22:32 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-01-2013

Se algo xerou desconfianza, arrepío máis ben, na esquerda europea principalmente, foi a orixe militar de Chávez

Chávez: o ex militar

Valorar (23)

XURXO MARTIZ CRESPO


Chávez


Se algo xerou desconfianza, arrepío máis ben, na esquerda europea principalmente, foi a orixe militar de Chávez e os seus intentos de toma do poder polas armas durante o goberno do socialdemócrata Carlos Andrés Pérez. A imaxe de militar foi explotada da saciedade á sucidade pola prensa venezolana, galega, española e internacional coa idea de relacionalo co máis reaccionario da historia do militarismo latinoamericano e as súas ditaduras. Malia ser un goberno de esquerda e sen participación de militares en activo, o máis cómodo foi cualificalo como «autoritario» en contraposición a «dialogante», cualificación aberrante tendo en conta todas as agresións que sufriu o goberno venezolano revolucionario, polas que ninguén cumpre condena; aberrante tamén polos «dialogantes» gobernos da IV República (1958-1998) que practicaron a «dialogante» falsificación do voto, a desaparición, o terrorismo e o asasinato de Estado e defenderon a impunidade cos crimes do Exército e a Policía que o poder, esta vez civil, ordenaba executar.        

Pero, se cadra, a imaxe máis aberrante desa civilidade «civilizada» enfrontada contra un mundo militar bárbaro e caótico, o de Chávez, témolo nos herdeiros dos gobernos anteriores, hoxe disfrazados de mil siglas sen nengún contido, que en masa «cívica», desde a alta xerarquía da Igrexa católica pasando  polo sindicalismo corrupto, os dirixentes das finanzas e da economía até chegar aos empresarios e políticos opositores actuais, foi a sinatura corífea do decreto de golpe de Estado que abolía todas as liberdades en Venezuela, a súa Constitución e todos os cargos públicos democrática e libremente elixidos.        

Chávez foi fundador, con outros militares patriotas, do Movimiento Bolivariano Revolucionario MBR-200, xerme do Movimiento V República co que gañaría as súas primeiras eleccións e alicerce do que sería posteriormente o PSUV.  

Unha oficialidade nova comprometida co seu pobo  

O MBR-200, siglas que enarbora Chávez unha vez liberado da cadea, naceu do xerme de militares e civís venezolanos comprometidos co pobo que o 24 de xullo de 1983 xuraron, ante o simbólico Samán de Güere: «No dar descanso a su brazo ni reposo a su alma hasta no quebrantar las cadenas que oprimen a su pueblo».        

As orixes do MBR-200 están no ámbito militar, nunha organización revolucionaria formada por militares chamada Exercito Bolivariano Revolucionario 200, EBR-200. O chimpo do EBR-200 ao MBR-200 significa a unión dos militares cos civís para rematar co réxime pseudodemocrático da IV República.        

O protagonismo exercido polos militares nun principio foi esvaecendo coa entrada de moitos civís (incluso nos dous intentos de golpe de Estado contra Carlos Andrés Pérez) e co pase á vida civil de todos os cadros que exerceron cargos públicos ou participaban no Goberno.      

Vista a realidade desde a esquerda europea, as orixes e a composición militar do movemento revolucionario venezolano é chocante, non pola realidade venezolana ou latinoamericana, senón polo prisma distorsionado polo que se ven as cousas en Europa, sobre todo aquelas das que eles non teñen coñecemento.

As orixes sociais dos militares venezolanos están moi afastadas das orixes sociais dos militares peruanos ([1]), chilenos ([2]) ou arxentinos. O exército venezolano fornécese de soldados e oficiais do pobo, das clases populares, por iso non é estraña esa comuñón de Chávez co pobo venezolano, esa «querencia» recíproca que se retroalimenta ano tras ano.      

Por iso tampouco é estraño que das 20 gobernacións[i] gañadas polo PSUV, once estiveran encabezadas por candidaturas de ex militares. Ningún venezolano utilizaría o termo «milico», despectivo e moi común en Latinoamérica, para referirse a un militar, pois a idiosincrasia do exército venezolano, desde o seu nacemento, liberando toda América, é a da total identidade co pobo que representa.      

A elección de Maduro (membro tamén do MBR-200) como substituto de Chávez, un civil, ex condutor de bus, non deixa de ser un exemplo máis que nos deixa claro que Chávez é moito máis ca un ex militar. A súa preocupación de dotar a revolución dun partido, dunha praxe, dunha ideoloxía e duns resultados en que militares e civís pasan a ser simplemente revolucionarios, non deixa de ser un bo exemplo do distante que nos pode parecer, visto desde Europa, que oficiais dun exército, con privilexios e estatus na sociedade venezolana, decidisen un día deixalo todo, esta vez si, polos seus compatriotas.    

Desde Jacobo Arbenz até Velasco Alvarado, os soldados de Latinoamérica souberon pasar á historia, non so como milicos ás ordes de Estados Unidos, senón tamén como auténticos revolucionarios.



[1]
Coa excepción do Exército de Terra en Perú, non se permite a entrada de cholos (indíxenas) ás armas da Mariña ou aviación. Unha das peregrinas razóns desta proibición, ademáis do racismo, era que os indíxenas, ao seren levados desde nenos nas costas das súas nais, nunha especie de manta, lliclla en quéchua, sufrían de vertixe e falla de estabilidade polo que estaban imposibilitados para pilotar avións.

[2] [2] Un repaso os apelidos dos militares e soldados chilenos recentemente solicitados pola xustiza para ser axuizados polo asasinato de Víctor Jara son proba da pretenza social dos militares chilenos.  




[19-01-2013 04:56] oleiros70 comentou:

PS. Mais recente e extenso: http://www.pragmatismopolitico.com.br/2013/01/o-que-hugo-chavez-ensinou-ao-mundo-e-ao-brasil.html
Saúde

[19-01-2013 04:07] oleiros70 comentou:

Parabéns polo artigo.
Tenho de confessar a minha desconfiança inicial de que você fala, mais tamém, a simpatia que foi medrando gradualmente nestes... bufs!.. como passam os anos... Foi durante a minha viage à República de Cuba, ao comprovar a solidariedade do Governo Bolivariano coa sua Revoluçom, quando a minha simpatia polo projecto chavista e do PSUV se consolidou, o magnífico trabalho de Oliver Stone ajudou a manter viva e mesmo avançar nessa simpatia, ademais de aquelas images de Chávez na rua, apontando co dedo a um edifício; coa voz firme, a marcial, a implacável, a do militar profissional mais tamém a do Povo a quem defende: "nacionalice-se!" (Quase nem acredito que eu poda escrever isso, co antimilitarista que eu fum sempre! Coa excepçom dos militares do 25 de Abril português, claro) e foi, como sempre tarde, quiçá demasiado, quando o Comandante Bolivariano talvez se enfronte já à "Procuradoria da História" que a minha simpatia se transformou em admiraçom ao ler umhas breves mais reveladoras palavras de alguém co tamanho moral de Eduardo Galeano, quem aliás, morou na Venezuela, e cujo contido quero compartilhar aqui:
http://www.pragmatismopolitico.com.br/2013/01/eduardo-galeano-demonizacao-de-chavez.html
Quero, tamém, para nom perder a tradiçom ;) de partilhar algo da colheita de lembranças e reflexons que é o meu canal de youtube, o meu voceiro, onde expresso e comparto o que sou, o que sei, o que sinto e o que penso (ou quiçá só a parte de que mais gosto de mim próprio)... porque nunca sabemos quando nos temos de enfrontar a umha despedida definitiva, como agora é mais que consciente Hugo Chávez, a quem estou certo de que "a História absolverá".
http://www.youtube.com/watch?v=qZ2e1YOljpU
(As fotos de Cuba som "escaneios" das analógicas; daquela nom tínhamos a camara digital que lhe oferecim como presente à minha companheira e que uso eu mais qua ela ;)
Fico mui agradecido a Terra e Tempo por continuar oferendo-me a possibilidade de expressar livremente, tamém aqui, o que sei, o que sinto e o que penso. Muitas Graças (avondando na ideia de que nunca sabemos quando passaremos a ser ánimas a vagar polas corredoiras, ou Nada... cumpre deixar sempre as contas saldadas e desfrutar do que se tem no momento, no meu caso um teito que me protege e umha conexom à Rede Global que me permite dizer o que tivem que calar durante demasiado tempo para conservar algo que a agora já nom tenho, o Direito Humano ao Trabalho remunerado). CARPE DIEM e
Saúde

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña