11:43 Domingo, 26 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-01-2013

O afán desfreado de aprender inglés está a tornarse unha pandemia, unha auténtica psicose social, como se se tratase dunha pedra filosofal do suceso

English, English everywhere! O mito do inglés como necesidade vital

Valorar (73)

ROBERT NEAL BAXTER



O afán desfreado de aprender inglés está a tornarse unha pandemia, unha auténtica psicose social, como se se tratase dunha pedra filosofal do suceso. Segundo un estudo da Cambridge University Press, disque un terzo d@s galeg@s estaría disposto a renunciar ao sexo durante un ano para aprender inglés.    

A maré imparábel do inglés pasa como un tsunami polo sistema educativo, asolagando todo ao seu paso, desde o mal chamado e fallado decreto do plurilingüismo na secundaria obrigatoria até a universidade, como demostra unha recente proposta da Universidade de Vigo que avoga por premiar a docencia nesta lingua mediante desgravacións que non se contemplan para o galego.      

Eu téñoo fácil, dirán algunhas persoas: falo inglés e podo moverme polo mundo con el. Até certo punto é verdade, mais non todo o mundo aí fóra fala inglés e cando me toca viaxar esfórzome para aprender uns rudimentos da lingua do pobo que vou visitar, sexa árabe, turco ou grego. Non todo o mundo ten as mesmas aptitudes lingüísticas, mais quen ten cartos para viaxar tamén os ten para comprar unha guía de conversación e facer o esforzo de gozar da diversidade ecolingüística no canto de procurar a comodidade do raso denominador común da lingua do imperio que non fai máis que nos empobrecer.      

Obviamente, non estou en contra da aprendizaxe de linguas estranxeiras (en plural, sempre en plural). Doutro xeito nunca chegaría a falar galego, esta lingua que tanto me devolveu en trocas dos esforzos investidos. Porén, acho tamén que a actual obsesión enfermiza por aprender inglés (sempre o inglés, só o inglés) confunde o cu coas témporas. E, como acontece a miúdo, a confusión non é nin casual, nin inocente.      

Repasemos, pois, algúns dos mitos que serven de sustento para manter o mantra da necesidade imperiosa de saber inglés.      

En primeiro lugar está o mito das linguas útiles, alicerce sobre o que se asenta a maioría dos argumentos. Este razoamento explica como detrás das proclamas grandilocuentes de ‘plurilingüismo’ sempre se esconde o mesmo monstro do imperialismo lingüístico: sempre o inglés e nunca linguas ‘menores’ como o turco, o grego, o polaco, etc. En termos obxectivos de proxección internacional, algunhas linguas son, sen dúbida, máis ‘útiles’ que outras. Este é exactamente o argumento que se utiliza para xustificar o uso do español na Galiza para quen non acredita na unidade do galego-portugués (probabelmente a maioría da poboación nestes momentos…). Non creo que o máis oportuno sexa buscar dar voltas ao mesmo tipo de argumentación (falaz, na miña opinión) aludindo á ‘utilidade’ do galego ao invocar o número de falantes das súas variedades portuguesa e brasileira, senón desbotar o argumento en si. Cómpre relativizar o concepto de ‘utilidade’, rexeitando o utilitarismo como eixo central da asignación de valor.      

Entender e poder comunicarse en inglés pode ser enormemente útil en determinadas circunstancias, como tamén o pode ser dominar outras linguas noutras situacións ou mesmo pode non ser en absoluto útil noutras. No ámbito social de uso lingüístico máis habitual, para me relacionar coa miña veciña e a xente que me rodea, o inglés resulta totalmente superfluo, tan inútil como ter coñecementos avanzados de búlgaro. Mesmo me atrevo a pensar que ten máis utilidade aprender bérber, cantonés ou wolof para achegarse á xente con que nos adoitamos encontrar. Do mesmo xeito, para un/ha enxeñeiro/a galego/a que se ve obrigado a buscar traballo en Alemaña, certamente vai ser máis útil o alemán, como tamén vai resultar máis práctico o francés para quen queira ser cociñeira/o ou o italiano para estudar música, etc.      

Voltando ao ámbito educativo, por un lado deberíase recoñecer que a resolución do problema da adquisición do inglés (e de calquera outra lingua estranxeira) non pasa tanto por colocalo como lingua vehicular doutras materias, senón por mellorar e tornar máis eficaz o sistema de aprendizaxe para evitar que acabemos falando como Franco ou Aznar.      

Cómpre, asemade, interrogarnos sobre a verdadeira función da docencia en xeral. O inglés pode resultar útil en determinados ámbitos, mais isto precisa dunha docencia especializada de linguas para fins específicos. Xuntar allos con bugallos é fariña doutro saco: ben poderíamos dar as clases de historia bailando zapateo ou guisar durante as de matemáticas para que se aprendan estas destrezas tamén a un tempo, mais coido que esta non é (ou non debería ser) a función primordial da docencia nestas materias. E non sei eu até que punto resultaría mesmo minimamente sensato ensinar filoloxía galega ou dereito español en inglés. Tamén non estou moi convencido da repercusión positiva que poderían ter tales espectáculos de malabarismo lingüístico sobre a correcta adquisición e asimilación dos contidos e conceptos obxecto de estudo...      

Hai tamén un outro aspecto que @s nacionalistas deberíamos tomar en consideración. Eu ben podería acollerme á posibilidade de dar as miñas aulas en inglés para aproveitarme dunhas desgravacións que paliarían lixeiramente os efectos lesivos derivados da imposición do novo decretazo, mais isto reduciría aínda máis a xa de por si cativa presenza do galego no sistema universitario galego.      

E aí está tamén o miolo da cuestión, para alén da eficacia ou conveniencia da introdución do inglés como lingua de docencia na Galiza a calquera nivel. Non se trata só dun reclamo publicitario ao que se apuntaron hai xa tempo as escolas e universidades privadas para poderen cobrar aínda máis, nin dunha bobada esnob de cara á galaría (que tamén), senón dunha nova agresión encuberta contra a lingua nacional da Galiza que, pouco a pouco, vai callando na consciencia colectiva. Así, podemos ouvir polas rúas do país nais e pais a chapurrear un inglés dificilmente intelixíbel coas súas crianzas, lembrando tristemente o que se facía e se fai co español para evitar a tara que supón crecer cunha lingua de segunda categoría que non ‘serve’ para nada como é o galego.      

O inglés é a miña lingua materna e non penso renunciar a transmitila á miña filla. Faltaría máis. Porén, vivo na Galiza, con lingua de seu, e, como galega que é esta a que ten que facer súa, xa non en aras a unha ‘utilidade’ artificial, senón porque forma parte integral da cultura na que está inserida e na que ten que desenvolverse ao comunicar e relacionarse coas outras galegas e os outros galegos.


1 2 seguinte

[03-02-2013 11:21] Anton comentou:

Gustoume o artigo pola esperanza que abrolla nil, mais tamén polo distimto ponto de vista que aporta. tes razón e é bo que alguén con outra perspectiva nolo lembre.
Gostei tamén dos comentarios feitos, porque, como dí algún, fainos ver que non estamos sós.
Gracias a todos

[30-01-2013 17:45] ffwinter comentou:

O teu artigo é moi clarificador, Neal, e ten por riba o valor de estar escrito por unha persoa de lingua inglesa. É certo sobretodo que a utilidade das linguas non é un valor abstracto, senón concreto, de modo que segundo as necesidades das persoas as linguas úteis seran unhas ou outras.
Por outro lado existe un marcado esnobismo en todo isto: pásase de ignorar completamente o inglés (cantas persoas ven habitualmente filmes en VOS?) a divinizalo pretendendo nada menos que impartir docencia nel... Un absurdo.
E por último, unha das poucas cousas boas, ou "paradóxicas" do imperialismo anglófono: os argumentos para defender o inglés como lingua de utilidade universal van en contra doutras linguas que pretendan obter o mesmo estatus: efectivamente, se canto menos linguas mellor e o melloriño de todo unha soa, nese caso gardemos o inglés como último argumento noso para un día poder ter todo o dereito do mundo a ignorar... o español.

[30-01-2013 00:01] Perez comentou:

Moi ben. Sinto que moitas das miñas compañeiras e compañeiras toleen para dar as aulas nun malísimo inglés, que ocupa o espazo de galego e reduce á mínima expresión a calidade dos contidos que noutrora eran aprendidos polo alumnado

[29-01-2013 10:57] Elisabete Ares Licer comentou:

Sorpréndeme comprobar que outras persoas comparten reflexións comigo. Estou de acordo con todo o que se expón aquí, pero a realidade sempre se sobrepón ás ideas e reflexións: eu non podo acceder a uns estudos de tradución e interpretación porque non teño inglés.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña