01:08 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-05-2013

Non cabe ningunha proposta viábel de ruptura democrática que non pase pola reivindicación da plena soberanía nacional para Galiza

Soberanía e clase

Valorar (17)

XABIER PÉREZ IGREXAS




O contexto de crise sistémica, e sobre todo o impacto que nas camadas populares están a ter as medidas antisociais e os agresivos recortes impostos pola Troika a través dos “seus” gobernos -quer no Estado, quer na Galiza-, amosa con clareza que hoxe a soberanía é máis necesaria que nunca para a nosa nación, como medio imprescindíbel para resolver a vixente crise a favor dos intereses do pobo traballador galego.    

Desde o inicio da crise o noso país viviu, e vive –como testemuñan as grandes manifestacións do pasado 1 de maio-, intensos procesos de mobilización social. En defensa dos servizos públicos, rexeitando as sucesivas contrareformas laborais, das pensións ou da negociación colectiva –con folgas xerais de alcance histórico-, contra a estafa das preferentes ou o xenocidio hipotecario dos desafiuzamentos, ao que poderíamos engadir unha ringleira colosal de causas, loitas e conflitos, de carácter sectorial e/ou local. Todos estes procesos mobilizadores alicerzáronse sob a base de reivindicacións e propostas, que artelladas en conxunto virían a constituírse de facto no programa da mudanza radical que precisamos e á que a maioría aspira.    

Pois ben, sen entrar a debullar nesa escolma reivindicativa, cómpre formularmos a seguinte cuestión: son posíbeis os cambios que demandamos no marco dun Estado español gobernado pola maioría absoluta do PP (cuxa alternancia máis factíbel é o PSOE, a outra cara do bloco neoliberal) e en pleno proceso de recentralización? Temos a posibilidade material de os desenvolver insertos no marco imperialista que representa a Unión Europea  e o euro? Obxectivamente non. Desa resposta agroma, como derivada lóxica, unha terceira cuestión: que precisamos para convertermos en realidade posíbel os cambios necesarios? E a resposta é ben clara: entre outros factores, a plena soberanía. Isto é a capacidade de dotarnos dun Estado galego, de noso. Non cabe, pois, ningunha proposta viábel de ruptura democrática que non pase pola reivindicación da plena soberanía nacional para Galiza.    

Aliás, se ollamos os procesos de transformación social en marcha, cuxa vangarda está arestora no outro lado do Atlántico, comprobaremos como a pedra de toque das “revolucións” en construción en Latinoamérica (con epicentro nos países do ALBA) é precisamente a soberanía nacional. Que lle-lo pregunten se non á Venezuela, a Bolivia ou ao Ecuador, cuxo Presidente (Rafael Correa) insistía hai uns días en que estes procesos viven sometidos  a un risco permanente de desestabilización golpista e inxerencia (cando non agresión militar) externa.    

Hai unha semanas tiven a oportunidade de asistir a dous eventos internacionais. Un seminario organizado polo PT de México no que se dan cita decenas de delegacións de forzas políticas, sindicais e sociais de todo o mundo (desde a socialdemocracia até os partidos comunistas), e máis un seminario rexional en Panamá do Encontro Sindical Nosa América (espazo continental no que se organiza o sindicalismo clasista e combativo). En ambos os dous puiden comprobar en primeira persoa como o cerne do debate sociopolítico na Latinoamérica, de maneira singular nos países con gobernos progresistas, era como acelerar e aprofundar eses procesos transformadores.    

A diferenza con eles, para alén de que a esquerda transformadora conte cun maioritario respaldo electoral, é que eses países non fican sometidos ao duplo somentemento de carácter neocolonial, que padecemos na Galiza. Amais do sometemento político polo Estado centralista español asistimos a unha continuada a crecente transferencia de soberanía de Madrid a Bruxelas, funcional aos intereses da oligarquía transnacional radicada no centro do continente, que se insire no camiño de constituír a UE nunha caste de SuperEstado. Venezuela, Ecuador ou Bolivia, non se vén forzadas a traspoñer grande parte do réxime lexislativo e normativo por imperativo da metrópole europea. A súa economía tampouco fica supeditada á estratexia dun Banco Central Europeo que axe como brazo armado da UE, teimando no modelo da Europa de dous niveis, na que o noso país fica condenado a ser periferia consumidora e dependente, sen dereito nin capacidade de producir. Con acerto denunciaba este primeiro de maio o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, que “a Galiza que queremos non cabe na actual Unión Europea”. Neste senso, urxe abordarmos dunha vez por todas o debate -e resolución política- arredor da necesaria saída do noso país tanto do euro, como da UE, como por suposto da OTAN (aparello militar ao servizo da Europa do Capital).    

Non debemos tampouco reducir o proceso soberanista á aspiración de constituír un novo Estado, na medida en que os estados –en tanto estrutura xurídico-política- son instrumentos de clase. Só cabe concibir o futuro Estado galego, a arelada e imparábel República da Galiza, como un medio para o empoderamento da clase traballadora galega, como unha ferramenta para que o pobo conquistemos o poder que hoxe nos furta a oligarquía española e europea. Esta adxetivación non é prescindíbel nin accesoria. A demanda de soberanía non é un reclamo neutro en termos clasistas, en relación ao conflito entre os intereses da maioría explotada e a poderosa minoría explotadora. Soberanía para o pobo traballador. Soberanía para viabilizar o cambio radical que defendemos, cara ao imprescindíbel cambio de sistema (rumo ao socialismo), única garantía da nosa plena e efectiva emancipación nacional e de clase. Único vieiro posíbel para tornar realidade a Galiza ceive e libre de explotación pola que loitamos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña