08:00 Mércores, 11 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-12-2012

Miña nena, atristurábame cada vez que pensaba en ti, tan lonxe da casa e dos que te queremos

Benquerida sobriña

Valorar (64)

MARICA CAMPO



Miña nena, atristurábame cada vez que pensaba en ti, tan lonxe da casa e dos que te queremos. Coidaba, parva eu, que este noso país, como antano, vía partir con dor os mozos e mozas, o zume máis vivo da árbore que somos, o futuro en definitiva, por necesidade imperiosa. Coidaba que era a falta de oportunidades a que te levara primeiro a Alemaña e despois a Austria para lle tirar proveito aos cinco idiomas en que te defendes e ás dúas carreiras que fixeches. Que equivocaba estaba!    

Teño que lle agradecer á Secretaria Xeral de Inmigración e Emigración, dona Marina del Corral, que me abrise os ollos. Ah, lampantina, que enganados nos tiñas! Ti non emigraches por necesidade: fixéchelo por espírito aventureiro. Díxonolo esta señora que, visto o cargo que ocupa, debe ser a que máis sabe do asunto.    

E, o que son as cousas, síntome obrigada a rehabilitar, aínda que só sexa mentalmente, a unha muller á que xulguei mal hai moitos anos, máis de trinta. Cóntocho: Casada cun enxeñeiro ben situado, non tiña sequera o título de Graduado Escolar. Había uns exames libres para obtelo e ela presentouse, por suposto que ben recomendada. O caso é que quen aspiraban ao título debían redactar un texto sobre a emigración. A boa da muller atribuíu o fenómeno unicamente ao espírito aventureiro dos galegos e galegas. Vaia, que a Señora Directora Xeral non foi a primeira en detectar as causas do éxodo. Pregúntome se a dona Marina lle molestaría saber que ten un antecedente tan ilustre, e digo isto sen ánimo de ofender a quen non obtivese  o título de Graduado Escolar, que xa se sabe que a súa posesión ou carencia non é garantía de nada.    

Miña aventureira, mágoa que cando marchaches a Xunta aínda non agasallaba maletas. A dicir verdade, tampouco non che tería tocado ningunha porque, malia seres unha boa estudante, esas foron para os mellores expedientes, que, polo que parece,  son os primeiros convidados a marchar.    

Moito me alegra que esteas nun lugar tan fermoso e nun país tan próspero ao que, sen dúbida, achegarás o teu gran de area para que siga progresando. Aí precisan xente preparada e aquí, fíxate se sobrará, que a exportamos. Por fortuna ese espírito aventureiro do que fala dona Marina facilita as cousas. A saudade é un sentimento superado e, segundo parece, estar lonxe ou cerca dos amigos e a familia impórtavos un pemento. É un consolo sabelo. Mais aquí a xente anda algo alterada. Eu tamén, que queres que che diga. Mesmo lle atopo máis sentido que nunca a un himno que, aínda non sendo ti moi experta nestas cousas, coñecerás. Refírome ao que compuxo en 1871 un tal Eugène Pottier. Chámanlle A Internacional e está considerado o poema máis famoso do mundo obreiro. Comeza así: “Arriba, os pobres do mundo”. Si, miña nena, antes cantabámola pensando noutros. Agora sabemos que andan por aquí e van a máis. Tanto que, por se che serve de exemplo do que che digo, cóntoche que o grupo de teatro Achádego, que coñeces ben desde pequeniña e mesmo tes actuado con el, vai facer unha representación de As alegres comadres para lle entregar o recadado ao Banco de Alimentos. Non queren cartos, senón arroz. Din que con un quilo del  come unha familia. Estas cousas antes pedíanse para o terceiro mundo. Non se entende que a xente non reaccione, ou o faga só cando lle toca na propia pel. É difícil comprender que esperte máis unanimidades o fútbol que tanta inxustiza. O resultado das eleccións, nas que por certo non te deixaron participar, xa o coñeces. O medo paraliza a poboación porque as maneiras de actuar do goberno recordan outros tempos.    

Perdoa, miña nena, que che conte estas cousas. Como dixo Rosalía,  “triste é o cantar que cantamos, mais que facer se outro mellor non hai”.  

Ben, querida Ester, agardo que se che cure ese ataque de espírito aventureiro e regreses pronto porque, como podes deducir, aquí todo é esperanza e optimismo, ese que ti tes por arrobas (e isto, si, dito sen ironía). Moitos bicos da túa tía que te adora e que, como ti explicabas de pequena, “iso é moito”.


[03-12-2012 15:06] Carmiña comentou:

Ai, Marica, que ben expresas o que outras sentimos e non somos quen, de liberar o que nos coce por dentro! Fun filla de emigrante e nai de emigrante, será o estigma do noso pobo...?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña