22:55 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-03-2013

Este pasado 1 de febreiro o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, presentaba por todo o alto o achado do momento, o testamento do mariscal Pedro Pardo de Cela

O testamento do mariscal Pedro Pardo de Cela

Valorar (39)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Este pasado 1 de febreiro o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, presentaba por todo o alto o achado do momento, o testamento do mariscal Pedro Pardo de Cela. No acto de presentación líase o citado documento despois de ter realizado un esbozo tanto da figura como da época do Mariscal e aí remataba todo, quedando pendente para un futuro próximo a publicación dun libro no que se transcribirá o citado testamento.        

Segundo contan os medios de comunicación, única fonte documental dispoñible ata o momento, o testamento aporta novidades documentais que  cambiarán, radicalmente, a idea que se ten sobre esta figura tan destacada do século XV galego. Agardaremos impacientes á publicación do libro, pero mentres debemos dicir que non estamos de acordo con tódalas afirmacións vertidas polos citados medios de comunicación, que aseguraban que este documento era totalmente descoñecido tanto para o público en xeral como para os investigadores. Iso é totalmente erróneo pois hai xa tempo que se coñecía a existencia de varios testamentos falsos atribuídos ao mariscal, polo menos sabíase da existencia de tres.          

Os medios de comunicación dan como novidade a data en que fora redactado o testamento, o día 1 de outubro de 1483 na cidade de Mondoñedo. Isto tamén é erróneo pois hai un documento, o preito de Bernardino de Castellanos co bispo de Mondoñedo, do que falaremos despois, datado no ano 1510 no que se menciona varias veces o testamento do Mariscal dando como data de redacción o citado día 1 de outubro. Resúltame incrible que o profesor Pardo de Guevara puidese afirmar que a data de redacción do testamento era algo novo pois el mesmo ten publicado un artigo no Anuario Brigantino do ano 1986 onde fai referencia ao citado documento de 1510, polo tanto para el era coñecida esta data dende ese ano. O público en xeral tivemos que agardar ata mediados do 2010 para ver dixitalizado en internet o citado documento.        

Resulta verdadeiramente unha novidade a data da morte do Mariscal o día  3 de outubro. Ata o momento sempre se nos  dixo, polas mentes máis sisudas e estudosas do mundo medieval galego, que a execución tivera lugar o día 17 de decembro. Outra vez deberemos de agardar ata a publicación do libro para que nos expliquen por qué se debe de cambiar a data da execución do Mariscal.

A prensa dá como novidade que Pardo de Cela tiña un fillo varón. Dende o século XVII xa aparece no mundo lendario do Mariscal a presenza do fillo, un rapaz que non chegaba aos 22 anos cando foi executado xunto a seu pai.        

Na lectura do testamento e na posterior rolda de prensa deuse como novidade que a muller do Mariscal, dona Sabela de Castro, non era filla do conde de Lemos. Esta afirmación tamén era xa coñecida. A presentación e lectura do testamento tivo lugar o 1 de febreiro do 2013, pero o día 1 de agosto do 2012, en Foz, nas XVII Xornadas de Estudos Locais organizadas pola asociación cultural A Pomba do Arco, o poñente que nos viña  falar da figura de Pardo de Cela segundo as novas investigacións fixo esta afirmación, algo que nos sorprendeu. Debemos dicir que o poñente nin está vinculado ao Padre Sarmiento, nin forma parte do equipo de investigadores que atoparon o testamento. Resultaríanos moi sinxelo aos membros da asociación A Pomba do Arco presumir de que foi en Foz onde se coñeceu por primeira vez este dato, pero se o fixésemos estaríamos mentindo. O citado poñente foi invitado a participar nas XVII Xornadas porque coñecíamos as súas investigacións e as súas participacións en varios foros de internet onde mencionaba datos moi novidosos sobre a vida do Mariscal. Afirmacións como que o corpo do Mariscal descansaba no convento de Santo Domingos de Viveiro ou que a súa dona non era filla do conde de Lemos demostraban que estaba a traballar cunha documentación relativa ao Mariscal que os demais investigadores descoñecían, o testamento.        

Segundo afirman os medios de comunicación o testamento contén un gran número de mandas nas que o Mariscal ordena aos seus sucesores devolver terras que levaba ocupadas, de maneira fraudulenta, ao bispado de Mondoñedo. Sobre isto debemos dicir que usurpar terras da igrexa (ben sexa ao bispado ou a mosteiros) por parte dos nobres era unha práctica xeneralizada, como tamén o era a devolución destas terras mediante mandas testamentarias, polo tanto que o Mariscal devolva terras usurpadas no seu testamento é algo normal. Sen embargo resulta curioso, francamente chama a atención, que gran número das terras que o Mariscal afirma que leva usurpadas ao bispado sexan terras que lle pertencen lexitimamente a el. Non podemos esquecer que no ano 1484 a súa muller, dona Sabela de Castro, consigue que a Xustiza dos Reis Católicos lle devolva unhas terras que o bispado de Mondoñedo afirmaba que eran súas. Estamos a falar do casal de Galdo que estaba en mans do Mariscal e que este devolve ao bispado no seu testamento afirmando que pertencía legalmente ao bispo. É totalmente imposible, tal e como demostra documentalmente dona Sabela de Castro, que Pardo de Cela considerase que o casal de Galdo era unha propiedade do bispo que el levaba de maneira fraudulenta pois o citado casal fora aportado ao matrimonio por dona Sabela, que o recibira do seu primeiro marido, Galaor Mosqueira.      

Algo moi semellante acontece no ano 1510 cando Bernaldino de Castellanos, marido de Mayor de Vaamonde, neta do Mariscal, preitea contra o bispo Diego de Muros polas terrarías de Sargadelos, San Romao de Vilaestrofe, Cervo e San Miguel da Rigueira.      

Neste preito o prelado reclamaba as citadas terrarías alegando que eran propias do bispado e aportando como proba documental o testamento do Mariscal no que afirmaba que esas  terras debían de ser devoltas ao seu lexítimo dono, o bispado de Mondoñedo, “pareze que hizo y otorgo el dicho mariscal Pedro Pardo de Cela en la ciudad e Mondoñedo  a primero dia del mes de octubre de mill y quatro cientos y ochenta y tres años y entre otras cosas en el dicho testamento contenydas por una clausula del pareze que el dicho mariscal dexo y desenbargo todos los bienes que llevaba fasta entonces a los clerigos en que estaban puestos y a los que a ellos tenyan derecho y mando a sus herederos que no se los ynpidiesen ny demandasen y pidioles perdon por lo pasado que abia llevado”. Por si a declaración do Mariscal non bastase o bispado aporta a declaración de varias testemuñas residentes en Cervo que aseguran que esas terras foran usurpadas ao bispo de Mondoñedo. O citado Bernardino de Castellanos presenta tamén unha copia do testamento orixinal que “se abia sacado y autorizado en la villa de Bivero”, así como unha manda testamentaria de Teresa Rodríguez de Aguiar, datada o 15 de agosto do 1432, pola cal deixaba a terraría de Cervo,que lle pertencía, ao seu sobriño Fernán Rodríguez e despois del aos seus sucesores. A documentación presentada polo citado Bernaldino convenceu aos xuíces de Real Audiencia  que concluíron que “devemos amparar y defender y por esta nuestra sentencia amparamos y defendemos al dicho Vernaldino de Castellanos y la dicha doña Mayor, su muger, y su procurador en su nombre, en la posesion de las terrarias de Salgadelos, San Romao, Rigeyra de Ferrol y Cervo y mandamos al dicho obispo que agora ny de aqui en tiempo adelante no le perturve ny moleste en ella” ademais obriga ao prelado a devolvelos bens e as luctuosas das que se apropiara nesas terrarías.        

Pardo de Cela redacta o testamento o día 1 de outubro de 1483, dous días despois é executado, segundo nos contaba o poñente nas XVII Xornadas o notario que redactou o testamento acabará suicidándose. O bispado de Mondoñedo apropiase dunha serie de terras que pertencían á familia do Mariscal alegando para iso o testamento que este fixera, pero, curiosamente, moitas desas terras son recuperadas polos herdeiros do Mariscal cando presentan documentación anterior ao citado testamento que demostra que as terras en discusión non foran nunca do bispado.      

Se nós fósemos desas persoas, que non o somos, que cren nas teorías da conspiración aquí, nos feitos que van entre os días 1 e 3 de outubro de 1483 veríamos a existencia dunha man oculta que estaba moi interesada na morte, tanto económica como física, do Mariscal.      

Agardemos á publicación dese libro e por suposto do testamento para poder falar máis amplamente deste tema.


[12-03-2013 18:45] Samuel Cândido de Oliveira Castro comentou:

Prezado Xoán Ramón,

No testamento do Mariscal Pedro Pardo de Cela, apareceu que "dona Sabela de Castro, non era filla do conde de Lemos". Por acaso tens conhecimento de quem ela era filha e, qual a relação de parentesco dela com a beata D. Constanza de Castro?
Agradeço sua atenção. Abraço fraterno.
Samuel de Castro

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña