06:25 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2010

Diálogo social + Patronal + CCOO + UGT +Goberno PSOE + Oposición PP + Desemprego + Precariedade - Salarios - Dereitos = Reforma Laboral

Non hai outra: reivindicación, loita e mobilización!

Valorar (5)

XOÁN XOSÉ BOUZAS ABOI


Como dicía aquel dito do fútbol “...e chega outro ano e pasa tamén...”, isto é o que fixo o goberno do PSOE o pasado luns 12 de abril cando presentou o segundo borrador da futura, cacarexada e pretendida reforma laboral chamado “diálogo social sobre actuacións no mercado de traballo”, e que recolle cinco aspectos como a dualidade e temporalidade no mercado de traballo, a revisión da política de bonificacións, o programa de emprego para a mocidade, a intermediación laboral e o fomento da redución de xornada.

O documento segue na mesma liña do que presentou e 5 de febreiro recollendo propostas similares, pero partindo dunhas premisas equivocadas para abordar o problema do desemprego, xa que reducir o tempo de traballo con contratos a tempo parcial é nin mais nin menos precarizar o traballo, eles denomínano como instrumento de axuste temporal do emprego. Porque canto máis aumenta o desemprego, mais aumenta a flexibilidade laboral e os maiores incrementos na contratación parcial danse non momentos de menor fortaleza económica.Contratar xóvenes sen cotizar por eles e con salarios mínimos e elevando a idade de 21 a 24 anos, como se chama isto ou é que non é precariedade?

Darlle maior protagonismo as empresas de traballo temporal (ETTs), cando todos e todas sabemos o uso que se fai deste servizo, que traballos realizan e que persoas se contratan. E que dicir, de que se permita a creación de axencias privadas de colocación con ánimo de lucro, máis negocio para a patronal a conta dos de sempre ¿ou é que vamos a ter todos e todas as mesmas oportunidades, as mesmas garantías ou vanse converter en oficinas de listas negras para determinados traballadores e traballadoras?

Con modificar as condicións de traballo con mais flexibilidade e abaratando o despedimento sexa polo mecanismo que sexa pensan que van atallar o paro, cando a crise económica xeradora do desemprego, non ven provocada polas rixideces do mercado laboral, nin polos custes salariais, nin por ter traballadores e traballadoras cunha antigüidade grande.

“Pode parecer unha simpleza pero é imprescindible non esquecer algo tan elemental como o feito de que o paro xeneralizado, lonxe de ser un drama xeral, é a situación que mellor convén ás empresas para lograr condicións máis favorables na contratación, salarios mais baixos, menor capacidade reivindicativa dos traballadores e traballadoras e maior sometemento e disciplina. O paro desmobiliza aos asalariados e aos desempregados, debilítaos en todos os sentidos e termina por provocar unha condición xeral de sometemento e medo a perda do posto de traballo a quen o ten, o da aceptación de calquera condición de traballo en quen o busca con necesidade, que permite aos empresarios impoñer os termos máis axustados aos seus intereses (Juan Torres Lopez)”

Despois desta reflexión cabe dicir que como traballadores e traballadoras, temos que rexeitar as intencións do Goberno Zapatero de recortar os dereitos laborais que tanto custou conquerir e que trata de aproveitarse desta situación de crise para arrimar se cabe mais a sardiña á ascua da patronal, reforzándoa nos seus cometidos e facéndolle cesións gratuítas á costa dos traballadores e traballadoras.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña