10:50 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-04-2013

De Dien Bien Phu a Compostela

Vietnam en Galicia

Valorar (13)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ



Xa van alá 45 anos da ofensiva do Tet (1968) e axiña serán 60 dende que en Dien Bien Phu o colonialismo francés bicou a derrota (1954) que daría paso a intervención USA que tamén caerá no máis estrepitoso dos fracasos. En Galicia tivo moita influencia no movemento  nacionalista e de esquerdas o combate dun pequeno país contra a maior potencia imperialista do planeta.                                              

No Vietnam os ríos xa levan sangue
Os arrozais ficaron cubertos de homes. ¡ A loitar! ¡A loitar!

Así comezaba un poema de Lois  Diéguez que sería musicado por Benedicto e incluído no disco (EP) editado por Edigsa-Xistral en 1968. Por outra banda aínda estremece hoxe escoitar a Uxío Novoneyra recitando o seu extraordinario Vietnam canto:

Irmandiños de Galicia Vietcong…
                         

Un berro que te acusa USAUSAUSA
                                                 

Tamén Bernardino Graña nos deixara un precioso Vietnam 1972. Ese ano (8 de maio) foi o da famosa foto da nena do napalm Kim Phuc quen corre núa despavorida das bombas do axente laranxa criminal USA. Foto de Nick Ut coa que gañara o premio Pulitzer. Precisamente en 1968, outra fotografía móstranos ao xeneral survietnamita Nguyen Ngoc Loan disparando contra un guerrilleiro do vietcong coas mans atadas e totalmente indefenso. Eddie Adams será o fotógrafo que tamén consigue o Pulitzer. Dúas fotografías que forman parte fundamental da iconografía do século XX. Porque tanta maldade? Cassius Clay, Mohammad Alí, campión mundial de boxeo nos pesos pesados, negouse a ir a guerra do Vietnam: “a min o Vietcong non me fixo nada”. Claro está, sería sancionado.

Armas químicas, herbicidas asasinos, dioxinas de TCDD, a Nixon tamén se lle pasou pola cabeza a bomba atómica. Dicir Vietnam e dicir USA criminal.  Digo Vietnam e basta e un formidable poema de Celso Emilio Ferreiro, incluído en Viaxe ao país dos ananos (1968):                                         
Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada Digo Vietnam e está xa dito todo Cunha soa palabra Para abranguer a vergonza do mundo Digo Vietnam e basta.                                      
Méndez Ferrín en Con pólvora e magnolias (1976) no poema Reclamo a libertade pró meu pobo reivindica a figura do libertador vietnamita Ho Chi Ming:                                                

Na fogueira de Londonderry, en cada palabra,
e n cada palabra do noso tío  Ho Chi Minh, coma un ouriol enchendo a tarde de lus nacionalista e líquidos reclamo a libertade pró meu pobo.                        

Anisia Miranda, escritora galego cubana (1932-2009) casada con Neira Vilas ten escrito obras como Vietnam y tú ou Trinta días en Vietnam sendo condecorada por este país coa Orde de Amizade así como coa Medalla Ho Chi Ming. Precisamente será Neira Vilas quen traduce ao galego, procedente do castelán de Emilio Pita, o libro de poemas de Ho Chi Minh Xeneral de prisión (Edicións do Castro).                                                

Bon faltan na arte galega da época referencias a loita antiimperialista do Vietnam e ao xenocidio USA como por exemplo Raimundo Patiño ou Xaime Quessada de quen lembro agora o magnífico catálogo Arte e compromiso (1962-1997) da Fundación 10 de marzo.       

Sen dúbida Vietnam tivo moita repercusión no noso país en tempos en que as vietnamitas producían miles de follas voandeiras en Compostela.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña