09:50 Mércores, 18 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-04-2010

Existe un elemento extremadamente sórdido na indistinción contemporánea entre os conceptos de cultura e consumo cultural

Consumo

Valorar (5)

MANUEL XESTOSO GONZÁLEZ



Pasou desapercibido para os medios de comunicación. Na conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, fixo unhas declaracións nas que expresaba os bos propósitos habituais nestas efemérides e nas que destacaba, entre os fins prioritarios do seu departamento, o de animar os nenos "a que lean libros". Logo, fixo unha breve pausa e corrixiuse: "a que consuman libros".

Ignoro se estas declaracións mereceron a atención dalgunha das institucións que velan pola protección dos menores, mais non deixa de ser moi revelador que ninguén se escandalice polo feito -eu diría que monstruoso- de que se pretenda reducir aos cativos á condición de consumidores. Debería avivar unha certa alarma na sociedade que incluso os máis pequenos deban someterse as leis do mercado, especialmente cando se trata da súa formación cultural. Mais, polo visto, ninguén se estraña de escoitar afirmacións coma estas.

Existe un elemento extremadamente sórdido na indistinción contemporánea entre os conceptos de cultura e consumo cultural que queda ao descuberto nesta caste de manifestacións. A apoloxía das industrias culturais naceu como unha estratexia defensiva dentro da axenda política das forzas progresistas: a riqueza económica xerada polos traballadores dos sectores ligados á creación intelectual e artística serviulles como pretexto para xustificar o apoio monetario que as institucións lles brindaban e para lexitimar o que os franceses denominaron a "excepción cultural". O obxectivo, probabelmente, era encomiábel e, no seu momento, valeu -relativamente- para contrastar os argumentos dos sectores máis radicalmente neoliberais a favor de eliminar as axudas ás letras e ás artes que, segundo eles, deben supeditarse ás leis da competencia, igual ca calquera outra mercadoría. Mais esta posición padecía dunha dupla febleza.

En primeiro lugar, partía dun suposto falso. Cumpriría subliñar que a industria cultural non é -como a actual crise demostrou- a única que precisa de axudas económicas para sobrevivir na desapiadada xungla da competencia capitalista: as fabulosas cifras destinadas a asegurar a supervivencia de sectores tan presuntamente circunspectos como o financeiro ou o automobilístico abondarían para desmantelar esa falaz visión que lle atribúe ao sector da cultura unha dependencia das subvención estatais inaceptábel noutras parcelas do mercado.

En segundo lugar, a defensa das industrias culturais padece a mesma doenza que pretende combater: amparándose en presupostos de rendibilidade económica, admite o principio de que a cultura é unha mercadoría coma calquera outra. Deste xeito, alentar o consumo coa presunta boa intención de protexer a cultura -as industrias culturais- acaba por transformarse na perfecta coartada para antepoñer o valor mercantil das creacións á súa capacidade de potenciar a realización do ser humano e de enriquecer a súa competencia para interpretar o mundo.

Os pensadores da Escola de Frankfurt xa analizaron todos estes mecanismos de mercantilización, mais non precisamos ser sociólogos avezados para nos decatar de que a axenda que se nos impón está máis relacionada cunha espectacularización que baleira de calquera sentido crítico a cultura que coa posibilidade de ofrecer unha auténtica experiencia intelectual e estética aos cidadáns. Por poñer un exemplo actual: a ninguén lle parece rechamante que, nun país onde os que adoitan acudir a concertos de música clásica non chegan a un dous por cento, as entradas para os espectáculos do Xacobeo Classics -a denominación anglosaxoa xa indica o cativo concepto de cosmopolitismo que implica- se esgoten en horas?

Seguindo a lóxica do mercado, o produto cultural que máis valor posúe é o que maior demanda xera. E como todos sabemos, na sociedade de consumo o que maior demanda xera é o que vén precedido por un meirande despregue publicitario. E así, situámonos nesa esfera na que o criterio de selección para o consumo cultural é a catalogación de autores e obras previamente recoñecidos como máis vendidos. A retórica hiperbólica das tácticas de venda empregadas (Lang-Lang é "o mellor pianista do mundo", Cecilia Bartoli é "o maior fenómeno operístico dende María Callas") provoca o arrombamento de calquera xuízo que non se adapte á opinión colectiva prefabricada. E o que é peor, o público responde ás obras segundo a matriz elaborada polos medios de comunicación e pola propaganda institucional -un asedio de mensaxes do que resulta case imposíbel evadirse-, que se erixen en verdadeiros administradores do éxito e que negan toda posibilidade de resposta crítica.

Unha cultura tratada así, como mera mercadoría espectacular, perde a súa razón de ser e iguálase a calquera outra lilaina dun inmenso hipermercado en que a única liberdade que nos distingue é a de consumir máis ou menos obxectos, máis ou menos ideas. Unha indixencia espiritual que reduce a nosa identidade a un rendíbel exhibicionismo e que nos converte en ávidos consumidores do nada.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña