20:07 Venres, 15 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-04-2010

Galiza e Cuba: moitas loitas por rematar e outras tantas por comezar

Cuba si

Valorar (123)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Os amigos e as amigas vense nas ocasións, cando os precisas, isto é, aparecen se che veñen mal dadas, chegan sen chamar cando che dá de popa, lánzanche un risón se o necesitas, por iso eu hoxe quero testemuñar a miña amizade con Cuba. A amizade non sabe de frechazos, non ten doses de paixón, é racional porque se constrúe no día a día e tarda en chegar ao porto, hai que coidala, agarimala, e preservala. A amizade é cousa de tempo, forxase na lealdade, moldease nos momentos maos, blindase nas duras, e non xestual senón real porque nace, medra e vive dos feitos.

E a miña amizade con Cuba fíxose no mundo real, e non nese imaxinario construído neste paraíso da liberdade de expresión tutelado polos grupos de comunicación, que constrúen novas e practican se cadra ou pagan o golpismo mediático ao ditado das corporacións. Claro que son amigo de Cuba porque son amigo da vida, dos pobos que non dos individuos, das persoas que non dos intereses, dos dereitos que se exercen e non dos que se recoñecen, da cultura como ben a socializar e non como pedantería erudita, da igualdade adversaria do igualitarismo, da liberdade que non do liberalismo.

A miña é unha amizade que nace dun pobo que afirma a súa soberanía, soberanista eu na procura de patria onde exercela; amizade que se inicia , mentres resiste, mar por medio, por ser ela mesma contra quen nega/mata a diferenza; amizade que medra, de compartir loitas, eu na retagarda ela na fronte, Angola/Apharheid, Sandino/Marti; amizade que segue, porque dá calor, calor de leña, hai lume na cociña de ferro, lume que mantén e encarna valores fronte a unha vaga de frío do leste de rendidos ou derrotados; amizade que continúa con bata branca na negra Haití, xiz e papel na nova Venezuela, xenéricos e medicamentos na Sudáfrica de Mandela; amizade, en fin que non remata, porque fican moitas loitas por rematar e outras tantas por comezar.

Os meus amigos e as miñas amigas, son humanos, teñen defectos, obxectibábeis, que se poden pesar, de feito eu pésoos antes de certificar a amizade. E aquí a báscula non deixa lugar a dúbidas, por moito que na romana faga contrapeso a situación de excepcionalidade na que vive a miña amiga do Caribe.

A miña amiga do Caribe sábese empobrecida por cincuenta anos de bloqueo, pero xamais lle bloqueou as condicións de vida aos seus; a miña amiga do Caribe recoñécese na patria grande da que falou Martí, e foi casa da nosa América para as toneladas de exiliados que as ditaduras xeraron no cono sur; a miña amiga do Caribe, non é continente xa non agarrotado, é illa pequena en tamaño pero grande en dignidade porque segue a morrer de dor en calquera selva do mundo; a miña amiga do Caribe, ten as veas abertas, porque é lugar de análise, encontro e creación, non caimanera, si caimán de luces de songo cosongo; a miña do Caribe non está soa porque non é Fidel, nin Raul, nin o Che, nin Camilo nin quince dos seus, senón que é todo o pobo, Fidel.

E eu hoxe escribo a miña amiga do Caribe, e dime que está ben, que non é nada novo, que é outra máis, que disto xa saben algo, que quizais nesta ocasión é máis chocante, que non levou ningunha decepción, que xa sabe como é a xente, que hai xente que lle sobra destreza pero lle falta forza para nadar contracorrente, que coidado cos remuíños e as fervenzas, que tranquilidade, que ela non se apea. E a miña amiga do Caribe acábame por dar ánimos a min, pregúntame pola situación do idioma, recórdame que só aqueles que dan as batallas poden vencer e quedamos en vernos o Domingo en Compostela.


1 2 3 4 seguinte

[04-07-2010 15:36] Larry_Berza comentou:

que che de o vento de popa é bon...vaia pra os de Foz, menudo pobo mariñeiro.

[08-05-2010 10:24] celeiro comentou:

Parabens Moncho, o ler este artigo púxome a pel de galiña.

[28-04-2010 ] chema comentou:

Parabens camarada Moncho. Todos con Cuba cos Castro e coa Revolucion saude e patria

[26-04-2010 ] afrocubano comentou:

Eu estou contra o bloqueo pero deberían abrir o réxime e permitir, por exemplo, o acceso a internet da povoacion.

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña