05:12 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-04-2010

Este tipo de actuacións son as que pouco a pouco contribúen a construír de novo as súas redes caciquís

A austeridade de Feixóo e os xerentes comarcais

Valorar (14)

ANABEL GULÍAS TORREIRO



Dándolle voltas a este goberno e sobre todo á Consellaría de Medio Rural entendín que hai dous xeitos de facer política, implícita ou explicitamente.

A política explícita vén sendo, aquela que aparece todos os días nos medios. Os "grandes" cambios que introducen para arranxar a situación do agro no país ou na súa propia linguaxe: "imos desmontar os chiringuitos intervencionistas dos nacionalistas para crear un novo sistema moito mellor, iso si, mantendo a "liña austera" marcada por Feixóo". Estas ideas chegan á xente directamente pero o bo, é que tamén podemos discutilas, podemos argumentar e dar a nosa visión introducindo novas alternativas doadas de comprender.

Porén, o máis perigoso non é o que din senón o que fan sen anunciar, e sendo francos todos nós entendemos que este tipo de actuacións son as que pouco a pouco contribúen a construír de novo as súas redes caciquís.

O PP é un especialista en manexar estes dous xeitos de actuar, exemplo claro é a acción de goberno do señor Juárez no que chama a atención o xeito tan sibilino que ten de actuar.

E todo isto veume á cabeza dende que o conselleiro en aras da "axilidade administrativa e a austeridade" decidiu integrar aos xerentes dos centros comarcais en AGADER e anunciou a disolución de SODECO (explicitamente).

O que non explicou é o que vai a pasar na praxe con todo isto ou o que vai supor esta integración (iso xa o fará implicitamente) por suposto tampouco mencionou que o anterior goberno xa tiña lista esta reforma, iso si con diferenzas en relación á súa proposta.

Durante a era Fraga, Andrés Precedo creou o macro sistema institucional chamado a ser a solución do problema do rural galego: a comarcalización (omitiremos facer valoracións sobre o mapa comarcal e os criterios para delimitación do territorio).

Vencellado a este proceso deseñáronse os centros comarcais, uns edificios de arquitectura espectacular chamados a ser un punto de referencia turística nas comarcas, tendo como función principal a recepción dos visitantes ao territorio (de todos é sabido que o volume de visitantes, poñamos por caso, da comarca de Tabeirós -Terra de Montes así o esixía). Tamén se pensaba que estes centros podían servir como espazo expositivo. Para ver a funcionalidade disto só é preciso recoller as cifras de visitantes das exposicións dos centros, francamente reveladoras.

Cando o BNG chegou ao goberno unha das primeiras decisións que tomou foi darlle funcionalidade a estes centros para poder, cando menos, aproveitalos. De xeito que se empezaron a organizar actividades e incluso a aproveitar o espazo que quedaba sen empregar nalgúns casos oficinas baleiras, adegas e cafetarías sen estrear... De feito, asináronse convenios para que alí se instalasen algúns grupos de desenvolvemento rural. Pero despois da toma de posesión do conselleiro Juárez voltaron os vellos costumes coa escusa de " despolitizar" os centros, e misteriosamente empezaron a denegar solicitudes para reunións, algúns cursos de asociacións,... Mesmo impedían que os GDR que alí traballaban se reunisen fóra do horario laboral sen presenza dos traballadores dos centros. Estas cuestións poden semellar asuntos menores mais para asociacións pequenas organizar actos, cursos, conferencias... sen poder contar coas infraestruturas e os recursos que ofrecen os centros limita a súa actividade dun xeito considerábel, polo que, eles conseguen controlar a actividade asociativa e impedir todo o que non lles guste.

Por non falar do que supón impedir que os GDR se instalen nas oficinas, insisto baleiras, dos centros. Anuncian recorte de gastos pero obrigan á propia administración a pagar gastos de aluguer que podería aforrar... canta austeridade!

Pero sen dubida o peor de todo ven co anuncio explícito da recolocación dos xerentes na administración. Segundo palabras do propio conselleiro, recollidas no Faro de Vigo o día 22 de febreiro ". Se trataría no sólo de reducir costes dejando de financiar chiringuitos, muchos de ellos inútiles, sino también de aumentar la transparencia y el control sobre el gasto público. La intención de Medio Rural es llevar la disolución de estas entidades al Parlamento en primavera a través de una ley específica". Nótese que o mesmo conselleiro identifica ás fundacións como chiringuitose. Este é o anuncio explícito do que vai a facer, pero pensemos un intre o que vai a acontecer implicitamente e é que en todo o dito ninguén sabe que vai a pasar cos xerentes, é dicir, ninguén explica claramente o qué van a facer a partir de agora. Vanse a seguir encargando de servir de "controladores" (e desculpádeme pola xeneralización) do que lle mandan os alcaldes? En que condicións se van a adaptar a administración e con que nivel? É preciso que alguén aclare como pode ser que o discurso deste goberno sexa a austeridade e que ao mesmo tempo integre os 34 soldos (algún deles similar ao dun director xeral ) sen precisar as funcións que terán.

O anterior goberno propoñía que fosen os patronatos das fundacións (os órganos que teoricamente marcaban a estratexia e as actividades do desenvolvemento comarcal) os encargados de decidir se se mantiñan ou non, nese caso estaríase decidindo a quen paga a pena manter porque o seu traballo é necesario e quen é prescindíbel, e sobre todo obrigaría a actualizar os planos de desenvolvemento comarcal que nalgúns casos non se modifican dende o ano 1995. Isto sería unha mostra coherencia e racionalidade porque se a SOCIEDADE XESTORA DO BANTEGAL era un chiringuito de 12 persoas, por certo con tarefas e funcións definidas, que é a integración da 34 xerentes na administración para seguir facendo de axentes políticos dos alcaldes no "mellor" dos casos, ou de meros controladores da actividade dos centros?

Pero Juárez segue apostando por este tipo de accións e incluso por outras peores, desmantela axudas, suprime fondos para o desenvolvemento rural,... E o problema de "cargarse" todo o anterior non só denota a incapacidade do PP de entender os problemas deste país senón que supón a superposición dos intereses do partido fronte ao  criterio ou a lóxica do anterior goberno, que era un xeito de entender o desenvolvemento rural a través da aplicación de medidas lóxicas en función da realidade rural actual, aproveitando os recursos existentes e suprimindo gastos innecesarios. As medidas poden ser revisadas ou discutidas pero sempre responderon a unha nova lóxica de xestión e non a intereses particulares.

Por todo iso é necesario vixiar a súa política implícita do día a día, porque é onde eles manexan e caciquean sen problema, sobre todo no tema da SODECO porque estou segura que aínda dará algunha sorpresa máis.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña