11:51 Martes, 09 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-02-2013

No val de Mondoñedo, rodeando a cidade, podemos atopar máis dunha ducia de pequenas ermidas, a maioría delas fundadas no século XVIII

A ermida de San Ramón de Viloalle, no século XVIII

Valorar (14)

XOSÉ ISIDRO FERNÁNDEZ VILALBA



No val de Mondoñedo, rodeando a cidade, podemos atopar máis dunha ducia de pequenas ermidas, a maioría delas fundadas no século XVIII. Hoxe falaremos da de San Ramón, sita na parroquia de Sta. María de Viloalle e da cal Patricio Delgado Luaces, no seu libro “Xan de Masma” lle dedica un capítulo a súa Romaría.      

Fundación              

Dita capela foi fundada, no ano 1725, polo reloxeiro de Mondoñedo, D. Francisco Valoria o cal erixiu no lugar de “Lama das Ras”, a Ermida de Nosa Señora de Pastoriza e no seu altar colocou a imaxe do “Glorioso Cardenal San Ramón Nonato”. O bispo Muñoz e Salcedo deu licenza a todos os presbíteros que queiran, sen prexuízo do dereito parroquial digan misas na dita ermida. O 17 de Xaneiro de 1726 foi bendicida polo Vicecura da parroquia de Santiago de Mondoñedo, D. Luís Díaz Candia.                

Neste mesmo ano Francisco Valoria fai solicitude o Sr. Bispo para fundar en dita ermida unha confraría co mesmo título de Ntra. Señora de Pastoriza, formas constitucións e lle conceden licenza e o mesmo tempo se poida pedir en dita ermida e polas airas nos meses de Agosto e Setembro  de cada ano para aumento de dita fundación. O 23 de Outubro de 1726, foi aprobada dita petición.                  

D. Bartolome Sanjurjo di que a ermida e moi venerada e frecuentada polos fieis non só do distrito de Mondoñedo e o seu contorno  movidos pola fama e experiencia dos seus continuos “milagros”.                

A Confraría ou Irmandade de San Ramón Nonato e Ntra. Sra. de Pastoriza fúndase no altar maior onde estaban colocadas  ditas imaxes. Dela poden ser confrades os que queiran entrar , de todos as clases, así naturais, como forasteiros aínda que sexan “peregrinos”, coa única condición de dar a súa entrada cada un, medía libra de cera e dous reais.                

Esta tiña a obrigación de facer cinco funcións anuais. A primeira o luns de Pascua de Resurrección, a segunda o Luns de Pascua de Spiritú Santo, a terceira  o día do Glorioso San Ramón, a cuarto o día de Nosa Señora, oito de setembro e a quinta o día de Ntra. Sra. do Rosario e San Francisco o catro de Outubro. Da mesma forma hanse de dicir alí tamén  dúas misas rezadas e unha cantada  na honra do Santo e Nosa Sra. e por modo de satisfacción por todos os confrades e irmáns vivos e defuntos de dita confraría. Pola cantada pagaranse ó crego de dita freguesía de Viloalle seis reais de Vellón.                

Para gardar a cera e os caudais faranse unha arca con dúas chaves, unha estará nas mans do cura e a outra do mordomo. A arca gardarase na dita ermida e non estando segura, poñerase na casa do cura da parroquia. Estas constitucións foron aprobadas polo bispo Muñoz e Salcedo, o cal concedeu 40 días de indulxencias a os que cumpran con elas. No ano 1735 levántase novamente o pórtico a costa de D. Agustín Cardigondi. O costo das pedras, revocalas e o cal para revocalas foi de 6,17 reais. Neste mesmo ano faise o retablo de Nosa Señora da Caridade  e San Xoán Bautista, tivo un costo de 400 reais. Seis candeeiros de pau  e dúas cruces e acendedores de ferro para as velas, para adorno dos retablos, 14 reais. Pintar as imaxes de San Xoán e Nosa Señora da Caridade, os candeeiros e cruces  140 reais.                

Don Xoán Moscoso, un mecenas da ermida               

No ano 1735 fixo a súa costa o retablo de San Xosé para colocalo na ermida. En 1739 regala un cáliz de prata dourado coa súa patena e unha imaxe pequena e a súa pintura  de Ntra. Señora da Caridade, que servirá para poñer ós Romeiros o Santo. No mesmo ano regala un ornato enteiro que tivo de costo 269 reais. En 1742 gastasen 100 en facer o Campanario. Domingo do Rego cobrou 22 reais por recubrir a ermida, poñer cal, area e pedra para asegurala. Era mordomo da irmandade en 1750 o Licenciado  Don Caetano Balcarze Ron e Thovar. O día de Nosa Señora o santo recibe de ofrenda un “corderito”.                  

Na visita que xira o bispo no ano 1751 a ermida, encontra indecente a sancristía. D. Brais Joseph Miranda ofrecese a fabricar a sancristía a súa costa. Como en marzo de 1752 non estaba feito, recórdaselle o mandato do bispo “no que se obliga a retejar, limpiar y lastrar a sacristía da ermita”.                  

Na visita que xira o Bispo Riomol y Quiroga, en 1753 dispón acerca da dita ermida: “mediante se halla en sitio despoblado y muy separada de casas por cuyo motivo estar propensa a cualquiera insulto o robo para evitar uno y otro manda S. S. I. que el cura o teniente sin la menor omisión hangan retirar de la citada ermita a la Iglesia Parroquial de esta feligresía, todos los ornatos y más alhajas del Santo excepción de uno con lo correspondiente para celebrar que se deje en la expresada Ermita para las misas que se ofrezcan en ella, poniendolas en toda custodia y con el aseo y limpieza debida de donde no se extraigan a ninguna parte a menos que sea para las funciones del Santo…”.                  

O bispo Riomol visita en 1758 persoalmente a Ermida de San Ramón “y en ella  reconocio sus altares, retablos, imágenes, aras, frontales, ornatos y las más alhajas que al presente tiempo posee…”. Como aínda no se cumprira o mandado no primeira visita, ordena facelo.                  

O nove de Xullo dese ano, o cura de Viloalle, acompañado de Joseph de Cora, Gregorío Pérez, Francisco Losada, veciños da freguesía, pasamos por mandato do bispo, pola ermida de San Ramón co fin de recoller e facer inventariado de Alfaias: “Un cáliz de prata, a copa e patena dourada dentro, coa súa cuchara e o mesmo coa bolsa e taboa de corporais, un misal novo cos seus broches de metal, una bolsa de seda coas súas corporais, unha casulla nova de seda con alba de lenzo y o demais necesario para celebrar, outra alba de seda coa súa alba de lenzo e o demais necesario, outra casulla de dogrete usada coa súa alba e o máis pertenecente. Unha toalla de lenzo usada e bordada de seda”. Estas alfaias gardáronse nunha arca da parroquia de Santa María de Viloalle.
               

A ermida de San Ramón de Viloalle

Arranxo da Capela

En 1760 o estado de ermida debía de ser ruinosa, pois vemos como o mestre de obras Pedro Estebez Ybarra,veciño de Mondoñedo “se obligo y afirmo hacer y hizo dicha obra y reedificación de la misma capilla, incluso materiales por la cantidad de setecientos noventa reales, los mismos que entrego D. Balthasar Sanjurjo”. Jph Carvalleda mestre que recoñeceu e inspeccionou a refendada obra para saber si estaba permanente e segundo arte.                  

En agosto do ano sesenta e oito entregouse o mestre de mamposteria, Pascual Vermúdez, pola composición e reedificación que fixo en dita capela, retello, lousa e mais materiais que foron precisos 120 reais.                

Reconto de bens e alfaias na dita capela en 1778                  

Cera: Atopouse dez libras en cirios e catro libras en nenos, pernas e ollos colgados no altar maior e parede da súa capela.                  

Alfaias: Un cáliz de prata coa súa patena e culler do mesmo, un pano do mesmo cáliz de seda, dous mesas de corporais, dous misais, unha casulla con estola y manipulo de presiana de lana, fondo encarnado y flores brancas, unha alba y amicto de lenzo, seis panos de altar, un deles novo e outro mediano e os restantes vellos, un cornoaltaris. A imaxe maior do santo ten unha diadema de prata, unha capa de seda de bo uso, fondo azul celeste, con flores de varias cores, tamén outra co seu escapulario de damasco branco moi vello, a imaxe pequena ten outra diadema tamén de prata, tres capas unha de elas de griseta de seda encarnada con flores azuis  nova, ten nas xuntas dous lazos de cinta azul e outra cinta no colo para atarse. A imaxe de Ntra. Señora ten una coroa y rostrillo de prata e o neno outra coroa do mesmo. Hai unha “vinajera” de petre vella, una campanilla de metal, seis rexillas para confesar, un banco de respaldo, unhas andas, un caixón en dúas divisas e as súas pechaduras; una arca vella, un pulpito coa súa escaleira de madeira. Estas alfaias que están para uso na dita capela. O reconto levouno a cabo o cura de Viloalle D. Joseph Moscoso Omaña y Lemos.                  

Don Agustin González, que vive xunto a ermida, e por iso ten as chaves dela na súa casa, “Intitulouse patrón” no ano 1783. En abril deste ano, 240 reais se aportaron dos fondos da fábrica e confraría desta ermida para pago do retablo maior da igrexa da parroquia de Viloalle. O provisor no ano 1781 manda que se cubran as aras do lenzo o estopilla e se poñan uns vidros ou reixas de arame nas bufardas para impedir que o vento, o choiva e as aves introduzan broza e porquería na ermida. Retocarase a imaxe de Ntra. Señora do Carme que ai indecente no colateral do evanxeo. No ano 1785 hai existente en figuras e velas pendentes e no altar maior da dita capela catro libras e cinco onzas de cera  nun caixón da sancristía en velas e dúas pastillas que se derreteron de figuras vellas e en mocos dez libras. En 1800 gastáronse 100 reais en dourar o lume o cáliz e patena. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña