11:36 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-05-2013

Como forza política instrumental ao poder financeiro transnacional, o PP non está a petar na ferradura, senón directamente no cravo ao acelerar as políticas que contribúan a reforzar a súa hexemonía

Máis do mesmo

Valorar (10)

ALBERTE SOUTO SOUTO



As intervencións públicas dos membros do gabinete de Rajoy após a Consello de Ministros do 26 de abril son a constatación dun rotundo fracaso. Non é que falte o relato explicativo a que alude Feijoo, senón que as políticas levadas a termo, baixo indicación directa da Troika, están ideadas para sentar as bases que favorezan a acumulación económica nun reducido número de persoas, entidades financeiras e corporacións transnacionais. Loxicamente o único que pode provocar a aplicación práctica dese obxectivo económico é o incremento das desigualdades, unha maior contracción económica e masiva destrución de emprego. Os resultados xa non se poden nin alterar cosmeticamente, hai que ir adiantando os froitos que se recollerán: haberá, após un intenso programa de reformas que se antollaba purificador e reanimador, unha taxa de desemprego superior en 2015 (25 ,8 por 100) á que herdou este Goberno.

Na súa explicación desta volta, Rajoy, revestido dun aparente sentido común, apelou á “paciencia”, non como virtude revolucionaria, senón como resignación. Desvenda dese xeito que asumiu non levar as rédeas das políticas económicas, que llas entregou ás institucións dominantes da economía occidental (FMI, BdE, UE), co que tamén resoa inverosímil a argumentación relativa a pór en valor as súas políticas por ter evitado un rescate, pois hai tempo que a intervención do Estado español é efectiva.

Nin sequera falou de perseveranza, como noutras ocasións, xa que moita xente podería entender obstinación. En perpetrar baixo engano un espolio masivo á maioría social, en parapetarse tras da crise para consumar a apropiación da riqueza polas elites do capitalismo transnacional e español.

“Riqueza concentrada, pobreza xeralizada”, valería como o lema que mellor define os resultados da xestión do PP, que debe interpretarse de xeito agravado no caso de Galiza, dado que alén de que a maioría das galegas e galegos tamén se ven afectados dunha perspectiva individual polas regresivas políticas económicas, sofren adicionalmente a penalidade colectiva da desfeita económica do país, pola entrega entusiasta tanto do Goberno galego como dunha parte importante das elites económicas á causa centralizadora.

E como slogan do programa pendente de aplicar, escolleríamos “máis do mesmo”, redobrando esforzos agora para a centralización (anuncian unha lei para garantir a “unidade de mercado” que en tempos de Aznar só chegara a enunciarse mais non a idearse) a fin de debilitar definitivamente as capacidades de decisión que puideran emerxer das nacións do Estado.

Como forza política instrumental ao poder financeiro transnacional, o PP non está a petar na ferradura, senón directamente no cravo ao acelerar as políticas que contribúan a reforzar a súa hexemonía. Por iso a presentación do revisado Plan de reformas non puido ser máis que aplaudido desde Bruxelas, aceptado pola banca española e asumido polas grandes empresas que cotizan na bolsa.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña