11:34 Domingo, 26 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2013

A realidade sempre supera á ficción

Invasor

Valorar (12)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Non hai moitos meses puiden ver no cine a película “Invasor” do director Daniel Calparsoro. Unha parte importante da fita foi rodada en Galiza, concretamente na cidade da Coruña, e loxicamente foi comercializada na súa dobraxe orixinal, é dicir, en castelán, malia a colaboración económica de institucións galegas como o concello da Coruña, e a que no reparto participaban actores galegos como Luís Zahera.        

O argumento xiraba en torno a un soldado do exército español, que logo de sufrir un accidente en Irak, padece unha amnesia parcial que lle impide recordar polo miúdo as circunstancias nas que se produciu o percance, así como os acontecementos posteriores a este. Malia as presións administrativas e tamén familiares, e malia a importante indemnización económica, o “heroe” da película, ao máis puro estilo ianqui, non desiste do seu empeño en descubrir o que aconteceu realmente.        

Como sei que hai persoas ás que non lle gusta que lle conten o final das películas, obviarei este detalle, que por outra parte non é difícil de adiviñar, mais si é imprescindíbel para este artigo desvelar o tráxico suceso que o noso protagonista non consegue recordar. Polo tanto, se a lectora ou lector deste artigo considera esta cuestión importante e prefire descubrir por si mesma a trama completa desta película, é mellor que deixe de ler o artigo aquí mesmo, porque vou a entrar en fariña.        

O “noso heroe” vai atando cabos até descubrir a través dunhas imaxes gravadas nun teléfono móbil, que soldados españois e americanos mataron a toda unha familia, cuxo único delito cometido fora seren iraquíes desarmados e indefensos. Evidentemente as autoridades políticas españolas esconderon datos importantes do suceso, e presentaron aos soldados españois como heroes por abater a unha “perigosa célula terrorista” que contaba entre os seus integrantes a unha meniña de seis ou sete anos.          

Aínda que o Estado Español ten e tivo soldados destacados en importantes zonas de conflito (Afganistán, Irak e máis recentemente Mali), as autoridades e os medios de comunicación presentaron sempre esta intervención como “humanitaria” (construían escolas, hospitais, mantiñan a orde, etc), nada facía sospeitar que un suceso como o descrito na película podería suceder, malia a entrar na lóxica da guerra contra o terror, onde hai uns bos, occidente, e uns malos, os outros, os terroristas, que desprovistos de toda humanidade, son os que hai que aniquilar para manter o noso estilo de vida.        

Porén, a realidade sempre superar a ficción. O domingo 17 de marzo, no mesmo día que o BNG celebraba a súa asemblea nacional, onde se reafirmaba nos seus principios fundacionais, os medios de comunicación do Estado daban conta do linchamento, -que non maltrato como reflectía algún medio dixital-, dun cidadán iraquí por parte de soldados españois á altura de 2004 na cidade iraquí de Diwaniya. As imaxes, -terríbeis-, amosan o asañamento e a impunidade con que actúan os exércitos en calquera país que invaden por cuestións económicas ou xeoestratéxicas baixo o pretexto de manter ou conseguir a paz.        

Curiosamente non é a primeira vez que hai denuncias públicas de torturas nas bases españolas; en 2005 un tradutor iraquí que traballaba precisamente para o Ministerio de Defensa español na mesma cidadade citada anteriormente, denuncia torturas logo da súa detención por seren presuntamente o colaborador necesario no asasinato de sete axentes do CNI español. Após 11 meses de cárcere na tristemente célebre prisión de Abu Ghraib, foi posto en liberdade sen cargos.        

Non hai guerras xustas nin invasores humanitarios, porque alí onde van só provocan morte, destrución e sufrimento, e o caso de Irak é un caso paradigmático após 10 anos da invasión ianqui, utilizando a mentira como bandeira. Pero poderíamos falar de Afganistán, Mali, Libia, etc, onde o Imperio contou e conta coa colaboración do sicario “hispánico”, que, como bos esbirros que son, non perden a ocasión de demostrar que eles están á “altura das circunstancias”. Neste sentido, recordo que na secuencia do asasinato da familia iraquí foi un soldado do exército español o que en última instancia decide dispararlle á meniña, como demostrando que el, os españois, non son menos que ninguén. E así é!


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña