16:16 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2013

Resulta difícil recoller todo o mal que fixo ao longo do seu reinado de once anos (1979-1990), polo que deberá abondar unha listaxe moito menos que exhaustiva

Necroloxía: erradicarmos a semente da besta

Valorar (38)

ROBERT NEAL BAXTER



In memoriam Hilda Murrell

Non adoito aledarme da morte doutro ser humano. Mais tamén non é a miúdo que alguén suscita en min tanta xenreira polo que representou en vida. Así, o pasado 8 de abril non puiden reprimir a miña alegría ao ouvir a noticia de que desaparecera por fin alguén que marcou un dos períodos máis sombríos da historia recente do país onde crecín, con efectos nefastos no mundo enteiro e cuxo fétido legado por desgraza aínda perdura hoxe. Estou a falar, obviamente, de Margaret Thatcher, nai do chaíñas Mark Thatcher, implicado no golpe de estado de Guinea Ecuatorial de 2004.                                                        

Moi poucas veces acho en falta partillar as doutrinas católicas, mais neste caso gustaría de crer que este ser execrábel vai pasar toda a eternidade nas lapas do inferno xunto ao seu benquerido amigo Pinochet, responsábel de 3.065 asasinatos políticos e outras 40.018 vítimas segundo un informe de 2011. Sei que é de mal gusto falar mal d@s mort@s. No entanto, estou certo de que, após repasarmos os factos, calquera que acredite na xustiza social e na dignidade humana ha chegar á mesma conclusión ca min de que, neste caso, non corresponde ningunha decorosa xenerosidade de esquecemento post mortem. A verdade é que, lonxe da imaxe que quixo proxectar o filme pseudobiográfico de 2011, simplemente foi unha tirana da peor ralea. Resulta difícil recoller todo o mal que fixo ao longo do seu reinado de once anos (1979-1990), polo que deberá abondar unha listaxe moito menos que exhaustiva:                                                              

Na política internacional, mentres mantiña unha postura radicalmente antieuropeísta por razóns populistas, asemade apoiou os EUA de xeito incondicional, permitindo a instalación de 160 mísiles estadounidenses na base militar de Greenham, dando pé ao campamento de paz das mulleres, unha das iconas da resistencia. Opúxose a sumarse ás sancións internacionais contra o goberno de Sudáfrica como medida de presión para acabar co réxime de apartheid. En 1982 estalou a Guerra das Malvinas, e calquera diría que os 649 militares arxentinos e os 255 militares británicos mortos e os 3 civís habitantes das illas foi o prezo que Thatcher estimou xusto pagar para recuperar a súa popularidade pública e gañar as eleccións por terceira vez. O seu nome tamén ficará para sempre tristemente ligado ao de Bobby Sands e aos outros nove presos republicanos irlandeses que deixou morrer de fame no cárcere o ano anterior.                                                            

En canto á súa política interna e as súas consecuencias, hai que destacar que, durante o seu mandato, as listas do desemprego se engordaron até chegar ao máximo histórico de 3,6 millóns de persoas oficialmente sen traballo, coa cifra real en torno aos 5 millóns, co desmantelamento do sector da industria produtiva coa perda de 2 millóns de postos de traballo durante a recesión de 79-81. Introduciu un imposto invariábel (‘poll tax’) para cada persoa maior inscrita no censo electoral independentemente dos seus recursos, cuxa cantidade viña determinada polo diñeiro público investido por cada concello en servizos básicos, desatando unha onda masiva de protesta social que culminou en marzo de 1990 nunha manifestación na emblemática Trafalgar Square de Londres que reuniu 200.000 persoas e disturbios que se saldaron con 113 feridos e 339 detencións.                                                

No económico, subiu o IVE que afecta todo o mundo de 8% a 17,5%, mentres só 10% dos contribuíntes se beneficiaron de 50% das desgravacións fiscais. Lonxe de corresponder coa imaxe de eficacia que nos queren vender, a desastrosa política económica que perseguiu e que serve de referencia e inspiración para moitos dos actuais ideólogos neoliberais levou á retirada da libra esterlina do sistema monetario europeo e a perda de £3,3 mil millóns de libras. Por encima de todo, puxo en marcha unha política de privatización salvaxe das empresas estatais que xestionaban bens estratéxicos de interese público: gas natural, auga, electricidade e aceiro. O exemplo máis sangrante da consecuencia desta política foi a folga dos mineiros en resposta ao anuncio en 1984 do peche de 20 dos 174 pozos estatais e a conseguinte perda de 20.000 postos de traballo. O sindicato nacional dos mineiros tivo que renderse tras un ano de heroica resistencia e ficaron pechadas un total de 150 minas, deixando totalmente desoladas comunidades enteiras. Para evitar ter que lidar con resistencia similar no futuro, Thatcher aproveitou para facer aprobar unha lexislación antisindical que deixou a clase traballadora case sen a posibilidade de exercer unha resposta colectiva organizada fronte ás medidas antipopulares do seu goberno e os seus sucesores, incluído o criptoconservador Tony Blair.                                                  

Nos ámbitos social e cultural, en consonancia coa súa política de privatización, orquestrou a venda dos pisos e casas en réxime de aluguer de titularidade pública sen investir na construción de novas vivendas, cunha caída global de 67% en vivendas sociais ao final do seu último mandato. Inspirada nas súas crenzas relixiosas, xa en 1968 votou como deputada en contra da reforma da lei de divorcio e, vinte anos despois, como Primeira Ministra, ideou o artigo 28 que emendaba a Lei de administración local e polo que ficou prohibido “promover intencionadamente a homosexualidade ou publicar material coa intención de promover a homosexualidade” ou “promover o ensino da aceptabilidade da homosexualidade como unha suposta relación familiar en calquera centro educativo financiado con fondos públicos”.                                                              
Conseguiu levar á práctica a súa filosofía marcada polo dogma da desregulamentación do sector financeiro e a ‘flexibilización’ do mercado do traballo malia a oposición masiva de grande parte da poboación en numerosas ocasións ao facerse valer da súa maioría parlamentaria que, dito sexa de paso, nunca franqueou a barreira de 44%, con cotas moito máis baixas no norte de Inglaterra e Escocia.                                                  
A que lembra todo isto? Nunca pensei que volvería vivir un período tan tétrico como o que liderou esta reaccionaria con ideas máis acordes coas do século XIX. Obviamente, non foi ela quen inventou o capitalismo, mais a súa particular versión neoliberal salvaxe e agresiva sementou esporas que agora se están a espallar por toda a Europa como un cancro. A grande diferenza é que hoxe, a falta dun modelo alternativo como o que representou o bloque comunista malia a súa decadencia tardía, lles resulta máis fácil facernos tragar a cantilena de que esta súa é a única vía posíbel.                                                                    

Así, para alén das consecuencias materiais inmediatas tan cruentas, tamén se agocha un outro perigo máis pernicioso: a mesma mudanza de mentalidades que xa se deu hai tempo no Reino Unido e que consiste en aceptar o modelo neoliberal como única solución viábel.                                                  
Para nos asegurarmos de que a vella bruxa non se levante fisicamente da tumba, cumpriría chantarlle unha estaca no corazón. Mais, ante todo, para impedir que o seu putrefacto ideario siga a chuchar o sangue e envelenar a vida da esmagadora maioría da sociedade en beneficio duns poucos (o masculino é intencionado), a única solución pasa polo combate ideolóxico e a organización política das masas populares desde a base. A alternativa existe e nunca se debe perder a esperanza nin renderse, por moi forte que puider parecer o adversario. Xunt@s venceremos!


[28-04-2013 11:15] Manuel Martins comentou:

Havia tempo que necessitava uma boa explicação desse período nefasto na história do Reino Unido. Obrigado.

[28-04-2013 10:27] Robert Neal Baxter comentou:

Debido a un fallo técnico meu, non funciona a ligazón que explica a quen vai dedicado este artigo:

Tras destapar as relacións entre a Guerra das Malvinas e a industria dos armamentos, en 1984, aos seus 78 anos, a activista antinuclear Hilda Murrell foi asasinada brutalmente en circunstancias que aínda fican por esclarecer, mais onde paira a posibilidade de que se tratase dunha asasinato orquestrado desde o goberno para a silenciar.

Para saber máis:
http://hildamurrell.org/
http://www.guardian.co.uk/law/2012/mar/18/hilda-murrell-michael-mansfield

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña