00:20 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2013

Os representantes públicos do PP son os verdugos do noso País

As miserias do Partido Popular

Valorar (16)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Desde que se destapou o escándalo Dorado anda o máximo representante do Partido Popular, o Sr. Feijóo, adoecido. E non é polos ataques e polo desprestixio persoal que lle poidan traer, que non lle importan. É única e exclusivamente porque sabe que xa non pode chegar a onde realmente quería, a presidencia do Estado. Porque para el Galiza non é nada, non ten ningún valor político agás o de actuar como trampolín para sumerxirse no que para el é a política con maiúsculas, España. E España estáselle escapando entre os dedos como se fose a area desas praias que visitou cun narcotraficante. E andan tamén preocupados os seus compañeiros de filas porque desa maneira no reparto da torta dun goberno do Estado teñen moitas menos posibilidades de que lles toque algo se Feijóo non manda nada.                                                                      

E esta preocupación nótaselles no día a día, incluso nos concellos, onde están doídos co seu xefe polo erro cometido que pode arrastralos con el na caída. Porque desde logo que a Feijóo lle fai dano político todo o que está acontecendo. Porque ser amigo íntimo dun narcotraficante encadeado non é calquera cousa. E xa non saben como tapar os feitos, e iso que contan cos medios de comunicación públicos e privados-apesebrados para facelo. E tamén con canto comentarista, declarado ou non do PP, que interveña en tertulias e debates. Incluso nos que se din máis progres, que aproveitan todas as manobras das que é quen o PP para ocultar o que está pasando. Non hai máis que ver o tratamento informativo que todos eles lle deron ao altercado parlamentar entre Beiras, voceiro de AGE, perfectamente empregado como cortina de fume para ocultar o que realmente pasou, que foi que o Presidente da Xunta se negou máis unha vez a responder ás preguntas do BNG e dos restantes grupos da oposición.                                        

Como pode un Presidente atreverse a dicir que as preguntas da oposición na sesión de control ao goberno non merecen resposta e que non pase nada? Como é posíbel que o que quede de todo ese proceso sexa a acción individual dun deputado que xa nos ten afeitos ao espectáculo? Como é posíbel que non analicen que a quen máis lles interesa ese espectáculo é ao PP, que logra así desviar a atención do relevante e centrala no secundario?

O Partido Popular anda adoecido e o que pasou no Parlamento permítelle a Feijóo aparecer como a vítima, como o mártir que é atacado sen razón. Desta maneira o secundario pasa a ser relevante e o relevante, secundario. Desaparece a ausencia de resposta ás preguntas do BNG e dos outros grupos, desaparecen as preferentes e subordinadas, desaparece o conflito de Alimentos Lácteos, e todos os outros conflitos sociais que cada día lles afloran por toda Galiza. E por riba para eles ten outra virtualidade, a de que tamén desapareza da prensa o debate sobre os novos recortes do PP a nivel estatal.                                            

Estamos polo tanto ante unha xogada redonda do Partido Popular. Co escándalo ocultan as súas vergoñas, todas as súas miserias políticas. E fano coa conivencia e o silencio cómplice dos medios de comunicación públicos e subvencionados. Todo lle vale ao PP. Todo. Desde Urdangarín até un tal Ortega que é toureiro. Desde unha puñada a un “escrache”. O importante é ocultar a realidade, a dos miles e miles de parados na Galiza e no Estado, a dos estafados, a dos que se quedan sen vivenda, a dos pobres por decreto.                                                          

A sociedade ten que ser o suficientemente hábil para non caer nas trampas do poder. Non deixemos que nos enganen con mentiras e manipulacións. Non deixemos que nos oculten a realidade. Non permitamos que pensen por nós e actuemos con contundencia e con coherencia, atacando ao PP e a todos os seus aliados de todas as maneiras posíbeis pero sen facilitarlles coartadas para aparecer como o que non son, vítimas. Eles e elas, representantes públicos do PP, son os verdugos do noso País. Non deixemos que escondan a súas miserias políticas e humanas detrás de anécdotas sen relevancia.


[03-05-2013 11:11] Pepe comentou:

Non deberías minusvalorar o criterio dos telespectadores cando ven as noticias. Hai moita xente que non ve espectáculos individuais, nen mártires por ningures. A masa pensa... Ainda que nos pareza que só pensamos nós. O que nos fará reflexionar e cambiar a dirección do noso voto, non van ser os ataques efectistas ao goberno, senón as alternativas á actual política e o traballo que día tras día desenvolvedes no desempeño do voso traballo. O eleitorado non é parvo.

[28-04-2013 21:19] Manuel Suarez comentou:

Estou mirando a cor deste xornal xa que fai un pouco que non escoitaba falar asi de claro gustame o voso son e desexovos que o fafades sempre ainda que o dinheiro e poderoso ??co que tenho e abondo ?? nada me fai cambiar por encuanto deixa que non sexa tentado, esa prova seria a minha culminacion ou a desgraza , mais ben quero ser forte.avurinho.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña