01:06 Venres, 02 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-01-2013

Aumentarán as relacións laborais clandestinas, que padecerán nomeadamente as mulleres porque elas son quen, na inmensa maioría dos casos, traballan como empregadas de fogar

Consello de ministros, economía clandestina e discriminación da muller

Valorar (13)

EDUARDO ÁLVAREZ



O pasado día 31 de decembro, publicouse no BOE o vixésimo noveno real decreto-lei do ano 2012. Quere isto dicir que en vinte e nove ocasións, durante este período de tempo, o Goberno actuou, en substitución do poder lexislativo, aprobando e modificando leis que deberían seren sometidas a debate parlamentario. Nas vinte e nove normas legais realizadas baixo a forma de decreto-lei, que constitucionalmente só se contempla para casos de “extraordinaria e urxente necesidade”, o Goberno impuxo graves medidas restritivas dos dereitos das clases máis desfavorecidas.

Como broche de ouro do ano 2012, o Real Decreto-lei 29/2012 introduce modificacións na Lei 27/2011 e mais no Real Decreto 84/1996 que afectarán gravemente as traballadoras encadradas no Sistema Especial para Empregados de Fogar desde o día 1 de abril do 2013, en que entrarán en vigor.

Estas modificacións veñen rematar con medidas introducidas no ano 2011 antes de que chegase ao poder o Partido Popular, entre elas as que impuñan a obriga aos empregadores de cotizar polas empregadas de fogar contratadas desde a primeira hora de traballo independentemente do tipo de xornada laboral que realizasen. Pois ben, o novo Real Decreto-lei permite que as empregadas de fogar que presten os seus servizos durante menos de 60 horas mensuais, isto é, que non superen as tres horas diarias de traballo con cada un dos empregadores, sexan elas mesmas as encargadas de formularen perante o INSS a súa afiliación, alta, baixa e variación de datos cando así o acorden cos empregadores. As empregadas deberán tamén, neste caso, formalizar a cobertura de enfermidades e accidentes profesionais coa Seguridade Social ou coa Mutua da súa elección.

Desde o día 1 de abril deste ano 2013, teoricamente continuará sendo obrigatoria a cotización á Seguridade Social desde a primeira hora que sexa contratada unha empregada de fogar, mais, se cada contrato non supera as sesenta mensuais, será a traballadora a encargada de realizar as correspondentes cotizacións na Tesourería da Seguridade Social eximindo de toda responsabilidade ao empregador se este acredita terlle entregado á empregada as cantidades correspondentes á cotización a través de “calquera medio admitido en dereito”. Será suficiente con que a empregada asine que percibiu o montante correspondente á cotización para que o empregador cumpra co seu deber de contribuír cos gastos sociais. Se a traballadora non ingresa esa cantidade na Tesourería do INSS, será ela a única responsábel desa omisión. Con esta medida, o Goberno reinstaura unha grave excepción das normas reguladoras dos Réximes do sistema da Seguridade Social ao considerar como suxeito da obriga de cotizar, e mais de realizar as xestións relacionadas coa cotización, a traballadora por conta allea, pois serán as empregadas de fogar as encargadas de realizaren a inscrición  das  empresas, da  afiliación,  das altas, baixas e variacións de datos na Seguridade Social. Mesmo, contravindo sarcasticamente a carga do deber administrativo propio de cada suxeito interesado, poderá ser a propia traballadora quen se responsabilice de dar de alta como empresario o seu empregador nas oficinas do INSS. Ah! O Decreto-lei reserva, sen embargo, unha facultade aos empregadores cando, referíndose a eles, afirma literalmente que “tamén poderán presentar a solicitude de baixa [da empregada] en caso de extinción da relación laboral”. Claro está, non podía ser doutra maneira: para o despedimento, a decisión unilateral do contratante é a que prevalece.

Outra novidade tamén regresiva que introduce este Real Decreto-lei consiste en que se reducen xustamente á metade os treitos das bases de cotización, que pasan, para o ano 2013, dos dezaseis contemplados na anterior regulamentación a oito. Na Exposición de motivos xustifícase esta redución dos treitos “a fin de simplificar e equilibrar as bases de cotización no sistema Espacial para Empregados de Fogar”. Mais, unha vez analizado o contido do artigo primeiro do Decreto-lei e contrastado co sistema anterior, enténdese perfectamente o sentido eufemístico das palabras simplificar e equilibrar: realizar de forma encuberta un elevado incremento das cotizacións. A unha empregada de fogar que cobrase mensualmente 600 euros, incluídas as pagas extras rateadas, correspondíalle no sistema anterior unha base de cotización de 579,76 euros; coa nova normativa, a base de cotización ascende a 631,73 euros. Isto é, polo mesmo salario percibido, agora a Seguridade Social incrementa a base de cotización exactamente en 51,97 euros mensualmente. Se na situación anterior as cargas sociais por continxencias comúns e profesionais mensualmente supuñan 139,14 euros, agora, coa nova base de cotización, aumentan a 151,62 euros, isto é, 12,48 euros máis cada mes. Neste caso, o incremento supón exactamente un 8,97 por cento, mentres que, para contraste, no mesmo BOE do día 31 de decembro se publica o Real Decreto que estabelece o salario mínimo interprofesional para o 2013 nunha nova contía, que representa un incremento do 0,6 por cento verbo do vixente no ano 2012. Como ben sabemos, o salario mínimo interprofesional é o utilizado para fixar as retribucións das empregadas de fogar. Isto é, no ano 2013, as bases de cotización á Seguridade Social increméntanse quince veces máis que as retribucións que percibirá a traballadora.

Consecuentemente, que efectos producirá esta modificación lexislativa? Pois, en moitos casos, como o xa minguado salario que percibe a empregada de fogar será insuficiente para satisfacer os gastos mínimos da súa unidade familiar, cando perciba do empregador o diñeiro correspondente á cotización da Seguridade Social, non o ingresará na Tesourería do INSS e dedicarao a remediar outras necesidades a curto prazo máis perentorias que as futuras prestacións que se derivan da cotización.

Coa entrada en vigor no seu momento da Lei 27/2011, conseguírase no Estado que máis de 114.000 empregadas de fogar se desen de alta como cotizantes, o que supón neste réxime especial un incremento do 38,9 por cento, sendConsello de ministros, economía clandestina e discriminación da mullero este sector de actividade o único en medrar en afiliación no conxunto da Seguridade Social, que perdeu máis de 700.000 traballadores nese mesmo período de tempo.

Con estas medidas introducidas polo Real Decreto-Lei 29/2012, reducirase aínda máis o número de cotizantes e aumentarán as relacións laborais clandestinas, que padecerán nomeadamente as mulleres porque elas son quen, na inmensa maioría dos casos, traballan como empregadas de fogar.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña