22:15 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2013

O liberalismo pretendeu e pretende coisificar as relacións de poder en factores desconectados entre si, de xeito que modeliza un Estado –e toda a instancia política- que fica afastado do mercado para, así, xustificar o funcionamento a

Deterioro da política e política do deterioro

Valorar (11)

HENRIQUE DEL BOSQUE ZAPATA



Malia ter sido xa un aspecto referenciado en diversas opinións e declaracións, considero que cómpre insistir no debate acerca da finalidade e do que a procura do desprestixio do “político” significa. Debate necesario por canto esta ofensiva diríxese tamén contra os movementos e organizacións políticas que, mal que ben, ofrecen resistencias ao brutal espolio do capital. Consciente da complexidade de abordar en poucas liñas aspectos que se insiren na máis ampla lectura dos mecanismos de dominación ideolóxica, tentarei de aportar algúns elementos de reflexión, evidentemente cuestionábeis, mais que considero deben facer parte do debate.    

Pois ben, a sociedade é unha totalidade de relacións sociais e non un somatório de factores (económicos, políticos e culturais) illados. O liberalismo pretendeu e pretende coisificar as relacións de poder en factores desconectados entre si, de xeito que modeliza un Estado –e toda a instancia política- que fica afastado do mercado para, así, xustificar o funcionamento autónomo deste último. E este subterfuxio vai vernizado baixo unha capa de sentido común coa finalidade de dificultar  a comprensión e o acceso ao propio entramado de dominación.        

Non debe sorprender, xa que logo, o pulo e o entusiasmo co que os instrumentos de fabricación do consentimento avalan a desafección da cidadanía coa política. Razóns estratéxicas téñenas dabondo. Perante a dificultade de manter o consenso nunha situación de crise, froito da restruturación  do capital, e o elevado custo de recorrer exclusivamente á coerción máis núa, os propios estamentos do poder económico colaboran na difusión dun discurso que caracteriza ao campo político coma un elemento parasitario e perverso; discurso, non esquezamos, nada novidoso aínda que si retomado agresivamente polo pensamento neoliberal, especialmente pola vertente do libertarismo (Mises, Hayek, e Nozick). Albíscanse dous obxectivos, en principio, a acadar con esta estratexia: a inmunidade da clase dominante e o desmantelamento da cobertura social do Estado.      

Aparece, así, a finalidade de manter intacta a esfera de decisión económica de xeito que os criterios “técnicos” primen sobre os políticos. Capacidade plena para o pleno desenvolvemento da dinámica  de acumulación e concentración do capital. Autonomía libre de inxerencias que precisa do desprestixio e deslixitimación tanto das ferramentas organizativas, políticas e sindicais, coma das institucións de representación. Non importa a posible domesticación destas senón a garantía de que nunha posíbel radicalización do conflito social e da súa escenificación, as nomeadas organizacións e institucións xa non dispoñan de marxe para reactivarse como instrumento e que a esperanza cidadá se deposite en “profesionais imparciais” que poidan ser impostos polas oligarquías financeiras con métodos e reminiscencias parafascistas. Nesta configuración o capital fica indemne da crítica e os seus desempeñadores mesmo chegan ser percibidos coma vítimas dunha política de corruptelas e de mala xestión. Para mostra: toda a cúpula da patronal e da banca  laiándose hipocritamente pola corrupción política após o escándalo financeiro do Partido Popular. Consonte esta táctica, todo e todos na política veñen sendo equiparábeis cara a lograr o enmascaramento da relación entre o poder político e o económico, facilitando a este último a cobertura necesaria para a ocultación da propia lóxica da explotación. A xeración da confusión, a través da indeterminación e da xeneralización indiscriminada, procura a desconfianza nas organizacións a sabendas, precisamente, da dificultade de crear algo estábel nunha dinámica de fluxos como a actual, potenciando a impaciencia, o desánimo, a desmoralización ou un cinismo estético con marcado ton pesimista.      

Alén do enterramento da capacidade de organización, e por tanto de resistencia, está o enterramento dos mecanismos de redistribución social en mans dos Estados. O desprestixio da esfera política tenta facerse extensiva a todos aqueles instrumentos  mediante os que o Estado realiza funcións sociais, presentando aos servizos públicos como medios ineficaces e custosos e aos seus funcionarios coma elementos distorsionantes que imposibilitan unha xestión eficiente. Só así resulta explicábel a acusación, como causantes dos males, que os medios de comunicación ao servizo do capital fan do conxunto do público a través da difusión constante de mitoloxemas lexitimadores dun proxecto cuxo obxectivo consiste na apropiación privada do espazo do común.      

Evidentemente as devanditas reflexións non exoneran ás organizacións políticas e sindicais das súas responsabilidades, tanto na disintonía e afastamento con respecto ás clases populares, como da ausencia de estratexias e alternativas ilusionantes fronte á situación de penuria de cada vez máis amplos sectores sociais. É inaprazábel a reflexión, a indagación, o debate e a autocrítica mais sen histrionismos de culpas, penitencias ou remorsos que o único ao que apelan é ao masoquismo e ao aturdimento intelectual.      

Considero especialmente salientábeis, nesta situación, as reflexións que Marta Harnecker ven realizando nos últimos anos acerca da problemática e das dificultades da esquerda diante dos novos desafíos do capitalismo. Así, cumpriría ir creando xeitos de poder popular coma contrapoderes efectivos, paralelos e alternativos ao modelo dominante. Contrapoderes nos que se logre un rescate do exercicio da política por parte da cidadanía, fornecendo e facilitando espazos de protagonismo aos sectores populares. Espazos que posibiliten a implicación na loita polo cambio das condicións existenciais e que sirvan de aprendizaxe e formación política. Pasar da cultura da cidadanía que mendiga á aquela na que a cidadanía conquista e toma decisións, sen medo á multiplicación heteroxénea dos actores partícipes no proxecto. Ampliar os lugares e os xeitos de intervención no proceso emancipador, facilitando a posta en marcha de orzamentos e planificacións participativas así coma o estabelecemento de redes de solidariedade, perante a progresiva renuncia dos Estados, e que ademais cumpran funcións pedagóxicas e de axitación social. Ir fuxindo de certos tics de despotismo ilustrado que o único que fomentan é a desconfianza, debendo ser conscientes de que confiar todo a líderes atractivos e mediáticos, que semellan encarnar as arelas e ilusións da xente, peca moito de fantasioso xa que se non existe un nivel de conciencia social e nacional que identifique o proxecto da organización política co pobo os logros devirán inestábeis e precarios. E, por suposto, combater con intelixencia, mais sen misericordia, aos movementos e organizacións que actúan coma auténticos representantes do españolismo e do capital.


[18-04-2013 19:25] micro comentou:

Acertadísimo. explicarlle ben a xente o que se di neste artigo, e a cada quen según a súa comprensión, coa enfermidade mental que lle teñen creado, é tarefa dura. si o logramos, facemos a revolución de: "O pobo unido e avisado, endexamais será amansado". Non sei quen fai mais dano a xente, si os "persoeiros rebeldes antipartido ou os banqueiros anti -vida en colectivo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña