02:14 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-06-2013

Hoxe xa non se di “de Madrid al cielo”. Habería que cambiar o aforismo por “de Madrid ao caos”

De Madrid ao caos

Valorar (9)

MARICA CAMPO



Sempre fun unha afervoada defensora do tren e non só por razóns literarias, que tamén, senón porque poucos medios de transporte me parecen tan modernos como este que me leva exactamente un século, se nos atemos á data da súa inauguración en Barcelona. Tardaría aínda vinte e cinco anos en chegar a Galiza e, daquela, para o curto percorrido de Santiago a Carril, destinado maiormente ao gando, e financiado por capital inglés. Polo que toca aos pasaxeiros, Rosalía de Castro había de ser, á beira da morte, unha das súas usuarias históricas (léase Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, 1988, de Francisco Rodríguez).                      

Esta devoción ferroviaria vénme por vía paterna. Meu pai dábanos a todos e cada un dos oito fillo e fillas un bautismo de tren. O itinerario podía ser de Sarria a Lugo, da mesma vila a Monforte ou, no mellor dos casos, de Lugo á cidade do Cabe. O máis emocionante era pasar o túnel de Oural. Penso que, aínda sendo para el unha experiencia repetida, non desfrutaba  menos ca nós, que estabamos a participar nunha especie de rito iniciático que incluía, rematado o periplo, unha concienzuda limpeza de lacrimais para lles tirar a feluxe. Eran os tempos dos trens impulsados a carbón e o  fogoneiro tisnado formaba parte do espectáculo.                            
Cualifícoo de moderno porque, máis que nunca na actualidade,  é un transporte respectuoso co medio ambiente, compatíbel con outras actividade tales como ler, escribir, descansar ou camiñar, sostíbel, en definitiva. Falo de que é literario porque non poucos relatos e novelas da historia da literatura universal circulan sobre carrís.                        

O caso é que, fóra dalgúns traxectos da Coruña a Santiago ou a Vigo, había tempo que non viaxaba en tren. Fíxeno estes días a Granada e, aínda que non experimentei a maxia dos días da neneza, resultoume bastante máis grato que o avión. Este, por mor da tensión que me produce, déixame días e días de contraccións musculares. Mais, por outra vía, e non a do tren, as contraccións están aí. E cómpre que me explique.                            
Como non hai tren directo desde ningunha estación galega a Granada, o paso por Madrid e o correspondente transbordo é inevitábel. Chégase á estación de Chamartín e hai que coller outro tren para a de Atocha onde, máis unha vez, é preciso embarcar noutro comboio. Deixando á parte as voltas e reviravoltas que hai que dar por escaleiras mecánicas e ascensores, a arrastrar a  equipaxe  porque os carriños foron suprimidos en aras da política de austeridade, é nesta última estación onde cómpre ter nervios de aceiro para non tolear. Un labirinto de controis e portelas que che negan o paso, mesmo portando a tarxeta correspondente despois de procurala arduamente co billete que che dá dereito a ela, faite sentir atrapada no caos e a vertixe.                            

Non, amábeis lectores e lectoras, unha non é Paco Martínez Soria naquela película en que fai de paleto a chegar á capital de España, mais sentir sentinme coma el, pero abofé que con menos humor. Ben sei que, tras os atentados de infausta recordación, todas as medidas de seguridade son poucas. Porén, cumprirían menos maquinolos e máis presenza humana a regular aquela turbamulta.                      
Hoxe xa non se di “de Madrid al cielo”. Habería que cambiar o aforismo por “de Madrid ao caos”. É nestas ocasións cando se valoran as vantaxes de vivir nunha cidade de tamaño humano. É cando se perde a vocación capitalina que, en realidade, unha nunca tivo.              

A xente nova talvez non recorde aquela frase publicitaria de hai moitos anos: “Papá, ven en tren”. Hoxe rexeitaríamola por machista xa que mamá tamén viaxa. E aquela outra máis recente: “Deje que nosotros conduzcamos por usted”. Aznar diría: “¿Y quién le dijo a usted que quiero que conduzca por mí? Eu non digo nada;  pero, xa me entenden, subo ao tren, mais non me fagan pasar por Madrid.      

                                  

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña