións pouco considerados á hora da salvagarda por todo o amplo aparato administrativo: desde os petroglifos da prehistoria, alusivos a escenas de caza, doma no entorno de nacedoiros, curros...campos de pastoreo, trampas,  foxos do lobo,... até unha ampla gama de  construcións complementarias para a  estabulación, como para a producción e conservación de alimentos, como neveiros, cabaceiros, canastros, chozos, adegas, sequeiros, almazaras, cortellos para o gando,.... até os sistemas de cavados e arados, reixas... os transportes, como o carro de vacas, con todas as súas tipoloxías e complementos... os  cestos, culeiros e molidas das vendimas,... das medidas,....Obxectos na actualidade desaparecidos do seu medio, a non ser anacos de madeira podrecendo baixo o pendello,  alimentando o lume das lareiras ou mais ben no chamarileo e no anticuario. Bo mérito tiveron sensibilidades como Benigno Eiriz, que en terras leonesas de Alija del Infantado reuniu unha gran colección de artefactos galegos, teimosa afección  que lle custou a vida; como tamén Olimpio Liste en Oseira ou Narciso Luaces en Meixido de Origueira, Montecaxado nas Pontes, o Colexio da Capela....entre moitos outros que fixeron ou  fan o que todo o aparato administrativo é incapaz de facer entre os megalocaprichos miméticos: recuperar e poñer a salvo recursos de identidade, cultura, turismo.

Por cuestión urbanísticas, ampliación de vías esmoréanse e pérdense sistemas de peche tradicionais, vexetais, de madeira ou pedra, pasando  esta pedra -  gastada polos anos, quizás reaproveitada xa de castros, torres ou mosteiros derrubados -  a nutrir o mercado, como "pedra rústica", para cubrir as paredes e amparar as nostalxias dalgún novo rico.

Coidamos que das grandes obras da Galiza de todos os tempos, son as paisaxes asocalcadas do Bibei,  a "Ribeira Sacra" do Sil e máis do Miño,  Beade no Ribeiro.... ancestral lección de viticultura e vinicultura, tamén degradada por diferentes gamas de insensibilidades.  Nas terras do Rosal os Muíños do Folón e do Picón, obra da Ilustración...e o universo dos mosteiros, dos igrexarios das parroquias coas súas hortas ben coutadas, eiras, hórreos, pombais, combarrizos,...  como dos  pazos, cos vestixios da súas primeiras torres, cortes, casas de caseiros, ostentosa fachada brasonada, dependencias cuartos, mobiliario,... arrodeado de xardín, hortas, viñedos, soutos, carballeiras, inspiradores bosques animados polas que se presinte o paso das señas e das compañas. Somos o que temos e o como o coidamos e presentamos. E detrás de todo o teimudo esforzo dos grandes precursores estudiosos, incluso esquecidos nas nosas universidades: o padre Sarmiento, Feixóo, Cornide, Murguía, Castelao, Risco, Cuevillas, Xaquín Lourenzo, Taboada Chivite, Fernández Oxea, Filgueira Valverde, Chamoso Lamas,... A máis aínda poucas bisbarras haberá que non teñan seu sabio local, unha asociación ou colectivo preocupado por estas cuestións de tradición , cultura e identidade.  Á forza o espírito peta pra voltar a pousar os pes na terra que nos da de comer si a sabemos aproveitar e nos permite SER.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña