01:36 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-11-2012

Qué sabemos dos moinantes?

Moinantes

Valorar (16)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ



Nun empacho xitano de sesión continua vin a excelente película de Rovira Veleta sobre Los Tarantos (1963), con Carmen Amaya e Antonio Gades e a continuación  Esmeralda a zíngara (1939) de Willian Dieterle. Pensaba eu en Esmeralda e Quasimodo e na tropa de mendigos en Notre Dame de Paris, grazas a Víctor Hugo, sobre a orixe dos moinantes de Carballo. A que non puiden ver foi a representación teatral A voda dos moinantes (1996) que fixo en Galicia a Compañía Marías baseada na obra do irlandés John Millington Synge. Tratase dunha obra que transcorre en Irlanda en 1903 onde se expón a problemática da chegada dos moinantes procedentes da Fisterra gaélica, e da súa posible automarxinación.

Qué sabemos dos moinantes?      

As preguntas están claras as respostas non tanto, nin moito menos. Practicamente ningunha. Cal é a orixe dos moinantes? De onde proceden? É un grupo endogámico, homoxéneo? Que teñen que ver cos xitanos? Dende cando se estableceron en Galicia? ou en Carballo? Son os mesmos de Coristanco: A Miñata, O Carrizal ou en Lerez (Pontevedra) Cantos son? Qué actividades económicas, sociais e culturais desenvolven? Cal é a súa relación co resto da comunidade ?. Qué grao de contacto hai? Son marxinados ou son automarxinados? Como se ven a si mesmos os moinantes?      

Non é doada a distinción entre moinantes e xitanos e incluso entre diversas ramas de xitanos. A cuestión é que mentres en Galicia  hai unha poboación duns oito mil xitanos en cambio non chegan a mil os moinantes. Consulto o libro A comunidade xitana en Galicia 1990-2000 (Xunta de Galicia, 2000) e observo que se cuantifican en 8.417 persoas, distribuídas en 46 concellos, estando á cabeza a provincia da Coruña con 3902. O concello de Carballo aparece con 40 persoas. Non vin que se fixera distinción por ramas xitanas. Se entendemos por caló como xitano aínda quedaría outras tres ramas: sinte, rom e manuchos. Cales destes están en Carballo? Puido erroneamente contabilizarse moinantes con xitanos? Son xitanos galegos, zamoranos, portugueses ou húngaros?    

Os únicos traballos estatísticos rigorosos a nivel metodolóxico ,que eu saiba,sobre os moinantes de Carballo é o realizado polo Obradoiro Técnico de Socioloxía a instancias do concello de Carballo é publicado a súa síntese no ano 2001, titulado Poboación marxinal de Carballo. Non se entra aquí en cuestións históricas, faise unha referencia descritiva e cuantitativa da, eufemisticamente, chamada poboación marxinal de Carballo, é dicir os moinantes, onde se fala dun colectivo dunhas 150-160 familias e sobre 600 persoas. Pero practicamente todas as preguntas antes mencionadas quedan no aire. Algunhas respostas son de interés como que os propios moinantes na poboación maior aceptan ben a acepción e non así os mais novos.    

Pouco despois saíu publicado en inglés un artigo de Julia Regueiro e Ricardo García Mira titulado Social and Spatial Segregation of The Moinantes in Carballo (A Coruña) en Medio ambiente y Comportamiento humano: Revista Internacional de Psicología Ambiental (Vol. 4, Nº. 1, 2003, páxs. 33-48), que sigue -en parte- o citado traballo do Obradoiro, engadindo unha interesante enquisa de 153 residentes en Carballo na qu se observa unha clara segregación residencial así como discriminación social. Ainda que estes investigadores consideran que son moitos máis os moinantes (agochan dicilo) que a cifra citada e que hai clara segregación residencial por parte da poboación non moinante.   

Os moinantes pertencen os grupos étnicos  de forte compoñente grupal e non doada integración. Eu fun a unha escola de primaria nos anos sesenta onde había moitos moinantes e a situación non era nada dramática. Apenas había conflitos  e moi menores. Fora da escola o mesmo. Había, e aínda hai matrimonios mixtos.      
A concepción sobre os moinantes variou moito. Historicamente a acepción moinante ía máis ligada a xente pobre que pide esmola, a mendicidade. Aínda que xente pobre hóuboa sempre, e que pide tamén e iso non quere dicir que sexan moinantes e tampouco podemos caer na trampa dos apelidos. Se foron nómades nalgún momento hoxe son sedentarios. Entón?       

A literatura que eu recorde recolle a acepción moinante no sentido de pobre, esmoleiro. No poema O enterro do moinante de Luís Seoane (Na brétema, Santiago, 1956) na última estrofa di:  

Todos deixan caer sobor das longas barbas brancas

do moinante morto

nos seus pretos farrapos

unhas froles silvestres

e a terra que bican coas súas bocas sen dentes.

O que agora é o máis vello de todos

guinda sobor do morto,

en nome dos mendigos de Santa María de Salomé,

unha estranxeira i estraña moeda de plata

coma unha esmola que enterrasen para sempre.
     

A etimoloxía procede da palabra gascona, aumone, amoinà: persoa que pide esmola, limosna; daí derivan moina, moino, moinante. As  principais acepcións da palabra moinante refírense pois por unha banda a quen pide esmola, esmolante, a segunda sería como vendedor ambulante, dedicado ao negocio das atraccións de festas, feiras e romarías. Unha terceira máis negativa que engana, fai trampas e delinque.  

A acepción máis nobre da palabra lémbrame unha pintura de Álvaro Cebreiro titulada Moinantes onde es ven dous pedindo as portas dunha igrexa, ou outra de Sotomayor titulada curiosamente Mohinantes. E tamen Os dous de sempre de Castelao (Xarda e Barrote que acompañan a Rañolas)  ou o seguinte poema de Luís Seoane :      

Soliloquio cun moinante  

Ti eres o ponto suspensivo dun camino

e o ponto suspensivo dun dereito social

és tamén o siño escramativo da vergoña

de toda aquela porta por ondia pidas pan.
   

Hai que pechar a cremalleira da nosa hipocresía

e abrindo as camisas doar sito á verdade

Eu, il ,e todos xuntso fumosche construíndo

co ladrillo avol da podre sociedade.
   

Túa bandeira de farrapos fálanos socialmente
e socialmente fala teu sono de pallar:
retrógados seremos dende o zapato ao cabelo

cornudos consentidos da femia libertade,

se non franxemos logo con berros de xustiza

e coa dinamita de estouros de igoaldade

a cadea ceeirada que ule a brigacións

e cóbrese na prata e no cheiro a caridade.    

¿Coma se xustifica o tristemo dunha man

ou o pé que soio morto deixará de camiñar?
   

Terémola gorxa coma un acedo froito

se cada peito e peito non son un soio par.

se non rematamos para sempre coas remotas causas

das túas tripadas probes que cara as portas van,

enfestamente nunca poderemos decir home,

e si alguén de irmán fala, será soio falar
                                                                              

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña