00:00 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-03-2013

Non permitamos que o PP converta aos agresores en vítimas e ás vítimas en agresores

Indignación social

Valorar (13)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Levamos toda a semana escoitando aos medios de comunicación públicos e privados, aos tertulianos/as, aos representantes do PP, atacar coa máxima dureza a falta de liberdades e de dereitos que padecen os seus cargos institucionais que se ven acosados polos estafados das preferentes, polas plataformas contra os desafiuzamentos e contra as hipotecas abusivas, polos que reclaman un ensino de calidade, etc. Neste caso todos eles están de acordo en que nun estado democrático non se pode acudir ao domicilio de ninguén a presionalo nin se pode interromper a normal actividade das institucións públicas.      

Non por repetida me resulta menos indignante a súa análise dos feitos e da realidade. Para eles si que resulta normal que a policía acuda a unha vivenda a desafiuzar a unha familia con nenos pequenos, vellos e/ou dependentes presentes. Iso non é custionábel porque o fan “coa lei por diante”. Tampouco lles resulta criticábel que aos das preferentes e subordidanas lles rouben os aforros de toda a vida. Os aforros dos chipriotas hai que garantilos, pero os dos galegos e galegas hai que entregárllelos aos bancos, que xa o dixo o sr. Mariano Rajoy.        
Indigno, por non cualificalo doutra maneira, resulta que aos construtores si se lles acepte a dación en pago de terreos que a día de hoxe non valen nen a metade a cambio de saldar as súas débedas e aos cidadáns que temos hipotecas sobre primeiras vivendas non. Indigno e repugnante resulta que quen foron electos como cargos públicos para defender ao pobo aproben leis e máis leis que van contra os dereitos máis básicos da poboación. Indigno e repulsivo resulta que o PP nos diga que os aforros de uns son máis importantes cos de outros. Indigno e condenábel que se pretenda criminalizar a quen defenden intereses de todos e non os seus propios.        

As institucións públicas deben trasladar ao seu seo os debates que se dan na sociedade. E hoxe en día eses debates céntranse na perda de dereitos dos cidadáns e non nas lamentacións dunha organización política, o PP, que pretende desviar a atención sobre o que está pasando con ameazas aos movementos sociais e a todas aquelas persoas que protestan na rúa porque non están dispostas a aceptar en silencio as imposicións destes gobernos que só pensan na banca e nos ricos. Son centos e centos quen cada día saen á rúa a reclamar o que en xustiza lles corresponde.      

Esta semana moitas institucións públicas centran a súa atención no bo discorrer dos actos relixiosos en lugar de poñerse do lado de quen protestan. En Lugo estámolo vendo cos recortes en educación. O día 1 de abril imos ter un pleno practicamente monográfico sobre este asunto, pero o PP repetirá como fai sempre que non levamos temas da cidade, como se a imposición dun novo repago nos comedores escolares ou a eliminación da ESO nun centro de ensino da cidade non lles afectasen aos lucenses. Para eles temos que falar de fochancas e tráfico, que son os únicos temas relevantes.        

A verdade é que os cidadáns están aguantando de maneira exemplar as provocacións do Partido Popular. Porque son eles quen provocan coas súas decisións políticas a miseria e a pobreza e polo tanto a xusta reacción social. Non é á inversa. Non son quen protestan/protestamos os que atacamos e negamos dereitos, por moito que a propaganda oficial pretenda criminalizar accións contundentes de protesta e rexeitamento do que está a acontecer na nosa sociedade.        

Desde logo prefiren os suicidios que as mobilizacións radicais. Prefiren o silencio e non a algarabía. Prefiren as intervencións respeituosas nas institucións que a vehemencia na defensa dos pobres, porque pobres e máis pobres é o que crean as políticas que aplican o goberno galego, o estatal e a Troika europea.        

Non, non é tempo de recollemento por moito que prediquen os curas nas igrexas e nas rúas. É tempo de mobilización e de protesta. É tempo de berrar e non de calar. Non é tempo de poñer a outra meixela, porque se o facemos vannos enterrar. É tempo de erguer o brazo e parar as agresións destes gobernos, agresións que atacan a pobos enteiros como o galego, o grego, o chipriota, o portugués, o irlandés, e tantos outros que non aparecen na prensa do día a día.

Non nos deixemos enganar. As reaccións radicais están provocadas por ataques radicais, ataques que proveñen dos gobernos. Non permitamos que convertan ás vítimas en agresores e aos agresores en vítimas, algo do que sabemos moito as mulleres.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña