22:45 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-05-2013

Por que son chavista? é un libro de historia, presente e futuro de Venezuela

Por que son chavista?

Valorar (19)

XURXO MARTIZ CRESPO



A revolución bolivariana é unha inesgotábel fonte de ideas.  O fervedoiro revolucionario no que se converteu gran parte deste subcontinente americano vén da man dun home insubstituíbel: Hugo Chávez Frías.  Alén de frases feitas, lemas e consignas, a revolución bolivariana ten que lle escriba, quen a entenda, quen a xustifique e, polo tanto, quen nola ofreza para facer próprias as súas ideas.      

Por que son chavista? é un libro de historia, presente e futuro de Venezuela. O por que da situación económico-social venezuelana antes da chegada de Chávez. O comportamento desnaturalizado e inhumano das súas clases dirixentes, das súas burguesías miameiras e o esmagamento paulatino e redución á animalidade e pobreza de grandes masas da poboación venezuelana que non participaban da orxía petroleira.      

A irrupción de Chávez non deixou de ser un milagre dentro dun país sedado polo consumismo. As intensas e inmensas loitas da esquerda venezuelana, polas armas e pola política, dos 60 e 70 non deron froitos até a chegada ao poder dun fillo do pobo venezuelano concienciado, humilde, intelixente e culto.    

Por que son chavista?
é a resposta á interminábel pergunta que miles de veces tivemos que responder todos aqueles que non pertenciamos á inmensa maioría  da poboación venezuelana que vivía reducida á miseria e a fame. Un pouco de sensibilidade, un pouco de valentía, un pouco de curiosidade, un pouco de rebeldía, un pouco de utopía e moita alegría é o que fai falta para ser chavista.    

Contáramo Farruco unha vez, cando el aínda non formaba parte do Goberno revolucionario e Chávez formaba o seu primeiro goberno, en 1999. Dixérame que lle preguntara á que despois sería ministra, María Cristina Iglesias, se Chávez era o que dicía ser. María Cristina contáralle dunha viaxe ao paupérrimo interior do país. De como Chávez abrazaba eses nenos malnutridos, sen cámaras, sen masas que se puidesen emocionar, e concluía que eses abrazos de segundos eran distintos, sentía a patria, a humanidade deses nenos, un peso enorme en cada un deses pequenos venezuelanos anónimos.      

De máis está dicir que 14 anos despois desa aperta continuada ao pobo venezuelano, latinoamericano e a toda humanidade revolucionaria, non podemos ser máis que chavistas. Para que non lle teñamos medo ás palabras, sobre todo á palabra «chavista», hai que lembrar aquela pergunta que lle fixera Fidel a Chávez sobre o contido do termo «bolivariano». Despois de escoitar a resposta de Chávez, Fidel contestoulle que en Cuba a iso lle chamaban socialismo, pero que se lle chamasen cristianismo… tamén lle serviría.      

Por que son chavista, I parte,
foi publicado orixinalmente en español en Venezuela  e máis tarde pola editorial Ocean Sur, especializada no pensamento revolucionario latinoamericano. A particularidade desta tradución para o galego é que é a única que abrangue a primeira e a segunda parte cun anexo de reflexións de Farruco.      

Non deixa de ser unha honra participar, co meu galego e martiano gran de millo, nesta xigantesca xeira revolucionaria venezuelana, sobrada de razóns e lexitimidade e na cal moitos galegos temos tantas  esperanzas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña