23:57 Xoves, 06 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-04-2013

Os resultados dannos a razón

Venezuela: derrota pírrica

Valorar (18)

XURXO MARTIZ CRESPO



Atópome entre os abraiados pola feble vitoria de Nicolás Maduro sobre Henrique Capriles por unha pequena porcentaxe de votos. Pero esa vitoria por algo máis de douscentos mil votos confirma moitas das cousas que vimos dicindo sobre Venezuela que os media se encargan de camuflar e terxiversar.      

Os resultados dannos a razón porque:        

1.- Non existe un culto ao líder, pois daquela Maduro arrasaría en nome da lembranza do falecido presidente Chávez.

2.- En Venezuela si hai democracia, pois non se manipulou ningunha máquina para «gañar» por unha cumprida porcentaxe, senón por unha pequena que xera lóxicas dúbidas que se disiparán cando arrefríen as laretadas da oposición.

3.- As eleccións fraudulentas de 1993, que lle deron o poder ao dereitista Rafael Caldera contra o sindicalista, daquela de esquerda, Andrés Velásquez, saldáronse co silencio cómplice dos medios e ameazas a Velásquez, e non con recontos electorais coma hoxe, demostrando unha vez máis que Venezuela é hoxe, e non antes, unha verdadeira democracia.

4.- En Venezuela o voto é racional e non pasional. A proba está nos máis de 600 mil votos que perde o chavismo e nos máis de 700.000 que gaña a dereita. A xente votou o que creu e non resultado de ningunha campaña de caudillismo nin de «adoración ao líder».

5.- En Venezuela non mandaba un «caudillo» senón un presidente elixido polo seu pobo cos seus votos.

6.- En Venezuela hai liberdade de expresión e institucións que velan pola lexitimidade do proceso electoral. O candidato Capriles Radonski solicita ao organismo estatal Consello Nacional Electoral (CNE) o reconto dos votos e confía nese ente e nese reconto. Non fai chamamentos á etérea «comunidade internacional» ou ás pantasmas dos «organismos internacionais».

7.- Todas as vitorias anteriores de Chávez foron lexítimas. A proba está en que a oposición, debido á feble porcentaxe da vitoria, se atreve a pedir un reconto, o que non fixo nas anteriores eleccións que criticaban, na súa transparencia, con argumentos chocalleiros de carácter anecdótico.

8.- Chávez tiña razón cando aseguraba, aos partidos reticentes a entrar no PSUV (PPT ou Partido Comunista de Venezuela) que todos os votos eran de Chávez, e non do PSUV, PPT ou o PCV.

9.- Malia a importante baixada do PSUV, aínda representa máis do 50% da poboación cun proxecto esperanzador, arriscado, valente e positivo para o futuro despois de 14 extenuantes anos de goberno.

10.- Esta vitoria de Maduro, con esa pequena porcentaxe, fará máis responsábel o seu goberno e exixirá do proceso revolucionario accións valentes, a redución do lema mitineiro omnipresente e a interiorización do perigo real da perda de poder.   

11.- Ben que non existen «derrotas pírricas» (sería tautolóxico) si poden ser vistas deste xeito desde o punto de vista do gañador e da súa vitoria. Imaxino a Maduro, abraiado coma nós, que vemos a dereita cada día máis preto do poder político en Venezuela… o único, por certo,  que perdeu en 1998 e que aínda non recuperou.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña