04:46 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2010

Rubalcaba ameaza a todo o que ouse discrepar da versión oficial do sucedido en Francia

Esvaran polo pau da cucaña

Valorar (13)

RAÚL RÍO DÍAZ



A raíz do tiroteo de Dammery-les-Lys no que morreu o policía francés Jan-Serge Nerin e a aparición do corpo sen vida do membro de ETA, Jon Anza, nótase nos ministerios de interior de entrambos países un nerviosismo pouca veces visto, pero aquí xa estamos curados de espanto despois de que tantas e tantas veces negaran as evidencias e o tempo, por desgraza, sempre dera a razón aos mais mal pensados. Non hai mellor defensa que un bo ataque pensa o Ministro do Interior e compañía, por elo empezan ameazando a todo o que ouse discrepar da versión oficial a pesar dos moitos puntos escuros e contraditorios que inducen a pensar o contrario da súa versión, pero como se di por estes lares: "Aquí non se encadea a ninguén polas súas ideas, senón polas de Rubalcaba", así que é moito mellor non dicir o que pensamos. Pasa o mesmo que coas denuncias de tortura, que en vez de investigar a certeza de tales denuncias o que se fai é denunciar ao denunciante amparando, así, ao presunto torturador. Por outra banda dan a entender, a todo aquel que teña o bo costume de pensar, que algo teñen que ocultar cando tantas trabas poñen para que se investigue e saia a luz o que verdadeiramente ocorreu.

Non se entende, salvo que teñan algo que acochar, porque non deixaron que un forense de confianza da familia examinara o cadáver, nin como "Interviú", citando fontes policiais, publicou en xuño que levaba 300.000 euros. Si a Policía española non tivo nada que ver, como ofreceu esa cifra concreta?, Onde están eses cartos? Onde estivo desde o día 18 ao 29 de abril de 2009 en que apareceu inconsciente nun parque de Toulouse? Hai moitas preguntas e as respostas que dan non son convincentes. Despois, coma si dunha novela por entregas se tratara, aparece o seu pasaporte nunha oficina de obxectos perdidos e máis tarde un parte policial no que se afirma que sangraba pola boca cando o atoparon. Tamén se sabe que neses días catro gardas civís abandonaron Toulouse apresuradamente, deixando incluso as súas armas regulamentarias. Din que se lles esqueceron.

Agora, aínda que o sumario é segredo, filtran aos seus medios máis próximos, que estiveron calados durante a desaparición, incribles explicacións para intentar vender a súa versión, como que se aloxou no hotel Le Clocher de Rodez, e que foi negado rotundamente o día 8 polo matrimonio Pollet, xerentes do hotel. Aínda así, catro días despois do desmentido aparecía a mesma noticia na primeira plana dun diario do Grupo Vocento. Este xeito tan absurdo de tentar xustificar a desaparición do militante de ETA durante os dez días crea un clima de desconfianza, facendo mais críbel a outra versión mais verosímil que está na mente de todos nós.

Volvendo ao tiroteo de Dammery-les-Lys, a policía española e francesa, co fin de dar unha resposta rápida para demostrar a súa eficiencia diante da opinión pública confunden churras con merinas e, facendo o ridículo máis espantoso, non teñen reparos en difundir aos catro ventos un vídeo de cinco bombeiros de Barcelona entrando nun supermercado, afirmado sen rubor que se trataba dos membros de ETA que participaran no tiroteo que custou a vida ao devandito policía. Incluso afirmaban sen reparo que o máis alto e calvo era o xefe do comando. Menos mal que, por esta vez, nos puidemos decatar da verdade debido a que tiveron que rectificar ante as protestas dos bombeiros cataláns acusados inxustamente e sen aplicarlles sequera a presunción de inocencia. O mais grave de todo é o que afirmaron eles: que de non ser pola Generalitat de Cataluña aínda estarían alí. Non quero nin pensar o que pasaría se fosen bombeiros de Donostia ou de Bilbao.

Parece ser que entre vídeos, fotos e outras cousas insubstanciais é onde se desenvolve todo o traballo do Goberno de Patxi López e Rodolfo Ares que, por unha banda persegue as fotos dos presos e vítimas da guerra sucia e por outro pon todo o celo para que en cada comisaria da Ertzaintza haxa unha foto do lehendakari colgada na parede e unha bandeira do imperio. Para levar a cabo tan imprescindible tarefa dotouse a Consellería de Interior dun presuposto especial de 60.000 euros. Polo menos, aos fabricantes dos símbolos patrios e a algún fotógrafo amigo non lles afectará tanto a crises.

Así as cousas, a esquerda abertzale pediulle a ETA que se ratifique na súa posición favorable ao desenrolo dun proceso democrático en base ao documento "Zutik Euskal Herria", que resposta o día 10 de marzo nun comunicado dicindo que "ETA, pola súa banda, está disposta a dar os pasos necesarios no camiño do cambio político no espazo que lle corresponde". Di que é necesario dar "pasos seguros" e adquirir "compromisos firmes". Ante a pregunta de Rubalcaba de si "votos" ou "bombas", a organización armada contéstalle claramente que opta polos "votos".

Despois deste comunicado, e para enredar máis as cousas, os medios de comunicación afíns ao Goberno din que é máis do mesmo, que ETA desde o chamamento da esquerda abertzale. Calquera os entende! Encadean aos seus líderes acusados de ser membros e dirixentes de ETA, din que todo está ideado e controlado pola organización armada e esta non lles fai nin caso. Como se pode explicar iso? Quen está entón a favor ou contra da violencia? Por que están entón na cadea os dirixentes da esquerda abertzale e piden para eles 372 anos de cadea si ETA non lles fai caso a súa petición de deixar a violencia? Como é que ETA non lle fai caso aos seus dirixentes? Ten moito sebo o pau polo que esvaran.

Escribe, sen rubor, Hermann Tertstch, comparando o GAL dos tempos de Felipe González con Zapatero, que "matar é case menos malo ao final que enganar sempre", que ao parecer non é apoloxía do terrorismo. Se a isto engadimos as últimas ocorrencias do goberno de Paco e Ares (como se lle chama por aquí) da obrigación dos nenos de asistir aos actos organizados nas escolas polas asociacións de vítimas do terrorismo, alimentadas ideoloxicamente polo PP, considerar que o saber éuscaro é un mérito pero non obrigación para acceder a unha praza pública, temos o cóctel perfecto para tentar crispar a sociedade. Medo me dá pensar que estigmaticen para toda a vida ao fillo dun abertzale que ese día se atope indisposto e non poida ir ao acto. Como lle sigan facendo caso aos herdeiros do franquismo, dentro de pouco van volver pedir aos pais o certificado de boa conducta, que reneguen do éuscaro como fai Feixóo co galego e xuren os Principios Fundamentales del Movimiento para admitir aos fillos na escola.

Mentres tanto, sen caer en provocacións, a actividade política dos abertzales segue e, o pasado día 4, a esquerda abertzale, EA, algúns dirixentes e moitos militantes de Aralar a nivel persoal xunto a outros colectivos, acudiron ao chamamento do movemento social Independentistak para celebrar conxuntamente o Aberri Eguna mais masivo da última década, que saíndo de Hendaia e Irún confluíron na vella ponte de Santiago que servía de fronteira entre os dous estados opresores e une o norte co sur de Euskal Herria que, mal que lles pese, é un pobo que canta nun idioma raro e baila a ambos lados dos Pirineos como ben dicía Víctor Hugo.

Cando nos estabamos felicitando polos razoamentos da sentencia de Egunkaria, que lle tira das orellas aos instrutores por crer as arbitrariedades dos peritos da Garda Civil que inverteron o proceso inductivo decidindo primeiro cal é a conclusión e buscando logo sinais, vestixios e indicios, chéganos a noticia da detención de seis persoas e catro avogados dos presos vascos, incluído Jon Emparantza, avogado de Jon Anza, utilizando o mesmo motivo rexeitado en dita sentencia de que todo é ETA para deixarnos claro que seguen apostando descaradamente e sen complexos pola represión pura e dura. Horas antes os dous avogados Jon Emparantza e IKer Sarriegi, tamén detido, emprazaron aos gobernos do PSOE e UMP nunha rolda de prensa a que opten pola confrontación política e democrática e non pola vía represiva. Esta debeu ser a súa contestación.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña