21:17 Mércores, 20 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-02-2013

Parece claro que estamos ante a aplicación no Estado Español da Doutrina do Shock

Caos, casualidades e certezas

Valorar (15)

ALBERTE BRANCO CASAL



Na Italia, durante un longo período que abrangueu toda a década dos setenta do pasado século, coincidindo coa continua ascensión electoral do Partido Comunista Italiano (PCI), consolidándose como segunda forza (34,4% dos votos en 1976) e coa posibilidade real de acceder ao goberno, desencadeouse un longo período de violencia e inestabilidade política que sacudiu a todo o estamento institucional da República e ao conxunto da sociedade italiana. Sucedéronse graves episodios de terrorismo iniciándose co atentado de Piazza Fontana (1969), continuando co asasinato de Aldo Moro (1978) e finalizando coa matanza de Bolonia (1980), entre outros moitos ocorridos nese intervalo. Ademais incrementouse a actividade criminosa da Mafia nas décadas seguintes, culminando finalmente nun macro proceso xudicial por corrupción que acabou por desarticular todo o antigo sistema de partidos, dende os megacorruptos Democracia Cristiá e PSI ata o propio PCI. Case todos os analistas coinciden en que aquela escura etapa -dominada pola estratexia da tensión- estivo deseñada polos poderes fácticos utilizando, segundo algúns expertos como o francés Thierry Meyssan, operativos stay-behind ligados aos aparatos de seguridade do Estado controlados directamente pola OTAN. Daquela a estratexia consistía nunha serie de atentados terroristas atribuídos, segundo conveniencia, a forzas de extrema dereita ou extrema esquerda co obxecto de crear na sociedade un estado de shock e confusión que facilitase a súa posterior manipulación. O seu obxectivo era evitar a chegada ao goberno dos comunistas italianos e, nun ámbito máis xeral, intentar impedir en Europa gobernos de esquerda non homologados polo Sistema. O resultado final desta estratexia en Italia foi o incremento da desafección social á política e o individualismo, o empoleiramento xeneralizado da corrupción na Administración e un control aínda máis determinante da Mafia como administración económica paralela en distintas zonas de Italia: en definitiva a eliminación, en gran medida, do Estado como garante dos dereitos dos cidadáns xunto ao deterioro sistemático dos valores ético-sociais.        

No estado español, durante a época franquista, as condicións eran diferentes ás de Italia, pero a reforma democrática creou un panorama novo que necesitaba da estratexia da tensión para evitar unha orientación electoral á esquerda e poñerlle freo aos nacionalismos, algo que se intentou articular mediante os atentados indiscriminados da ETA da última etapa e do GRAPO. Pero a nova situación mundial creada despois do 11-S esixía un maior compromiso na guerra “contra o terrorismo internacional” liderada por EE.UU. e así asistimos ao atentado do 11-M en Madrid. Este foi un acto similar ao de Bolonia de 1980 (explosión dun tren nunha estación chea de xente), pero cun maior número de vítimas. Naquela altura, probablemente, a pésima xestión da información realizada polo PP axudou a gañar as eleccións ao PSOE producíndose un efecto contrario ao perseguido. Outro episodio que pareceu coller a contra pé aos poderes fácticos foi o cese definitivo da loita armada de ETA a finais de  2011. Este importante episodio e a profundidade da crise económica coinciden no tempo cun posterior cambio de goberno despois da súbita reorientación neoliberal do PSOE e da súa nefasta xestión económica que acabou coa súa credibilidade. Esta crise institucional incipiente afóndase nos meses seguintes co descrédito de varias institucións fundamentais do Estado. En decembro do mesmo ano “descóbrense” os suculentos “negocios” de Iñaki Urdangarín cunha secuela de graves consecuencias para a monarquía que aínda non remataron. En 2012 iníciase unha campaña internacional e interna de erosión da monarquía española. O Der Spiegel dá a coñecer un cable secreto do goberno alemá desmitificando a figura de Juan Carlos asegurando que o rei sentía simpatía polos golpistas do 23-F, algo inaudito nas relacións internacionais entre países amigos. Meses despois aparece o “accidente na cacería de elefantes” en Botsuana con fotos facilitadas por unha axencia internacional e amplamente difundidas polos gran media en todo o “reino” obrigando ao monarca a desculparse publicamente (algo inédito). De seguido, unha información publicada no The New York Times, en setembro dese mesmo ano, dá a coñecer a inmensa e insultante fortuna persoal do Rei nun momento en que a crise económica está levando ao paro a máis de cinco millóns de parados. Ao grave e acelerado deterioro do prestixio social da coroa xúntase agora a reactivación do caso Bárcenas e o gravísimo escándalo do descubrimento dos pagos en negro á cúpula do PP, atinxindo ao mesmo presidente do Goberno e outros altos cargos institucionais. Poderiamos engadir a esta crise o estalido do problema territorial promovido polo nacionalismo conservador catalán.      

É posible que todo isto non sexa nada máis que un cúmulo de casualidades, é dicir, unha combinación de circunstancias que non se poden prever nin evitar e que flúen dun modo natural e caótico no tempo? Podería ser, pero non o creo. Non se me entenda mal, non se trata de negar a existencia dos graves feitos sinalados senón que se dean a coñecer na secuencia descrita e por quen. Volvendo ao caso italiano e salvando algunhas formas e actores, hai algunhas coincidencias co español: no proceso de deterioro institucional están implicadas forzas internacionais e internas do Sistema e a “esquerda” vai a remorso dos acontecementos. Pero, como xa se dixo antes, o aparente caos italiano e o cúmulo de “casualidades fatais” non eran tais. Alí a doutrina do shock-estratexia da tensión propiciou a confusión e a desafección da sociedade xunto á atomización do tecido organizativo das clases populares, ademais de dar lugar a un proceso de esnaquizamento da súa economía e ao inicio do desmantelamento do Estado do Benestar. Aquí estamos agora nunha situación similar. Outra coincidencia.      

Á vista desta breve análise –pero principalmente dos acontecementos- parece claro que estamos ante a aplicación no Estado Español da Doutrina do Shock, cunha estratexia de tensión crecente e continuada co obxecto de que a situación creada permita xustificar a aplicación dunha solución especial acompañada dun vasto programa de recentralización, eliminación de dereitos básicos e un control do Estado por entidades supra estatais e internacionais. Pero tamén é posible que este proceso desemboque nunha nova reformulación territorial do Estado se o prezo a pagar por unha centralización e unha contrarreforma á brava fose demasiado alto debido á oposición frontal de Catalunya e Euskadi. En calquera dos casos, neste transo o problema de Galiza e das forzas nacionalistas radica en que ou toman a iniciativa e forman unha ampla alianza capaz de enfrontar a situación ou acabarán enredadas na trampa saducea tendida polos poderes fácticos. Na Galiza a situación non é a mellor, pero o nacionalismo galego debe promover un debate sobre este asunto na Galiza e propoñer -sen tardanza- unha alianza a outras forzas nacionalistas do estado elaborando unha estratexia propia, ampliable a outras forzas estatais, denunciando os intereses ocultos que están detrás de toda esta estratexia de tensión. Contemplaría a reformulación do Estado sobre a base dun novo pacto federal e un programa de mínimos cunha clara orientación antimonopolista. Esta iniciativa galega é vital para evitar que unha posible nova reformulación do Estado só considere esta vez a Catalunya e Euskadi deixando fóra a Galiza. Non podemos esperar a que outros tomen a iniciativa.


[08-02-2013 09:48] Xosé Antón comentou:

Con todo este medo que queren inocularnos pretenden por unha banda que parte da sociedade ceda e asuma os seus postulados, e pola outra, que os/as que non esteamos dispostos/as a entregarlles a victoria total sen loita, cometamos erros graves pola urxencia e pola necesidade de resposta. Boa análise e reflexión, amplo debate coas mellores conclusións, e sobre todo, moita acción, poderían ser un xeito interesante de contratacar, para equilibrar primeiro e vencerlles despois.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña