11:14 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-01-2013

Encamiñámonos a Sofán das mártires recordando a Castelao: “Un padrenuestro polos mártires de Oseira, Nebra e Sofán”

Fervenzas carballesas

Valorar (11)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ



Neste tempo de invernía, de vento e chuvia abondosa gústame visitar a bergantiñán paisaxe de Carballo, cando os seus ríos e regatos van máis animados ata tributar o pai de todos os ríos da rica comarca pondaliana, transunto de Galicia toda.          

Comezo pola férveda de Ramil na parroquia de Rus, que foi moi ben acondicionada polas autoridades municipais e hoxe pódese visitar xunto coa de Entrecruces nunha rota moi ben sinalizada que parte do barrio carballés de A Brea, camiño de Compostela, e pasa polas parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces nuns 27 km de percorrido. Esta férveda algo menor que a de Entrecruces está nun paraxe singular de carballeiras e soutos onde non faltan os ameneiros e bidueiros.En Santa María de Rus aproveitamos para admirar a chamada catedral de Bergantiños, de estilo barroco e neoclásico moi vencellada a San Martiño Pinario.    

A continuación prosigo camiño de Entrecruces para ver como vai a fervenza ou férveda de Entrecruces, no lugar de Sampaio onde antes visitamos a súa capela que aínda conserva unha magnífica bóveda gótica. Como supoñía a auga do río Outón ou Taboada que tamén se denomina, ferve e brinca entre os penedos facendo variadas e sinuosas formas que lle dan unha imaxe espectacular nos seus case cuarenta metros de abrupta caída.Lembremos que aquí ao carón pasa a depresión meridiana Razo-Tui que nos ten ensinado Isidro Parga Pondal. Ao seu carón aínda podemos observar parte dos restos do que foi a primeira central hidroeléctrica de Carballo, de 1911-1915, obra dun emigrante en Cuba, Enrique Sánchez, que tamén será o promotor posteriormente dos trolebuses A Coruña-Carballo (1950-1971). Aproveitamos para visitar entre enormes malezas o castro de Ouxes así como a fermosa carballeira de Ribeira da Pena.        

Voltamos polas terras altas do concello carballés e imos a Aldemunde, fermoso topónimo, penso que único en Galicia como parroquia, que nos lembra que en Compostela foi impresor moi destacado Antonio de Aldemunde relacionado polo matrimonio da súa filla con outro notable impresor Buenaventura Aguayo no século XVIII. Aquí en Aldemunde contemplamos o dolmen da Pedra Moura nas Brañas do Carregal, con sete lousa verticais e unha cuberta que hoxe só cubre o chan.    

Encamiñámonos a Sofán das mártires recordando a Castelao: “Un padrenuestro polos mártires de Oseira, Nebra e Sofán”.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña