05:59 Domingo, 26 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-04-2010

O litoral, coas súas paisaxes e co seu patrimonio xeolóxico, natural, histórico e cultural é tamén parte da nosa identidade como país

O Plan Sectorial de Ordenación do Litoral (POL) dende unha aproximación ambiental

Valorar (4)

DANIEL LÓPEZ BISPO


Vista satélite de Sanxenxo


Xa a Lei 22/1988, de costas, sinalaba no seu preámbulo referíndose ao conxunto do litoral do Estado Español, que "ante a simultaneidade dunha grande presión de usos e a falta dunha lexislación adecuada, os feitos evidencian que España é un dos países do mundo onde a costa, no aspecto de conservación do medio, está máis gravemente ameazada, e hora é xa de poñer fin ao seu grave e progresivo deterioro e ás  alteracións irreversibles do seu equilibrio".

Daquelas a hoxe, esta denuncia non ten ido a mellor. A pesares de que na citada Lei de costas (1988) se empeza definindo un dominio público marítimo-terrestre que alcanza ata onde chega a acción do mar, incluíndo as dunas formadas pola acción do mar ou do vento mariño e esteiros e ríos ata onde se faga sensíbel o efecto das mareas; a pesares de que, dende o límite deste dominio público marítimo-terrestre, a Lei tamén define unha zona de servidume de 100 m na que se impoñen importantes limitacións de usos e, especificamente, se prohiben "as edificacións destinadas a residencia e habitación"; a pesares de que tamén define unha zona de influencia de 500 m. na que as edificacións, de ningunha forma, poden supoñer o apantallamento do litoral; a pesares de que, dende Xaneiro do 2003, a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, ten definida unha categoría de solo rústico de especial protección de costas, constituído polos terreos situados a menos de 200 m de distancia da ribeira do mar (non incluídos en núcleo urbano ou en núcleo rural), no que están prohibidos os usos residencias e industriais; a pesares de que esta mesma Lei (artigo 86.d) entendía que, "dado o valor do litoral como recurso natural non renovábel, a ordenación urbanística dos terreos situados na franxa de 500 metros dende a ribeira do mar afecta aos intereses autonómicos"; a pesares, en fin, de que a transitoria oitava da mesma Lei 9/2002 obrigaba á presentación das Directrices de Ordenación do Territorio no prazo de un ano e á presentación, no prazo de dous, do Plan Sectorial de Ordenación do Litoral, é a mesma Lei 6/2007, de medidas urxentes, en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, do bipartito, quen volve a denunciar que "na maioría dos planeamentos vixentes dos municipios costeiros poden observarse áreas completamente desligadas da malla urbana que se clasificaron como solo urbano, ou terreos nos que concorren valores merecedores de protección, que segundo o disposto nos artigos 15 e 32 da Lei 9/2002 deben clasificarse como solo rústico de protección de costas ou de espazos naturais, pero que no planeamento vixente se clasificaron para servir de soporte a novos desenvolvementos urbanos". "Tamén se aprecia, -sigue denunciando a citada Lei 672007-, a existencia de numerosas áreas clasificadas como solo urbano para as que o planeamento establece unha ordenación urbanística substancialmente diferente da realidade física existente, propiciando a proliferación de edificacións residenciais e turísticas sen a previa urbanización adecuada ás necesidades xeradas, con intensidades de uso que exceden os límites de sostibilidade establecidos no artigo 46 da Lei 9/2002..."

Coa publicación -DOG de 17/05/2007- da Lei 6/2007 e a suspensión, nos concellos costeiros, de todos os procedementos de urbanización na franxa de 500 m., a Xunta de Galiza poñía en marcha a redacción do Plan de Ordenación do Litoral e iniciaba o camiño para corrixir este deterioro do litoral tan reiteradamente denunciado.

Hoxe o Plan de Ordenación do Litoral está xa sendo estudado polos concellos e, con moita seguridade, será sometido a información pública sobre mediados de maio. Trátase, dende logo, dun Plan sempre complexo e máis aínda cando se parte dunha situación tan degradada do litoral e duns planeamentos municipais que teñen cedido á especulación boa parte do seu litoral. Así o recoñece a propia Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na Orde de 14 de Maio de 2009 pola que se prorrogan as medidas de suspensión cautelar da Lei 6/2007: "é importante destacar que dentro destes estudos preparatorios para a elaboración do Plan de ordenación do litoral se analizaron, entre outros, 1.242 ámbitos de solo clasificado como urbano non consolidado, urbanizable delimitado e urbanizable non delimitado ou rústico apto para urbanizar. Os estudos realizados poñen de manifesto que 106 destes solos se encontran en contacto directo coa ribeira do mar, 180 sobre ou en contacto coa zona de servidume de protección, 324 entre a servidume de protección e 200 metros, e 287 na franxa entre os 200 e 500 metros, o resto, 345, encóntrase en zonas máis alá dos 500 metros".

Dende o actual deterioro do litoral e con estas perspectivas do planeamento municipal, moito é o que lle hai que pedir a este Plan de Ordenación do Litoral; sen embargo, sen deixar de recoñecer que hai nel moitos aspectos positivos, teremos que estar atentos a cal vaia a ser a súa versión definitiva. De momento, dende o noso punto de vista, é máis un Plan orientativo que dispositivo e, neste sentido, incoherente co que se espera dun Plan Sectorial que -de acordo coa Lei 10/1995-, prevalece por riba do planeamento municipal. Trátase, en efcto, dun Plan con escasas disposicións de obrigado cumprimento, no que, sen embargo, abondan obxectivos e criterios que incluso chegan a ser menos esixentes que a propia lexislación sectorial e/ou que a mesma Lei do solo, ata o punto de consentir que outros Plans Sectoriais como o acuícola e o eólico poidan, sen restrición algunha, pasar a integrarse plenamente nel.

Vai ser, pois, moito o traballo que, dende o punta de vista ambiental, da defensa dos valores naturais do territorio, terá que facer o nacionalismo a partires de xa e durante a exposición pública; moita tamén a seriedade que nel haberá de poñer para non deixarse mesturar con intereses especulativos. E por parte da Consellería de Política Territorial moita haberá de ser a xenerosidade e a disposición ao diálogo para, escapando das presións especulativas, poder facer deste Plan un rigoroso marco dende o que organizar e ordenar racionalmente un litoral que coas súas paisaxes a un tempo envorcadas e abertas ao mar  e co seu patrimonio xeolóxico, natural, histórico e cultural e é tamén parte da nosa identidade de país.

...Mais, para evitar inxenuidades, haberá que acabar advertindo que a urxente modificación da Lei do Solo sen querer recuperar nela a protección dos espazos da Rede Natura fronte a acuicultura de salón; a insistencia con que, a pesar da sentencia de Rinlo, se sigue defendendo a planta acuícola de Pescanova en Touriñán; o desmantelamento da Axencia Galega para a Protección da Legalidade Urbanística seguida dos anuncios para a legalización de moitas das ilegalidades urbanísticas no litoral; o acordo do Consello da Xunta para a legalización con fondos públicos das escandalosas licenzas do concello de Barreiros; ou, sen máis, a tramitación deste Plano do Litoral sen antes ter tramitado as Directrices de Ordenación do Territorio, non son, dende logo, ningún bo precedente. Empezaremos a sabelo co mantemento ou non da suspensión cautelar a partires do 15 de Maio. Ao fin, boa parte do deterioro do noso litoral non é máis que a consecuencia do reiterado incumprimento da lexislación, primeiro da Lei 22/1988, de Costas; da Lei 9/2002, despois.

[20-04-2010 ] M. CARMEN comentou:

Pareceme ben que se defenda o litoral, e os que ivadiron a costa antes deste novo plan ¿cando van devolver o terreo que adxuntaro as vivendas? incluso ai quen se permitiu o luxo de cerrar a súa parcela? con muro. En San Ciprián no porto unha das casas que está no porto, ten cerrado con muro cando se ve perfectamente nas fotos antigas ca súa casa non chegaba alí i puxeron unha rocha no medio da subida o camiño para que non pasen coches pero e que tampouco poden subir cadeas de rodas ou unha ambulancia si o necesitan as xentes que máis arriba están vivindo. Ben é certo que o fan porque alguén llo permite para eso ten carné.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña