02:15 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-05-2013

Se o ensino da filosofía incluíse un mínimo de lóxica tradicional, xa non falo de lóxica matemática, poderían decatarse os estudantes das contradicións en que incorren os políticos que nos gob

Coherencia

Valorar (26)

MARICA CAMPO



Pido de antemán desculpas ás lectoras e lectores que, despois de teren lido o  último artigo de Xoán Carlos Garrido Couceiro, reparen neste da miña autoría. Aviso, para non facerlles perder o tempo, que todo o que hai que dicir en serio verbo da práctica exclusión da Filosofía no proxecto que defende Wert, fica xa dito, e ben dito,  no texto a que fago referencia. Así que, se non están para brincadeiras, poden abandonar neste punto a lectura.      

Non me negarán que o Goberno ten a obriga, hoxe máis que nunca, de optimizar recursos. Para isto é indubidábel que debe existir unha gran coordinación entre os distintos ministerios e nunca a decisión dun deles pode colidir coa decisión doutro, nin programar obxectivos cuxa consecución xa estea asegurada coa acción doutra das carteiras. Isto é, ao meu entender, o que xustifica o que acontece coa Filosofía.      

Para argumentar o que afirmo, cómpre que recordemos o célebre soneto dialogado  entre Babieca e Rocinante, situado entre os poemas laudatorios no comezo da primeira parte de ‘El Quijote’:    

-¿Cómo estáis, Rocinante, tan delgado?    
-Porque nunca se come, y se trabaja.    
-Pues, ¿qué es de la cebada y de la paja?    
-No me deja mi amo ni un bocado.    
-Anda, señor, que estás muy mal criado,
pues vuestra lengua de asno al amo ultraja.    
-Asno se es de la cuna a la mortaja.
¿Queréislo ver? Miradlo enamorado.    
-¿Es necedad amar? –No es gran prudencia.    
-Metafísico estáis. –Es que no como.    
-Quejaos del escudero. –No es bastante.
¿Cómo me he de quejar en mi dolencia,
si el amo y escudero o mayordomo
son tan rocines como Rocinante?    

Desde este soneto hai moitos anos que sabemos que a fame fai filosofar: “-Metafísico estáis. –Es que no como”. Tamén o sabe Wert, que é home culto. E coherente porque, coñecedor de que a acción dos ministerios de facenda, economía e traballo están a producir fame, abstense de gastar un céntimo no ensino de tan nobre disciplina: xa non é preciso e os tempos non están para desbaldir. Poucas veces as dúbidas existenciais roldaron con tanta forza as almofadas da xente: obxectivo acadado.    

Tamén é un gran exercicio de coherencia substituír a filosofía pola relixión. Se toda unha ministra de traballo, Fátima Báñez, é quen de encomendar o emprego de máis de seis millóns de persoas á Virxe do Rocío, non facendo pola súa parte moito máis, todo un ministro de educación pode tamén entender que é de xustiza que o alumnado  teña a oportunidade de solucionar os problemas por esta mesma vía. En todo caso, como cómpre xente resignada e conforme co inxusto destino, nada mellor que asegurarlle un futuro de gloria alén da morte. A súa nesgada lectura do Evanxeo dálles para iso e máis.    

Se o ensino da filosofía incluíse un mínimo de lóxica tradicional, xa non falo de lóxica matemática, poderían decatarse os estudantes das contradicións en que incorren os políticos que nos gobernan. As falacias están á orde do día. Abonda con escoitalos e observalos para saber como non hai que razoar. Daquela, ¿para que perder tempo en ensinar dun xeito regrado o que xa se consegue coa aprendizaxe vicaria?    

E, a maior abondamento, se a filosofía é por definición “amor á sabedoría”, chega con  contemplar a de Rajoy e nos axeonllar diante dun home que é de seu un templo a Minerva, deusa do ramo, para sermos posuídos polo saber e o razoamento máis asisados. Mostra disto, o seu acerto á hora de nomear ministros. Ben sei que xa está dito, mais convén recordalo: Para o exército, un fabricante de bombas de racimo. Para economía, un alto cargo de Lehman Brothers. Para traballo, unha muller que seica nunca traballou fóra do partido. Para educación un amante das touradas. Para... ¿para que seguir?    

Resumindo: Todo un tratado de filosofía se, como nas palabras de San Xoán retorneadas, lemos ao revés.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña