20:05 Venres, 15 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-04-2010

Semella que os EUA teñen unha nova aliada e agora convén a discreción

Que pasou o sete de abril en Kirguizistán? Murcharon os tulipáns da democracia?

Valorar (14)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


O deposto presidente Kurmanbek Bakíev


O día sete deste mes unha multitude enfurecida derrocou ao presidente kirguizo Kurmanbek Bakiyev impoñendo un novo goberno nesa república de Asia Central que conta con algo máis de cinco millóns de habitantes e unha economía fundamentalmente agrícola e gandeira e ten fronteira con China; sendo ademais un dos poucos países do mundo que teñen a peculiaridade de contar no seu territorio cunha base militar rusa e outra dos EUA; e esta peculiaridade supón o elemento central de todo o que leva acontecido en Kirguizistán desde a desaparición da URSS.

Se nos primeros días os medios de comunicación occidentais falaban da man rusa detrás do cambio violento do goberno kirguizio hoxe o panorama vaise clarexando e a pouco que reflexionemos e contrastemos informacións a hipótese da intervención rusa perde forza.

O acontecido neses días debe relacionarse directamente cos sucesos producidos entre febreiro e abril de 2005 nese país e baptizados naquel momento como a revolta dos tulipáns, unha revolta liderada entre outros por Kurmanbek Bakiyev e Rosa Otunbáyeva que derrocou ao daquela presidente Askar Akayev. Un presidente que curiosamente naquelas datas recibía as mesmas acusacións que o seu sucesor derrocado hai uns días: corrupto, autoritario, manipulador de eleccións e co desexo de perpetuarse no poder.

Sen proceder á análise da certeza ou falsidade desas acusacións, dado que é accesorio neste momento, debemos ter en conta que diversas fontes refírense á chamada revolta dos tulipáns de 2005 como unha máis das manobras postas en marcha pola CIA e por outras axencias norteamericanas que naqueles anos tiñan como obxectivo fundamental nos seus plans de operacións crear situacións de inestabilidade política nunha zona que no seu momento estivera baixo a influencia da extinta Unión Soviética. Pois a administración Bush tiña moi claro que precisaba gobernos aliados fronte ás intencións rusas de manter a súa área de influencia. Dentro desa estratexia enmarcábanse tamén a revolta das rosas en Georgia no 2003 e a revolta laranxa en Ucrania no 2004.

Nos tres casos os argumentos empregados para defender en occidente aos movementos que acabaron por derrocar aos gobernos deses países eran idénticos, a corrupción dos gobernantes e as peticións de dereitos democráticos e dunha maior calidade de vida por parte do pobo; e nos tres casos eses movementos supostamente liberadores acabaron naufragando e supuxeron un fraude para os pobos que supostamente ían resultar beneficiados.

Neste último caso hai indicios que nos permiten albiscar o grande interese dos norteamericanos por provocar un novo cambio de goberno en Kirguizistán, pois para eles é vital neste momento asegurar a permanencia nese país dunha base militar clave para as operacións de transporte de material bélico e soldados cara a Afganistán. Pola Base Aérea de Manás xa pasaron más de 160.000 soldados e milleiros de toneladas de armas, municións e outras cargas precisas para manter a campaña militar.

E esa permanencia non a tiñan asegurada antes do sete de abril pois hai agora pouco máis dun ano o goberno de Bakiyev anunciou o peche da base aérea norteamericana despois dunha decisión adoptada polo parlamento kirguizo e de que os rusos nunha intelixente maniobra para tratar de librarse da presenza norteamericana na súa área de influencia lles prometeran axudas por valor de 2.000 millóns de dólares; pero a decisión de peche non se executou debido ás negociacións entre o goberno kirguizo e os EUA, unhas negociacións que remataron co pago de 180 millóns de dólares por parte da administración Obama nun acordo por un ano que debía ser revisado antes do vindeiro mes de xuño.

Pero de xeito sorpresivo sobre todo para aqueles que consideran o acontecido no Kirguizistán unha cuestión que debe ser analisada en clave estritamente interna, a nova presidenta en funcións Rosa Otunbáyeva, que foi embaixadora na Gran Bretaña e nos EUA ademais de ministra de exteriores durante algúns meses do presidente agora deposto, nunha das primeiras declaracións que fixo ao tomar o poder deixou claro que non era intención súa cambiar nada na base estadounidense. E reafirmouse nese posicionamento uns días máis tarde ao dar a coñecer a decisión das novas autoridades de prorrogar automaticamente por un ano o acordo que mantén aberta a base militar norteamericana.

Xa veremos como evoluciona a situación e os movementos de Putin nos vindeiros meses, pero a primeira impresión é de a administración Obama gañou esta man e mantén a súa posición nunha zona que é estratéxica para os seus intereses.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña