09:46 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2013

Hai unha canción que ocupa o primeiro posto no "hit parade" do noso karaoke, a titulada “A culpa foi da UPG”

Karaoke

Valorar (72)

MARICA CAMPO



Seica a palabra ‘karaoke’ provén da  xaponesa ‘kara’, que significa baleiro, e ‘oke’, abreviatura, tamén xaponesa, de orquestra en inglés. Non é preciso aclarar que se refire a un dispositivo que reproduce o acompañamento musical e mais a letra escrita dunha canción; pero queda o oco para a voz, o que permite a quen así o desexar enchelo coa propia.       

Fíxense se calou fondo este invento entre nós, que mesmo  se converteu  para moita xente en método de análise política. É un falar. Quero dicir que, alén de ser no seu día un gran reclamo para os locais públicos que o instalaron, e hoxe unha aplicación  informática moi demandada para uso doméstico, exerceu un papel didáctico sobre nós e agora ese é, máis ou menos, o noso xeito de razoar. Resumindo:  repetimos a letra que xa está escrita ao son que nos tocan.      
Karaokistas (permítaseme a expresión) houbo sempre, pero menos. Antes non existían tantos lugares onde opinar e, pola mesma razón, desde onde recibir a letra e a música compostas por outros.    

Hai unha canción que ocupa o primeiro posto no ‘hit parade’ do noso  karaoke, a titulada “A culpa foi da UPG”. Non, non a confundo coa coñecida  “La culpa fue del cha-cha-chá”, de Gabinete Caligari. A que cito é unha creación colectiva, retroalimentada (disque o correcto sería realimentada), cunha indiscutíbel función catártica como esas réplicas do xefe ás que (estou volvendo outra vez aos nipóns) lles dan puñadas os operarios ao saíren do traballo. Neste caso os operarios e operarias somos  quen neste país defendemos o nacionalismo. Como o labor é arduo e non sempre vai acompañado de éxito, buscamos o chibo expiatorio e, inevitabelmente, soa a música de fondo e aparecen as letras na pantalla: “A culpa é da UPG”.    

Que o Bloque baixou en sucesivas lexislaturas? A culpa é da UPG. Nada tiveron a ver certos cargos electos que, ora en público, ora ‘sotto voce’,  repetiron a canción coma un mantra. Eles sempre estiveron alén do ben e do mal. Son os outros os que naceron para levaren as labazadas. Eu, que non son dese partido, nestes casos adoito cantar aquilo de Atahualpa Yupanqui: “las penas son de nosotros, las vaquitas son ajenas”.

¿Que se produciron disidencias entre as distintas correntes? A culpa foi da UPG. Culpa de seren moitos e de seguiren a existir. Culpa de (e vai de Xapón hoxe a cousa) non se faceren o ‘harakiri’, é dicir, de non se suicidar ritualmente abríndose a barriga até botar as tripas fóra.    
Se a culpa é desta organización, con tanto poder polo visto, ¿por que non se lle recoñecen tamén os éxitos que houbo outrora? Desde o punto de vista da lóxica unha cousa non pode ser e non ser ao mesmo tempo baixo o mesmo aspecto.      

Agardo deste tempo novo que, dunha vez por todas, ao navegarmos polo río do BNG esquezamos que afluentes alimentan as súas augas. Eu, independente, descoñezo a filiación da maioría dos meus compañeiros e compañeiras. Abóndame saber o que nos une. Para isto é necesario non nos embobar co karaoke. Neste caso, e non me refiro ao seu uso para o lecer, non lle podemos prestar a nosa voz a unha letra e unha música que non compuxemos. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña