22:34 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-12-2012

A esixencia de recoñecemento dos feitos diferenciais, a afirmación da pertenza á comunidade negada eríxese nunha necesidade de radicalidade democrática fronte ao asoballamento e expropiación da identidade

A identidade necesaria

Valorar (11)

HENRIQUE DEL BOSQUE ZAPATA



Unha parte significativa dos conflitos que se veñen amosando nas últimas décadas ten un nidio compoñente relacionado coa identidade, a diferenza e a cultura. É, ao fin, a loita polo recoñecemento, tanto de colectivos coma de pobos, aos que as estruturas de dominación nas que están inseridos lles impiden desenvolver plenamente as súas potencialidades. Afortunadamente o medre da sensibilización ao respecto dos dereitos sociais e culturais, os denominados da terceira xeración, conduce a que a uniformidade e a homoxeneización se contemplen, desde unha óptica democrática, como incompatibeis con valores tales que xustiza, liberdade e igualdade. A loita pola diferenza cultural adquire, deste xeito, un estatus equiparábel ao resto do conxunto de dereitos, remitindo a unha dimensión colectiva que, coma algúns estudosos teñen amosado, non pode xa ficar reducida ao enfoque individualista, universalista e estatalista do liberalismo e do constitucionalismo tradicionais.            

Identidade é quen somos, o transfondo contra o que os nosos gostos, anceios, cognicións, opinións e arelas cobran sentido. E a identidade nacional fai parte da nosa identidade persoal dun xeito practicamente inescindíbel ao configurar un poderoso marco de significación. A nosa cultura non só facilita as opcións a escoller, senón que nos axuda a identificar as experiencias vitais como valorabeis. En cada unha das culturas deste planeta os seres humanos dispomos dun vocabulario compartido (a lingua, a historia, as tradicións, as convencións…) e a comprensión e coñecemento destas narrativas culturais resulta indispensábel na realización de xuízos verbo da morea de decisións e eleccións persoais. En resumo, a cultura propia facilítanos o acceso a un amplo espectro de opcións significativas.                  
A representación da humanidade en termos de identidade indiferenciada, o que se ven definindo como “cegueira á diferenza”, ademáis de non se corresponder coa realidade, agacha as auténticas relacións de dominación e de poder daqueles grupos que pautan e norman sobre a visibilidade ou a invisibilidade das expresións identitarias. E así, coma mostra sinxela, podemos comprobar, a decote, a farsa da artillería mediática española cando emprega o termo identitario para tentar ofender e desprestixiar aos nacionalistas periféricos do Estado e, a seguir, amosa con entusiasmo a forte valoración, a defensa incondicional e a pretensión de imposición dos seus sinais identitarios sen nengunha caste de pudor. O sentimento de superioridade exhíbese con certos trazos de condescendencia: entra na escena á referencia aos valores e modelos de convivencia; mais os valores e modelos de quen?                      

Na actualidade resulta incuestionábel que o proceso de construción da meirande parte dos Estados forxouse sobre a eliminación ou a negación das identidades diferentes a aquelas hexemónicas sobre as que procurou asentar o Estado-nación. Os grupos identitarios dominantes afirmaron a súa hexemonía inoculando unha imaxe de inferioridade nos subxugados, a xeito de colonialismo interno. Mais a perda forzosa, a imposibilidade de amosar os trazos da identidade ou a relegación e infravaloración dos mesmos supón a privación dun aspecto esencial na vida dos individuos, implicando un desprezo polos dereitos fundamentais destes en canto pertencentes a un grupo. Trasladémonos agora ao caso particular, ao exemplo concreto. No Estado español a ausencia, carencia e negación do recoñecemento cara as identidades non españolas acada fasquías autenticamente esperpénticas. A norma constitucional posiciona as linguas diferentes á castelá nun plano de inferioridade; o Estado resérvase a competencia exclusiva en trinta e dúas materias que resultan esenciais para a conformación do autogoberno das nacións periféricas do Estado; pódese suspender unilateralmente o exercicio da autonomía política; carécese do dereito a que se  consulte sobre o futuro político das comunidades; o poder militar e o recurso á forza armada garanten e tutelan a misión civilizadora das Españas. Asistimos, arestora, a un intento miserábel de españolizar ás novas xeracións mediante o sistema educativo, retrotraéndonos ao franquismo. Quen provoca a fractura e o desencontro se calquera identidade nacional afastada da española está infravalorada e denigrada, considerada inferior e desprezada? Quen provoca o conflito se o dereito democrático, xa non a decidir, senón a ser consultados resulta sistematicamente negado baixo ameazas? A belixerancia españolista, a teimudez en someter ás diferenzas, presenta un ensañamento tal que de se producir contra outra cultura a esquerda española xa estaría a falar de agresión intolerábel.                            

Por isto é fundamental, fronte ao dominio, desprezo e agresión, contrarrestar a influencia españolizadora sobre as conciencias e incrementar a valoración e presenza dos nosos sinais identitarios. Sen identidade nacional non haberá conciencia nacional que se traduza nunha demanda de institucións e instrumentos políticos propios e o movemento nacionalista estará sempre nunha situación de precariedade. É así que, neste contexto, a necesidade de utilizar todos os instrumentos de administración e de poder, sen ser o único medio, resulta esencial na conformación da identidade nacional.                        

A esixencia de recoñecemento dos feitos diferenciais, a afirmación da pertenza á comunidade negada eríxese nunha necesidade de radicalidade democrática fronte ao asoballamento e expropiación da identidade. Negación da identidade que historicamente sempre orixinou a infravaloración e o auto-odio provocando danos e feridas na autoestima dos pobos con consecuencias catastróficas para o seu progreso. Nun pobo dominado, sen liberdade para decidir sobre o seu futuro, a conciencia nacional devén tan fundamental como a de xénero ou a de clase. A comunidade facilita o progreso dos seus membros polo que, cando a mesma ve frustradas as expectativas de sobrevivencia, evidentemente está lexitimada para comezar o camiño que a conduza á maioría de idade política, é dicir, á soberanía nacional. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña