13:40 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-01-2013

Non deixa de chamar a atención a persistencia no tempo destes preconceptos

Nada galega

Valorar (44)

MARICA CAMPO



Non é preciso ir á Grecia clásica –Hipatia é un dos exemplos e a ela me referín neste mesmo lugar- para comprobar como a historia de moitas  mulleres chegou a nós por seren un capítulo nas vidas de homes eminentes. Aquí non somos alleos a ese fenómeno. É o caso, por exemplo, de Fanny Garrido, unha escritora coruñesa que estivo casada en primeiras nupcias con Marcial del Adalid e despois co químico lugués José Rodríguez Mourelo, por certo primo de  meu pai. Non importa que traducira do alemán a Heine e Goethe, que colaborase en xornais galegos e da capital do reino, que publicase  novelas ou que moitas das letras das cancións do home músico estivesen asinadas por Eulalia de Liáns, que viña sendo un seu pseudónimo: Fanny era “a muller de”.

Por iso, e deixando á marxe que o interese por Elvira Fernández se deba a  estar casada con Mariano Rajoy, non é estraño que o retrato que fan dela na revista Yo Dona sexa, á fin, referido a el mesmo, malia que solapado nun  antirretrato. Como queira que o presidente do goberno xa está definido como “demasiado gallego”, Elvira é “nada gallega”. Fronte ao “puede que si, puede que no o todo lo contrario”, a muller é directa. Á impasibilidade de don Mariano oponse o carácter pasional de dona Viri.

Non é o meu propósito queixarme polo continuo recurso aos tópicos que nos cualifican de renartes, indecisos, indirectos e unha morea de cousas máis. Só quero deixar claro que Mariano Rajoy é moi pouco galego porque, alén das súas mariscadas e paseos por Sanxenxo e Pontevedra, non hai outras amosas da súa pertenza ao noso país. Para empezar, nin a nosa lingua fala e, desde logo, nada ten a ver co espírito de loita e a imaxinación con que as nosas xentes se enfrontaron coas adversidades da fortuna. O que pasa é que case sempre o tiveron que facer fóra, porque aquí persoeiros como o que nos ocupa  estiveron dispostos de cote a recordarlles que tiñan que ser boíños e aceptar o que había ou emigrar. E tamén a esboroar calquera proxecto dirixido a pór en valor o noso (eólicos, banco de terras, por exemplo).

Non deixa de chamar a atención a persistencia no tempo destes preconceptos. Suponse que é unha cuestión xenética, que non cambiamos os galegos ao longo dos anos, cando  son máis ben os prexuizosos unha especie perenne, sempre disposta a ver marcas de orixe nos pobos que non sexan o propio, considerándose a medida de todas as cousas.

Por aquilo de que non hai maior desprezo que non dar aprecio,  paréceme que o mellor que podemos facer diante destas cousas é facer ouvidos xordos. Xa saben, non fere quen quere, senón quen pode. Que nos importa a nós o que opinen nunha revista do diario El Mundo? Acaso non sabemos a que e a quen serve ese medio?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña