09:45 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2013

Cospedal, activa e perifrástica. Activa porque non está xubilada e, sobre todo, porque non acouga na súa ambición

Pola boca morre o peixe: as voces do verbo

Valorar (22)

MARICA CAMPO



Foron moitas as declaracións de personaxes activos, pasivos e perifrásticos que nos últimos días fixeron, máis unha vez, verdadeiro o refrán co que titulo estas liñas. Háseme perdoar o de activos, pasivos e perifrásticos, pero coido que aínda que non fale de verbos acáelles ben ás persoas que, verbosas ou  non, padecen  incontinencia verbal algunhas veces. (Aínda que agora só falamos de voz activa e pasiva, na miña xa lonxincua infancia tamén se consideraba que  as perífrases constituían unha terceira voz).    

Cospedal, activa e perifrástica. Activa porque non está xubilada e, sobre todo, porque non acouga na súa ambición. Perifrástica por non se expresar de xeito directo e  dar un rodeo no intento de enmascarar o asunto de Bárcenas, rodeo no que, por certo, tropezou e pronunciou o nome do delito: “simulación”.  Por un momento subiulle a calor ao rostro , talvez para que nos decátasemos de que  non é de xelo; quizais para que entendamos que, malia ser  omnipresente (Presidenta en Castela-A Mancha, Secretaria do PP en Madrid), é humana. Ela, que se quería mostrar incontaminada no lerio do xerente, acabou enfouzada na lama da sospeita.    

O xeneral Chicharro, pasivo e activo, por máis que isto semelle enfrontado coa lóxica. Pasivo por estar xubilado, activo por matinar en ideas golpistas e defendelas en público. Agora fai a palinodia, mais as súas palabras exactas foron estas: “La patria es anterior y más importante que la democracia. El patriotismo es un sentimiento y la Constitución no es más que una ley”. Foi a posibilidade da declaración de soberanía en Cataluña a inspiradora de tan iluminador pensamento. Efectivamente, as leis pódense cambiar, os sentimentos son outra cousa. E,en todo caso, iso terá que valer tamén para quen non se sinta español. O militar non deixa de ser demócrata por cuestionar a Constitución, senón por querer impoñer o seu pensamento e pretender que todos sintan como única patria a que el sente.    

Oufano, que rima con Mariano, o señor Rajoy, activo e pasivo tamén. (E Feijoo na súa esteira). Activo a vender a alma ao diaño en aras, unicamente,  de baixar o déficit. Pasivo en atallar a desfeita do que resta do Estado de  benestar. Activo a descualificar a oposición, pasivo a agardar que o envurullo se desfaga só. “Da abundancia do corazón fala a boca”. De que lle oímos falar ao presidente?    

Jorge Fernández Díaz, ministro de interior, activo opusiano e perifrástico argumentador: “Si nos oponemos al matrimonio entre personas del mismo sexo no podemos usar argumentos confesionales.Existen argumentos racionales que nos dicen que ese matrimonio no debe tener la misma protección por parte de los poderes públicos que el matrimonio natural. La pervivencia de la especie, por ejemplo, no estaría garantizada”. Ten razón o señor ministro. Daquela, tamén ten que se opoñer ao voto de castidade de frades e monxas e ao celibato dos cregos. Deberá pensar, na súa irrefutábel lóxica, que a Igrexa non debe recibir cartos do erario público nin ter privilexios tales como a exención do IBI, porque non perpetúa a especie, polo menos cando se atén aos seus votos. Por outra parte, se o que cómpre é o “matrimonio natural”, sobran o civil e mais o eclesiástico que son creacións culturais, non están escritos na natureza humana.    

Nós, galegas e galegos, queremos, podemos e debemos aspirar a outras voces para outros verbos. Do proceder dos peixes sabemos abondo, non en van somos o país dos mil ríos e dos 1.500 quilómetros de costa, malia que a pesca vaia a menos e os “bos peixes” a máis. Oxalá que estes se sigan a perder pola boca, a ver se así o pobo os  recoñece dunha vez.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña