23:09 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-11-2012

As escolas, os institutos deben ser tamén axentes normalizadores non só examinadores

Galego nas aulas. Materia pendente?

Valorar (17)

ELADINO CABANELAS FERNÁNDEZ



Aínda que non vén ao conto, non sendo para situarmos a anécdota ou experiencia no tempo, debo dicir que estabamos nos finais dos setenta cando fixen o bacharelato, o BUP tal e como era nomeado oficialmente daquela.  

No primeiro curso compartín aulas cun mozo acabado de chegar da emigración, coido que de Xenebra aínda que non o podo afirmar con certeza. O que si é certo é que viña dunha cidade suíza onde a lingua predominante ou maioritaria era o francés. Daquela tamén era esta lingua a que predominaba no ensino oficial como estranxeira. Pois ben, tiñamos como ensinante desta lingua unha profesora, poderiamos dicir que, con moita bagaxe ás costas  e cun dominio e querenza pola materia que xa quixeran moitas e moitos dos ensinantes nativos tan de moda hoxe en día.  

Un profesor ou profesora con estas características, evidentemente, non podía desperdiciar a oportunidade e as súas aulas, ás veces, convertíanse en diálogos entre ela e o mozo "galego-suízo". Diálogos aos que o resto da aula, que non podiamos ir moito máis alá que de intentar conxugar medianamente cos sempre retortos "être" e "avoir", permaneciamos abraiados, aborrecidos ou, quizais, un chisco decepcionados diante da evidencia da nosa ignorancia idiomática.  

A nosa gran sorpresa chegou cando soubemos que o noso compañeiro, este quen sen pretendelo deixaba en ridículo o que levabamos aprendido de francés dende o sexto curso da EXB, suspendía a materia con peores notas que a maioría de nós.  

E suspendía francés porque os seus coñecementos de gramática eran escasos. El aprendera a lingua usándoa na rúa, comunicándose oralmente con ela. Non sei, pasaron xa moitos anos, se aquel mozo terminou aprobando a materia a final de curso ou non, mais é irrelevante para as miñas intencións. Intencións que non son outras que usar esta experiencia comparándoa coas aulas de galego no noso País.  

Algo que levo percibido dende hai moito é que unido á longa xeira de prexuízos que temos que soportar diariamente coa nosa lingua, non podemos obviar a dos propios utentes do galego que, chegado o momento de seren examinados dos coñecementos  dela, ben en etapa escolar ou ben para a obtención dos -xa famosos- certificados CELGA, suspenden galego; o que crea en persoas cuxo compromiso lingüístico é simplemente de uso cotián, frustración e certo rexeite cara a lingua propia como materia de estudo obrigatorio. Máis dunha ocasión temos escoitado cousas como: "Non sei para que serve falarlles aos nenos o galego se logo os suspenden na escola",  "O galego non debería ser obrigatorio, o meu rapaz vai ben en todo e o de galego suspendeuno", "Fulanito fala sempre español e aproba o galego e o meu fillo que o falou sempre suspende, non hai dereito".  

Sei que é un tema moi delicado mais si creo que algo está a fallar nas aulas do galego. A sensación que un ten, e que nos exemplos que puxen tratei de transmitir, é que se es galegofalante dende o berce tés máis posibilidades de suspender esta materia que se partes do castelán como lingua de uso. Tamén se me pode dicir que porque non pasa no senso contrario, é dicir, o castelán falante non ten problemas adicionais para aprobar a lingua de Castela. Certo, pero isto ten a súa lóxica, non é unha cuestión de xenética nin de intelixencia superior. É tan só pola evidencia, pola realidade de que calquera persoa na Galiza está rodeado de castelán por todas partes e, nomeadamente, nos medios de comunicación. O castelán está verdadeiramente normalizado e normativizado e o galego non. O galego porén só é escoitado ou ben en contornas rurais, ou ben no entorno familiar, ou ben nos escasos medios de comunicación que teñen a honra de empregalo. E este galego, que fique ben claro que para riqueza do noso País, é un galego coa forma propia de cada zona (dialectalismos) e, por desgraza -isto si-, infectadísimo de castelanismos tras séculos de opresión dunha lingua con "status" sobre outra de "ignorantes aldeáns" ou ao menos é o que sempre nos quixeron facer crer.    

Supoño que a esta altura do escrito xa se pode ir enxergando onde quero chegar. Non é máis lonxe que facer unha reflexión sobre se cunha lingua minoritaria, en claro retroceso, chea de prexuízos e auto-odio, rexeitada -ás veces- polos propios e propias utentes non se deberían empregar métodos de aprendizaxe e/ou avaliación diferentes aos das outras linguas, ben sexan o castelán ben sexan as que chamamos estranxeiras.    

Non é doado que nenos e nenas afeitos a falaren galego dende crianzas rematen dicindo -poño por caso- "facer" cando sempre escoitaron e dixeron "faguer", "coello" se sempre dixeron "conexo", "camións" se sempre oíron "camiois", etc, etc. En troques aqueles nenos e nenas cuxa lingua materna é o castelán, case sen contacto ningún (nas nosas cidades e maioría de vilas grandes) co galego non teñen ese problema, non veñen "viciados" con castelanismos ou localismos á escola, simplemente, por que para eles é como unha lingua estranxeira máis. Apréndena case dende cero, dun xeito científico e normativo.    

Aquí é onde volvo ao conto do meu compañeiro de aulas e fago a seguinte pregunta. Quen é máis capaz de comunicarse -que á fin é para o que serven as linguas- o compañeiro ou compañeira que aproba un exame de gramática e logo non é quen de dicir unha frase completa en francés ou este mozo que se trabucaba coa gramática? A resposta é obvia. Se trasladamos o conto ao ensino do galego atopámonos co mesmo e poderiamos facer máis ou menos a mesma pregunta. Quen é máis capaz de comunicarse o neno ou nena castelán falante que aproba un exame de gramática e logo non é quen de dicir unha frase completa en galego ou o neno ou nena que fala galego acotío?    

Non pretendo con estas reflexións dicir que a nosa lingua deba ser aprobada só polo feito de falala, nin moito menos que se permitan erros na lingua nin oral nin escrita. Todo o contrario, mais si coido que, do mesmo xeito que eu valoraba o francés do meu compañeiro de aula, se valore algo máis o feito de que nenos e nenas neste País continúen falando a nosa lingua sen prexuízos nin problemas cando o máis doado, téndeo por seguro, é falar castelán. As escolas, os institutos deben ser tamén axentes normalizadores non só examinadores. Neles, se queremos que as novas xeracións, sigan optando polo galego como lingua de progreso e de futuro débese inculcar amais de coñecementos -que tamén- sentimentos de posesión de algo único e irrepetíbel, querenza e orgullo polo galego. Só así, e máis nos tempos que corren para a nosa lingua, poderemos  seguir mantendo aceso o facho da recuperación do galego na Galiza.


[22-11-2012 04:49] essay comentou:

Evidentemente algo de responsabilidade terán os galegofalantes, Eu era castelanfalante e no colexio aprendín un español ben diferente ao da miña casa. Cando corrixía á miña nai, por exemplo, por usar un galeguismo, ela calaba. Co galego ocorre que o pai ao que un neno lle dí que non se di conexo senon coello vai contestar que iso son caralladas ou portuguesadas. O standard galego ainda non está suficientemente asentado, e, sobre todo, o que é pior, non existe unha elite que o utilice na vida corrente, o que sí pasa co español. Non ten utilidade social aprender un galego correcto que ninguén fala. Sí a ten aprender o castelán standard que é lingua coloquial das clases medias e altas do estado as que se quere que o fillo pertenza. Enténdanse ben as miñas palabras, a aprendizaxe do galego non ten para a xente utilidade social ou material. Pódea ter cultural e identitaria. mais, nese senso, non se entende que o galego que se estude non sexa "o de sempre, o de noso", senon outro distinto e que sona artificial e raro. Contra isto so cabe a vontade pétrea dos galegofalantes nativos de depuraren e perfeccionaren o seu idioma. Mais ben é certo que pedirlle a teenagers tal degrao de compromiso coa gramática é bastante utópico. Non acho porén que a materia de galego se imparta correctamente, demasiada atención á dialectoloxía e outras materias proprias de filólogos e pouca á expresión oral e escrita (tamén pasa iso un pouco coa lingua castelá, por comparación a como se ensina o inglés no Reino Unido, por exemplo).

[19-11-2012 19:13] Xoana comentou:

E os portugueses, e curioso non?

[18-11-2012 02:29] Ignatius O`really comentou:

Curiosamente, os mellores alumnos de galego, os brasileiros.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña