22:28 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-02-2013

Porque a agresividade e a visceralidade coa que se tratan feitos coma o Apalpador ou o Samaín resultan sorprendentes cando non proveñen do campo do españolismo senón de ámbitos máis achegados

O apalpador ten unha eiva: é galego

Valorar (23)

HENRIQUE DEL BOSQUE ZAPATA



Podemos afirmar que o apalpador non existe, que son os pais. Seica esta afirmación sexa a máis atinada en canto a parámetros da racionalidade ilustrada. Mesma conclusión a que podemos chegar con outros dadores de prendas coma o Pai Noel, Santa Claus, San Nicolás, Reis Magos, Julenissen, Father Christmas, Olentzero, etc. A tradición, toda tradición, necesariamente é inventada e reformulada co paso do tempo e os materiais que a conforman poden proceder de diversas cronoloxías e xeografías. E, aínda máis, até onde resulta posíbel usa a historia como lexitimadora da acción e alicerce da cohesión dos grupos.      

A meirande parte das tradicións, símbolos e cerimonias que fan parte da nosa vida occidental se orixinaron ou refixeron non máis aló de século XVIII, sendo moitas de recente criazón. A saia escocesa, que Walter Scott afirmaba como indumentaria dos caledonios do século III, foi inventada por un cuáquero inglés en 1720 e difundida a través dos rexementos higlanders ao servizo do imperio británico. O famoso narciso nacional galés foi incorporado en 1907. A tradición das uvas de fin de ano ten pouco máis de cen anos. Quen pode afirmar que a bandeira española se empregase como distintivo nacional antes de 1908? A referencia ao día da hispanidade, e mesturado coa raza, non vai a máis de 70 anos. As cerimonias, festas e rituais revolucionarios franceses non sedimentan coma elementos dunha tradición até a segunda metade do século XIX. O noso día nacional data de 1919. Tradicións e festividades declaradas de interese cultural nacional por toda Europa, e non digamos España, son de hai dous días. Por non falar das tradicións exportadas por todo o mundo e que se manifestan, após de asentadas, coma propias. Gastronomía, relixión, cerimoniais de entronamento, paradas e desfiles, días de…podería facerse unha listaxe interminábel. Logo, cabería preguntarse, se dentro da invención da tradición existen criterios de prevalencia, de pedigrí, cara á elección dunhas ou doutras celebracións. Mesmo cabería preguntarse se os galegos estamos inhabilitados para crear e inventar ao xeito do que, mesmo hoxe, se segue a facer. Porque a agresividade e a visceralidade coa que se tratan feitos coma o Apalpador ou o Samaín resultan sorprendentes cando non proveñen do campo do españolismo senón de ámbitos máis achegados.    

Evidentemente hai unha caste de tradicións, cerimonias e rituais que estabelecen ou simbolizan a pertenza a un grupo ou comunidade diferenzado e aquí si que a ranciada españolista comprendeu perfectamente o seu significado cando arremeteu con saña contra estas nosas celebracións. Percibiron, con bo criterio, un aceno de afastamento, de creación autónoma, de ruptura de ligames e así é explicábel a salvaxe xenreira que destilaron contra das mesmas. Eles entenderon con certeza, outros máis próximos non. Interpretar, nestes casos, que se trata dun desatinado intento de inventar tradición amosa certa falla de perspectiva na comprensión de como a creación simbólica desempeña un papel esencial no conflito dun pobo asoballado culturalmente e amosa, tamén, certo sentimento de inferioridade. Por ningures se observa a impostura de apresentar estas celebracións coma produto da recuperación de tradicións ancestrais perdidas na noite dos tempos. Ao contrario, a honestidade e a exquisitez de recoñecer a creación a partires da aportación de elementos fragmentarios e da súa posterior reelaboración, sitúanos nunha posición de decencia bastante máis elevada ca doutros facedores cos que estamos abertamente en desvantaxe.  

Semella, no entanto, que actúa o medo a que nos acusen de pailáns, medo que si ten fondas raizames e que conduce a pedir perdón por aquilo de xa avanzamos a acusación e a condena. Abrolla o sentimento de vergoña, diante do colonialista, por temor aparecer coma uns iletrados por mor de que os actos propios non cumpran cos estándares de respectabilidade ilustrada  que ninguén pode nin desexa cumprir.    

Mais o golpe non pode vir por ese carreiro precisamente porque a invención da tradición fai parte da base de calquera cultura, de calquera historia. Gran parte do que de xeito subxectivo crea a nación moderna consiste na creación de tales produtos simbólicos, axeitados e funcionais. Que acaído resulta aquilo que dicía Albert Memmi, no seu retrato do colonizado, que ao igual que moita xente evita exhibir aos seus parentes probes, o colonizado, empeñado na asimilación, agacha o seu pasado, as súas tradicións e todas as súas raíces e que a súa orixinalidade está delimitada e definida polo colonizador. Sempre estamos dispostos a ceder e a ficar en desvantaxe. Neste caso non. Pois ben, voulle dar a razón, por esta vez, ao españolismo: aproveitamos e fabricamos o noso, celebrámolo con orgullo e ledicia; teñen motivos para se amolar e nós para continuar e apoiar estas e outras máis, recreadas ou non, festas e celebracións. Sen permiso e sen dar contas; estamos lexitimados.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña