01:32 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-03-2013

A forza inmensa do seu discurso, e o facto de que sucesivas camadas de militancia nacionalista o teñamos por referencia, alicérzase precisamente na súa exemplaridade e coherencia

Bautista Álvarez, a militancia por vocación

Valorar (28)

XABIER PÉREZ IGREXAS



“Eu non merezo homenaxe de ningunha clase porque a miña loita polo nacionalismo non é un sacrificio, senón unha vocación”. Así respondía Bautista Álvarez nunha recente entrevista realizada a respecto da máis que merecida -e ben nutrida- homenaxe que tivo lugar o pasado sábado 2 de marzo.      

O camarada Bautista vén de cumprir 50 anos de militancia no nacionalismo popular. A pesar da súa humildade e modestia case que insólitas non faltan razóns para o recoñecemento. Para alén da súa brillante capacidade de análise, na súa figura -esencial como poucas para comprendermos o agromar do nacionalismo galego contemporáneo- resaltan dous aspectos cuxa reivindicación fica plenamente vixente.      

Dunha banda a militancia, entendida en chave de vocación. Bautista partilla xunto con outra egrexia referencia do nacionalismo galego, Moncho Reboiras, a entrega incansábel, o compromiso permanente, a  xenerosa dedicación a unha arela, a da emancipación social e nacional do noso pobo, mais sobre todo ao seu proxecto político articulado no que hoxe é o BNG. Bautista, coma Reboiras, concibiu e practicou desde sempre -ao longo de cinco décadas- a importancia da organización, da necesidade de fortalecer mediante a praxe os instrumentos dos que o pobo galego se foi dotando baixo o impulso decidido da súa xeración con base no principio de autoorganización. Dese afán, dese compromiso, é de onde agroma o tecido cultural, as organizacións sociais e estudantís ou o sindicalismo nacionalista que vertebrarán desde o treito final de Ditadura até arestora o movemento popular galego e que hoxe lideran a loita social.      

O nacionalismo é moito máis que un partido político. Implica militanza. Participa nos procesos electorais (faltaría máis!) pero non se reduce a eles a súa actividade. Recalco o conceito. Na militanza está a clave. Non rexeito outros criterios que se poidan utilizar para a selección de cadros políticos ou representantes institucionais. Mais nengún deles debe prevalecer sobre o degrau da militanza. As candidaturas nacionalistas deben encabezarse polos que estiveron en primeira fila no combate.” Así concluía Bautista a resposta á derradeira das corenta preguntas que se lle formulaban no libro editado pola fundación que leva o seu nome co gallo do 40 aniversario da Unión do Povo Galego. O libro saía ao prelo en 2005, ano no que por vez primeira o BNG accedía ao goberno galego.      

O fragmento que veño de invocar substancia con nitidez o valor central que a militancia tivo e ten na súa concepción da política ao longo de toda a súa traxectoria, desde a súa participación na fundación da UPG en 1964, o seu papel no grupo Brais Pinto ou no Clube de Amigos da Unesco en Madrid, pasando pola súa combatividade durante a ditadura e os primeiros anos da transicións (que mesmo lle custaría ser detido e pasar pola cadea) até a súa inconmensurábel achega como deputado do BNG no Parlamento de Galiza. Repasando a súa biografía, a de toda unha vida entregada a Galiza, un non pode se non concluír que a forza inmensa do seu discurso, e o facto de que sucesivas camadas de militancia nacionalista o teñamos por referencia, alicérzase precisamente na súa exemplaridade e coherencia. Nada a ver coa petulancia das grandes figuras criadas e alentadas artificiosamente polos mass media. Antítese da impostura e do oportunismo dos figuróns, Bautista encarna a un patriota e militante exemplar.      

Exemplaridade e coherencia que foron, aliás, elementos chave no enraizamento, consolidación e posterior ascenso social do movemento nacionalista no noso país. Así o describía o propio Bautista no tomo antes referido: “O povo que nos deu a súa confianza é o povo que nos viu nas batallas que eles compartían. Aquí está a chave que nos abriu e nos abrirá as portas da introdución social. O noso éxito non depende da mercadotecnia eleitoral. Neste terreo xogan os outros con vantaxe. Pode ser que a renovación que o BNG precisa pase polo retorno ás raíces nosas, que son as raíces do noso povo.” Unha receita máis que oportuna e acaída para os tempos que corren.
O segundo valor que salienta do seu contributo á causa nacional-popular galega é o da firmeza. Firmeza na defensa coherente dos principios e dos valores. Firmeza que non rixidez, nin teimosía gratuíta. Firmeza entendida tamén en chave de valentía á hora de defender, ás veces con vehemencia, as súas análises, de colocar sen medo as súas opinións e posicións, sen verse coartado pola polémica ou polo debate que outros temen. Firmeza propia dun heroe destemido, como con acerto o cualificou Lois Diéguez no poema que lle dedicou, e da que deu boa conta en numerosos artigos publicados neste mesmo medio. A súa agudeza intelectual, que partilla cunha linguaxe directa e incisiva refugando da retórica parlamentarista, é incompatíbel co verniz gris que o discurso dominante imprime socialmente para uniformizar e opacar o pensamento, para alienar. Mais firmeza tamén na práctica, en primeira liña, sen engurrarse nin diante da brutal represión dos últimos anos do franquismo e os primeiros da transición.    

Aliás, fronte os abondosos precursores do posibilismo, da xestión fronte a política, da oferta electoral á carta e mesmo da renuncia ideolóxica, Bautista mantivo ergueitas sen tremores as bandeiras que dan razón de ser ao proxecto revolucionario que o nacionalismo galego representa para o noso pobo.    

Cómpre xa que logo reivindicarmos a súa achega e embebermos do seu pensamento. Sabendo, iso si, que non haberá mellor homenaxe que a de (tentar) practicar a súa mesma exemplaridade e coherencia, facendo da militancia a nosa vocación.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña