14:14 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-03-2013

Primeiro República Galega, e despois xa falaremos

Filosofía, memoria e república

Valorar (17)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



No seu trinta aniversario a Aula Castelao dedica a Semana Galega de Filosofía ao tema “Filosofía e Memoria”. Quizais sexa unha oportunidade para facer balanzo do que significou a traxectoria dun foro de debate que deu voz a todo o mundo, e sobre todo, negouse a silenciar a quen desde o poder se trataba de excluír. Do mesmo xeito que a estrutura das súas sesións dá pé a debater calquera do público co máis prestixioso intelectual, nalgúns casos figuras internacionais do pensamento, tamén nas súas xornadas tivemos oportunidade de prestarlle atención ao mesmo nivel a correntes de pensamento periféricas e mesmo ameazadas ou en perigo de extinción. Algo que no seu momento era arriscado e transgresor. Poñamos un caso significativo: a filosofía Juche de Corea do Norte. Naqueles momentos de triunfalismo do pensamento único, da derrota do socialismo, do fin da historia, etc... en Pontevedra quixo escoitarse unha segunda opinión. Iso non implica confesionalidade ningunha con Kim Il Sung. Tan só é un exemplo de até que punto se reivindicaba o dereito a discrepancia e a defensa do pluralismo fronte a un mundo globalizado camiño do totalitarismo económico. Eran tempos de criminalización da disidencia cando estivo Alfonso Sastre e Eva Forest. Tempos nos que atreverse a pensar era difícil, pero expoñerse publicamente a defender o pensado resultaba moi arriscado: Como esquecer a polémica de Galeano e Petras a respecto de Cuba. Colocouse a estes intelectuais nunha posición moi incómoda. Mentres a guerra desangraba Iugoslavia algúns dos relatores vidos dos Balcáns pasaban as mans e desde a organización se termaba de que a cousa se reconducira cara a palabra. Cantos recordos e canto aprendemos neste recuncho de liberdade, nesta Atenas galega, nesta república da filosofía que é a cidade do Lérez, desde hai uns anos para acá presidida por un novo Pericles, o alcalde Lores, que hoxe é o maior sostén desta actividade, desta escola de democracia.

Mais a Semana non é un escenario mudo. Claro que hai un compromiso e unha liña ideolóxíca. Se houbera que situala dentro do panorama internacional non é difícil encadrar a tradición que representa a Aula Castelao e encarnan persoas que a fundaron e alentaron, xunto cos autores latinoamericanos da filosofía da liberación e defensores da interculturalidade como Dussel ou Fornet-Betancourt. Isto é, os que arrepoñen fronte a comunidade ideal de fala (Habermas) ou de argumentación (Apel) preñadas de eurocentrismo unha proposta que parte do territorio e a carnalidade da sociedade real e histórica. Consideran que só se pode alcanzar o diálogo entre pobos a través das accións afirmativas que equilibren a aqueles que están nunha posición de desvantaxe e que unha democracia intercultural só pode construírse desde o recoñecemento da pluralidade de suxeitos colectivos e non desde a invisibilización dos excluídos dunha totalización imposta.

Co mesmo espírito que animou a este proxecto durante tres décadas e compartindo o devandito punto de vista quixera entrar neste asunto da memoria. E quixera empezar por lembrar o esquecemento. Porque se falamos de memoria é porque alguén antes decretou esquecer.

Non se trata de axustar contas cos responsábeis do pacto de silencio, cómplices da impunidade, o que xa sabemos que non será entendido por unhas novas xeracións que simplemente celebran que se corrixa o erro e que se sumen á reivindicación doutro réxime diferente do que hoxe temos, a todas luces, insatisfactorio. Mais, o que preocupa é que volvamos bater na mesma pedra. Isto é, que o descontento que hai sexa utilizado para repetir a mesma xogada que nos teñen feito máis unha vez de pedíndonos que nos subamos ao seu carro coa promesa de que imos no mesmo camiño e ao fin, quen leva as rendas, condúcenos en círculo até volver ao mesmo punto de partida.

O 14 de abril do 1931 deviu a república logo da caída do putrefacto réxime monárquico grazas a erosión á que someteu a ditadura tanto o movemento obreiro non domesticado como os movementos de liberación nacional, nomeadamente -hai que recoñecelo- o catalán, mais tamén o galego que tivo neste proceso moita relevancia aínda que finalmente se diluíra na ORGA, deitando grande parte do seu potencial emancipador. Mais logo de derrubar a monarquía, a república que se constituíu deseñouse de costas aos traballadores mais -sobre todo- incumprindo a promesa dos repúblicos de que ía ser federal. Castelao e Bóveda, e o PG no seu conxunto, decatáronse da estafa e sen dar pé a que os inimigos do réxime se aproveitaran da súa decepción, si que trataron no marco da súa Constitución, a través do Estatuto, que se visibilizara a realidade plurinacional que se negaba a recoñecer. De feito, o 18 de xullo, sen tempo a que puideran poñer en práctica a mesma estratexia que usou o centralismo no 78 do café para todos, deixou a foto fixa dos tres Estatutos, e como tal se mantivo a reivindicación da legalidade republicana por Castelao fronte a teoría do “borrón e conta nova” a que se apuntaba o resto das forzas opositoras ao franquismo (agás o vello republicanismo de Giral e Casares Quiroga).

Aínda estaban quentes os corpos de moitos caídos na loita pola república cando a esquerda española se lanzaban aos brazos dos monárquicos para agarrárense a eles como táboa de salvación e posíbel superación do franquismo desde dentro do propio réxime.

Castelao sentiu arrepíos ao escoitar aquilo de “por enriba da república está España”. Para acabar así -dicía- podíanse ter aforrado o millón de mortos. O caso é que durante anos o nacionalismo galego capitaneado por Castelao foi defensor da continuidade da legalidade republicana. Por oportunismo?.

Non o creo. Castelao nunca ocultou que defendía a legalidade republicana como límite por debaixo das reivindicacións galegas. Por primeira vez estaba representado o país á par de Cataluña e Euzkadi no goberno Giral, e ao fin quedaba sobre a mesa o problema nacional, o cal unha e outra vez se viñera relegando na axenda democrática. Claro que o Estatuto e a Constitución non colmaba as súas aspiracións. Mais era un bo comezo si se partía do recoñecemento de facto de tres realidades diferenciadas. Quizais, por iso, desde o prietismo sobre todo, grande parte da CNT e finalmente a maioría da esquerda española se renegou desa república dos tres Estatutos.

Cando todo o mundo se desentendeu dese réxime, Castelao tamén renunciou a ficar el só sostendo bandeira tricolor e abrazou o independentismo. Mais as súas posicións non responderon ao oportunismo. É mais, en calquera caso foron resposta fronte ao oportunismo dos demais.

Oportunismo é acordarse da memoria cando convén. Castelao e o nacionalismo galego nunca esqueceron recordar e conmemorar o día dos mártires galegos. É un caso singular nesta península da desmemoria. Mais alá cada quen. Cada forza é moi libre de inventarse o seu pasado. Xa sabemos que o que lle preocupa á cidadanía é o futuro que se oferta e tamén é certo que hoxe non resulta moi difícil mellorar o presente. Agora ben. Até que punto é de fiar nun asunto coma este quen se acorda da república e do federalismo no momento de máximo desprestixio da monarquía centralista?. Acaso non defendían iso mesmo no momento de decadencia do franquismo e despois fixeron o que fixeron.

O cartel da Aula Castelao deste ano é unha viñeta de quen lle dá nome a organización e que recolle o lema: “Os peixes non aprenden nunca, son coma os homes”. Vai sendo hora de reaxir contra ese destino e aprender a lección: Cando Cataluña e Galiza (con Alonso Rios) proclamaron a república pola súa conta no 31, convidóuselle a abandonar o seu propio proceso constituínte baixo a promesa de que ían ter en conta as súas aspiracións na república española. Mais unha vez iso non foi así. Imos volver a picar?. Primeiro República Galega, e despois xa falaremos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña