11:29 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-12-2012

O inmobilismo e a intolerancia agroman de novo no aniversario da Constitución

Soberanía e avance social en Galiza

Valorar (15)

ALBERTE SOUTO SOUTO



A intolerancia asoma con xenio. A dixestión dos resultados electorais en Catalunya está a abrollar de novo o desprezo cara a diversidade nacional e cultural. As voces que propoñen volver ao autoritarismo centralista branden de novo a Constitución para esmagar as aspiracións democráticas de mudanzas fundamentais na distribución do poder político.    

Outra volta, o texto constitucional aprobado en 1978 preséntase como infranqueábel , como se fora unha norma eterna que, no canto de ter que adaptarse á vontade expresada polas maiorías sociais de cada momento histórico, sexan estas quen teñen que amoldarse aos seus principios e exixencias. Mesmo nestes momentos, onde os 34 anos transcorridos de vixencia demostran cada vez con maior contundencia que por riba de todo foi un texto feito a medida dos poderes conservadores do réxime franquista, destinado a lexitimar nunha nova época histórica a súa continuidade, así como a gardarlles as costas ante calquera eventual tentativa de reforma que implique un cambio fundamental na estrutura do Estado español que arrastre tamén unha variación dos poderes e institucións que teñen atribuída a capacidade de decisión.    

Abonda lembrar que esa Constitución designou Xefe de Estado a un monarca non elixido directamente polos cidadáns, nin sequera admite que poida ser revisada a súa designación inicial por procedementos democráticos. É máis, aceitou que se mantivera no posto a mesma persoa que, pertencendo a unha dinastía de longa tradición absolutista e despótica, fora escollida polo ditador para ser o seu sucesor, para administrar a herdanza da ditadura. A constitución asumiu o mesmo resultado. E sobre todo, mantivo inalterábel a definición de “indisolúbel unidade da nación española”, acuñada xa na ditadura anterior á franquista, para negar a realidade, a da existencia da diversidade nacional, cultural e lingüística no estado español, para máis escarnio, outorgando ao poder militar a defensa desa unidade, como o seu garante contra vento e maré, isto é, contra os desexos que en cada momento puider expresar de xeito maioritario a poboación das nacións catalá, basca e galega.    

Sob esa Constitución perdura un férreo control do poder, que decide en función dos intereses das clases sociais máis conservadoras e privilexiadas do estado español. As palabras emitidas estes días polo Goberno español e polos partidos que teceron o consenso constitucional apuntalan a vontade de permanencia do establishment actual, aínda que sexa a custa de afogar a capacidade e potencialidade das nacións que integran o estado español e das súas maiorías sociais, tamén cando cada vez se fai máis insostíbel a actual configuración centralista coas conseguintes transferencias de renda cara os territorios considerados centrais do estado así como cara as clases sociais máis privilexiadas do mesmo. Ademais, porque non, preferindo ceder capacidade de decisión cara institucións internacionais e poderes económicos e financeiros transnacionais, sen doer prendas en reformar ese texto inmutábel para agradalos e contentar as súas pretensións malia conleven nese caso, amplas cesións de soberanía.     

Para Galiza, as bases constitucionais pactadas das forzas políticas estatais agochan perpetuar un lugar secundario e periférico, e con iso mantérmonos dependentes de decisións alleas. Iso implica non só sermos relegados do punto de vista político e cultural, senón que as maiorías sociais tamén van a sufrir as consecuencias dese rol subordinado e secundario asignado a Galiza.    

Por iso a defensa de maior capacidade de decisión, a aposta pola soberanía tamén é vital para as clases populares de Galiza. Un avance a nivel estatal en clave social (ou de esquerdas para ser más comprensíbel), que modifique a Constitución vixente só desde esa perspectiva, redundaría en melloras para as clases populares do conxunto do Estado, máis iso non impediría manter a condición de periféricas das clases populares galegas no conxunto das estatais, polo que os efectos previsíbeis terán limitado alcance ao seguir ficando subordinadas. Porén, unha mudanza en clave nacional, que leve aparellado un troco no papel encomendado até o de agora para Galiza, que lle outorgue un novo estatus onde dependa de si mesma, que lle permita ser soberana, onde poida decidir sobre os aspectos fundamentais no eido económico e social terá un efecto proveitoso para sobre todas as capas sociais, sobre todo as clases populares.    

As propostas de cambio a fondo modelo político vixente en clave nacional son as realmente preocupan, para os que defenden o estatus, e provocan neles reaccións autoritarias e intolerantes. Porque serán as que espallen semente, non só para remexer as estruturas de poder do estado español desde unha óptica territorial, senón sobre todo social. Non só para trasladar os centros de decisión, como se fora o traslado dunha corte de antano, senón para alterar realmente a estrutura social do poder.


[08-12-2012 10:53] Antonio das Mortes comentou:

Así de claro, e moito obrigado.

E menos mal que a Galiza dispón do Bng para que se saiba e non se esqueza; este día 6 serviu coma sempre pra clarificalo...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña