04:54 Sabado, 08 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-02-2013

Os prezos en Latinoamérica están dolarizados desde sempre e non só ao troco oficial senón tamén ao do mercado negro ou «blue» nos países en que rexe o control de cambio

Latinoamérica: ao abeiro do dólar

Valorar (15)

XURXO MARTIZ CRESPO



Se hoxe pola mañá decidíramos ir a calquera banco no Estado español (ou na Unión Europea) mercar soles, bolívares, pesos arxentinos, reais brasileiros ou calquera divisa latinoamericana marchariamos coas mans baleiras. Non teriamos ningún problema en mercar dólares, por suposto, e aínda que podemos ler en calquera xornal económico europeu o troco destas divisas latinoamericanas respecto ao dólar, sería imposíbel poder trocalas en calquera dos bancos que visitamos pola mañá.    

Visto desde Europa, é difícil entender a teima dos latinoamericanos co prezo do dólar e o determinante que é na súa vida cotiá pero, á vista do anterior exemplo, non sería tan difícil de entender, as súas moedas non deixan de ser auga entre as mans.     

Desde os acordos internacionais de Bretton Woods, 1944, o dólar estadounidense é a referencia monetaria do daquela mundo occidental e non as reservas internacionais en ouro.  Este modelo baseado no dólar tivo a súa primeira fenda en Europa co déficit comercial estadounidense de 1971 e a devaluación do dólar produto da guerra de Vietnam. O Estado francés ameazou con voltar á convertibilidade do ouro para o franco... e Estados Unidos tirou da manga a crise do petróleo e a conseguinte vaga de dólares (petrodólares) para os países árabes que rematarían en bancos estadounidenses e despois en Latinoamérica e a burbulla da débeda externa.    

O dólar1 inunda toda a vida dos latinoamericanos despois de décadas de submisión comercial aos Estados Unidos agudizada pola súa proximidade, aínda hoxe cos países máis díscolos. As estritas medidas de embargo contra Cuba por parte dos Estados Unidos poden ser obviadas (polas autoridades estadounidenses) se a mercadoría é pagada (en dólares) por adiantado polos cubanos ao exportador estadounidense.      

Os prezos en Latinoamérica están dolarizados desde sempre e non só ao troco oficial senón tamén ao do mercado negro ou «blue» nos países en que rexe o control de cambio. Se queres mercar un coche, unha vivenda ou calquera cousa, fas unha división entre a moeda local e o dólar estadounidense e obterás unha cifra exacta sempre.    

«Avidadollar»    

Os controis de cambio, a restrición á compra de dólares estadounidenses por parte de particulares, é un «clásico» das políticas económicas latinoamericanas para evitar a fuga de divisas.    

Dende o Perú do xeneral Juan Velasco Alvarado en 1968 até a as protestas actuais contra a presidenta arxentina Cristina Fernández, as clases medias de toda Latinoamérica senten coma unha agresión a imposibilidade de poder mercar dólares estadounidenses. Sería doado facer unha crítica a esta clase media «avidadollar» pero o certo é que a historia cambiaria e inflacionista de case toda Latinoamérica lles dá moitos argumentos como para albiscar un dólar en lugar do sol (sol, peso, bolívar etc...) e pensar que a moeda local está ben para mercar o xornal e pouco máis, para as cousas «serias» está o dólar.    

Convertibilidade e dolarización.    

Dúas fórmulas empregáronse en Latinoamérica para loitar contra a devaluación eterna das moedas nacionais. Por unha banda a chamada convertibilidade, que mantén a moeda nacional e non desaparece, estabelecéndose unha paridade cambiaria, coma no Perú, onde non desaparece o sol da circulación e dá á poboación a posibilidade de escoller calquera das dúas moedas.    
Exemplos de convertibilidade son a maior parte de Latinoamérica. Por exemplo en Venezuela, con control de cambio ou en Perú, con libre circulación de ambas as moedas asemade ou na Arxentina de Menem e Cavallo coa paridade cambiaria que aseguraba que por cada peso arxentino en circulación existía un dólar estadounidense na bóveda do Banco Central de la República Argentina (BCRA). O caso arxentino foi un dos experimentos máis infames dos construtos liberais. O Estado arxentino precisaba dun constante ingreso de dólares para o BCRA que nun primeiro intre chegaron da política de privatización de empresas estatais e o aforro que significaba no caso de empresas deficitarias. Porén esa enxurrada de dólares non foi abondo para manter a convertibilidade. Arxentina deixaba de exportar polo caro que resultaban os seus produtos e prefería importar pagando en dólares. Os produtos arxentinos competitivos, cereais e grans, estaban a moi baixo prezo no mercado internacional, así que Arxentina tivo que refinanciar a súa débeda a xuros altísimos para tentar manter a covertibilidade do dólar e o peso. O FMI tentou manter a convertibilidade mediante axustes monetarios e fiscais unidos a unha inxección de millóns de dólares en prestamos pero ningunha destas medidas puido impedir a desfeita económica de decembro de 2001 e o remate da convertibilidade.  

A fórmula da dolarización consiste na substitución da moeda nacional por dólares. É dicir, retírase da circulación a moeda nacional para mudala polo dólar como medio de pagamento.    

Exemplos de dolarización son Panamá2, El Salvador e Ecuador, Estados, os dous primeiros, con fortes lazos de dependencia histórica con Estados Unidos.    

O caso venezolano    

Venezuela é un reincidente nas políticas de control de cambio e fuga de divisas3 por parte das clases medias e altas oligárquicas antes e durante a revolución bolivariana. O presidente venezuelano Hugo Chávez asegurou en moitas ocasións que o control de cambio existe porque «a oligarquía venezuelana leva os dólares (do Estado venezuelano) para colocalos nos bancos do mundo.» Porén, durante os dez anos de vixencia da lei de control de cambio a fuxida de  capitais medrou e non se puido deter a sangría.    

A balanza de pagamentos do Banco Central de Venezuela revela que entre o primeiro trimestre de 2003 e o 2012 os depósitos privados no estranxeiro acumulan unha suba de 248% desde 41 mil 268 millóns de dólares até 143 mil 638 millóns, e todo isto nunha situación de control de venda de dólares por parte do Estado venezuelano.    

Un novo paradigma, unha nova mentalidade    

A revolución bolivariana gañou na loita electoral e na loita na rúa pero no eido da produción e no financeiro a revolución bolivariana aínda está mantendo unha loita que polo momento non está decidida.      

A revolución bolivariana é consciente da subsidariedade da economía venezuelana dentro dun capitalismo globalizado. Xa que logo os esforzos da revolución na creación de alianzas latinoamericanas (CELAC, ALBA, MERCOSUR) para enfrontar aos mercados internacionais e o imperialismo estadounidense que ten os seus representantes na burguesía interna, esixindo a libre disposición do dólar e o acatamento dos ditados económicos de Estados Unidos e os organismos internacionais neoliberais. Na defensa dese poder financeiro da burguesía local e a ameaza que representa instaurouse en Venezuela un control de cambio en 2013 e a loita desatada desde aquela data co goberno, manobras cambiarias,  obrigouno a devaluar a moeda en dúas ocasións.    

A batalla financeira pola soberanía económica nos países progresistas en Latinoamérica é a batalla silandeira que polo momento está levando máis tempo e enerxías e o seu resultado decidirá o futuro da continuidade da revolución social ou a volta ao modelo de submisión.


1
Na Ciudad de plástico da canción de Rubén Blades Chica plástica «en vez de un sol, amanece un dólar, gente que vendió por comodidad su razón de ser y su libertad».  

2  O actual presidente panameño, Martinelli, propuxo o euro coma unha terceira moeda de curso legal en Panamá.

3
Entre 1950-1999 os venezuelanos transladaron ao exterior 111 mil millóns de dólares. Emilio Jesús Medina Smith, La fuga de capitales en Venezuela, 1950-1999. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña