05:51 Domingo, 26 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-04-2010

serás desde agora a Chousa da Liberdade, ou a Chousa do Respecto Profundo, ou a Chousa da Nova Esperanza Democrática

A chousa dos mortos

Valorar (20)

XOSÉ LUÍS RIVAS (MINI)


"Non enterran cadaveres; enterran semente" ("Galicia mártir", Castelao)


Eu sei que tés outro nome Agra da Vila, e sei tamén que non che agradou que os homes cho cambiaramos hai 71 anos. E eu estou disposto a mudarcho outra vez, porque para min serás desde agora a Chousa da Liberdade, ou a Chousa do Respecto Profundo, ou a Chousa da Nova Esperanza Democrática. En realidade non sei cal escoller. Se cadra todos porque todos eles teñen sentido para a miña vivencia.

Coñecinte hai tres anos. Penetrei en ti un día de verán na compaña duns amigos na procura do teu tesouro. Estaba agachado, cuberto de fieitos e silvas e sobre de todo da casca ruidosa do eucalipto. Demos entrado moi pouco e o teu valor estaba cuberto, difuso. Tiñas medo a mostrarme os lugares onde agachabas as probas da traxedia acaecida en ti hai agora sete décadas e un pico cativo.

Ese día e moitos máis que te visitei sentín a túa soidade, o teu silencio e sentín sobre todo a presencia da traxedia, o esquecemento obrigado de tantos anos e a nova imposición do silencio "democrático" que non quere sacar á luz a túa historia e as vidas arrincadas hai tantos anos xa dun xeito brutal e desesperado. Todo iso sentín a un tempo.

E cando o tempo foi maduro volvemos, a cara descuberta, coa razón que nos asistía na celebración da liberdade e coa intención de remexer nas túas entrañas até conseguir arrincarche o segredo tan celosa e ignominiosamente gardado. E furámoste, destripámoste metro a metro, centímetro a centímetro. E déchesnolo, só en parte porque faltan dous. E tés que ter presente que non pararemos ata que nolos deas. Até que os botes fóra de ti, porque non che pertencen. Son nosos.

De todas maneiras estámosche profundamente agradecidos por telos gardado tan agarimosamente, por terlles deixado durmir na túa paz o derradeiro sono.

Pero estando no labor da colleita agardada fuches o berce de novas e inesperadas sensacións. O pobo que alí se xuntou, sinxelo, do País de sempre, vello, sabio e sucado por profundas feridas falou coma nunca falara. Con respecto, a media voz pero con firmeza. E reconstruíu  palabra a palabra, para nós, para os que non eramos nados naquel tempo, os feitos e o delicto. Con que lucidez  falaban as gorxas enrouquecidas polos anos de viño amargo de medo e represión. A media voz e coa claridade coa que falan os de antes, os de sempre. Por iso fuches espacio de liberdade. Nunca, nos meus bastantes anos de vida, tiña oído relatar os anos do medo con tanta precisión e con tanta viveza no recordo.

E xa o sabes, teremos que volver a ti, unha e outra vez porque ti, Galicia, es a enorme Chousa dos Mortos que pouco a pouco teremos que ir desentrañando, enchendo de pedras fitas que marquen os lugares da ignominia, os lugares da vergoña colectiva por tantos anos de medo e de silencio.

Algún día sentaremos a falar riba das túas foxas, riba das túas feridas para estiñalas. E falaremos da túa inmensa dor, da nosa enorme dor, das nosas irrenunciables esperanzas contigo, Galicia. Doída Matria nosa. E falaremos con total tranquilidade, déixennos ou non, da grande Chousa de mortos en vida en que converteron este País, o noso, desde aqueles anos... Pero isto queda para outra vez...


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña