22:50 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-11-2012

Os concellos deben adoptar medidas concretas de oposición á banca para que paralicen os desafiuzamentos

Acción municipal contra os desafiuzamentos

Valorar (11)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



O Concello de Lugo acaba de constituír, a iniciativa do BNG, unha Comisión Especial Mixta contra os desafiuzamentos na que están representados todos os grupos políticos (a pesar do voto en contra do PP para a súa creación), os servizos sociais municipais, a Plataforma STOP desafiuzamentos de Lugo, o colexio de avogados e as asociacións de veciños. Na súa primeira xuntanza acordou demandar das entidades bancarias a paralización dos desafiuzamentos na cidade así como obter información sobre cantas persoas se atopan ás portas de perder a súa vivenda e cantas a perderon xa para asesoralos legalmente ao tempo que se lles dá cobertura social.        

Desde logo non son os concellos os que teñen capacidade normativa neste caso. Son o goberno do Estado e da Xunta os que deben modificar a Lei Hipotecaria e adoptar medidas de carácter social que impidan que coa perda da súa vivenda as persoas queden de por vida atadas igualmente a unha débeda, na rúa e sen dereitos básicos.        

Pero os concellos si que teñen capacidade de actuación concreta e directa ante as entidades bancarias, e tamén deben actuar. Por iso a Plataforma STOP desafiuzamentos demandou nesta Comisión unha maior implicación dos concellos, porque a forza que poden facer ante os bancos pode ser decisiva en moitos casos de desafiuzamentos. Ademais os concellos poden adoptar medidas de apoio aos afectados e de rexeitamento destas actuacións, entre elas  impedir que a Policía Local participe nos desafiuzamentos, retirar contas bancarias públicas das entidades que realicen desafiuzamentos, asesorar aos afectados e afectadas, prestarlles cobertura social para que non se queden na rúa, etc.        

Lugo é unha cidade pequena na que sempre se di que todos nos coñecemos. Pero a verdade é que a día de hoxe non existen casos públicos de desafiuzamentos, e isto é moi negativo porque parece que a cousa non vai con nós. É necesario que todas aquelas persoas que se vexan afectadas por esta situación teñan a quen recurrir (Plataforma STOP desafiuzamentos, Comisión municipal) e non teñan que enfrontala eles sós. Porque non son os responsábeis do que está acontecendo, porque eles/elas non provocaron esta crise pero estana padecendo de maneira directa e grave e non deben ocultar os seus efectos. Ninguén se debe avergoñar da súa situación. O que deben facer é reclamar os seus dereitos e facelo publicamente, a pesar de que a represión ante os apoios sociais aos afectados vaia a máis (recentes detencións en Sevilla e imposibilidade de informar das agresións policiais por parte da prensa).        

As medidas adoptadas recentemente polo PP non son máis que un lavado de cara e xa foron analizadas por Bernardo Valdês no Terra e Tempo. Realmente non resolven o problema e nalgúns casos poden chegar a agravalo. E os criterios que manexan para poder optar a elas son absolutamente excluíntes. Por que ter un fillo de 3 anos é diferente a ter un de catro? Que pretenden, que para poder acollerse ao seu Decreto as mulleres se queden embarazadas? Van contar entón os embarazos como se di na Lei de Familia ou só os fillos/as nacidos? Non é a miña intención frivolizar sobre cousas tan graves, pero a verdade é que son preguntas que eu mesma me fixen e para as que non teño resposta.        

O papel que están xogando os cargos públicos do PP nos concellos é vergoñento. Falan exclusivamente de cuestións formais e de representatividade do seu grupo cando estamos ante un verdadeiro drama social ao que non lle queren poñer freo. E teñen o valor de reclamar, neste caso no concello de Lugo, o que no Estado e na Xunta negan. Se algo está claro a día de hoxe é que defenden exclusivamente aos ricos e poderosos e atacan sempre aos máis débiles. E neste caso os máis débiles somos todos e todas, porque quen está sen hipoteca neste país? E quen ten garantizado un posto de traballo e un salario que lle permitan facer fronte aos pagos mensuais desta? E non estamos falando de segundas vivendas, estamos falando de residencia habitual, aquela na que vivimos e que é a única que temos. Sen ela quedamos na rúa, e se quedamos na rúa quedamos na indixencia e sen dereitos, deixamos de ser cidadáns. E iso é o que temos que evitar social, política e institucionalmente, tamén desde os concellos pero non só desde eles.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña