05:55 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-04-2010

As multinacionais e os ricos de cada recuncho do mundo están a sacar as talladas máis grandes nun mundo que presume de “desregulado”

A globalización e a ausencia de normas que corrixan o mercado

Valorar (5)

ALEXANDRE SIEIRA ALMALLO



Dicimos que estamos nun mundo "globalizado". E cando dicimos iso, parece que dicimos algo novo, e a verdade é que xa os máis antigos  xa sabían "globalizarse".

O mundo sempre foi redondo (aínda que moitos pensaran que era unha chaira), e desde fai séculos houbo intercambio de mercadurías. Nada novo polo tanto.

Porque agora, igual que noutras épocas, sempre houbo xente que intentaba mercadear "productos lixo pero que brilaban", por tesouros e ouro (abusando dos menos informados da diferencia do valor intrínseco de eses productos). Isto facíano polas armas ou polo comercio. Ou sexa, que iso da globalización puido ser algo "chungo".

Estamos instalados nunha ditadura do capital e, como non somos capaces de poñerlle faciana a esa pantasma, estanos a gañar o presente o sobor do todo, o futuro do noso planeta.

Atravesamos unha crise que, non por esperada, deixa de ser moi crúa. E á sociedade occidental estáselle a mentir por parte dos poderosos, sobre a capacidade de resistencia dos aparellos existentes ou creados para a ocasión.

O poder económico dos "ricos", das multinacionais, ten como estratexia vender como "globalización moderna e imparable" algo tan antigo como é "comprar baratiño e vender o prezo máis alto que se poda. Que dure o que dure, pero que non me salpique o erro no que estou a sacar unha boa tallada".

Coido que  a globalización tal e como se está desenvolvendo,  é un grande erro para Europa (e tamén para o resto do mundo). E refírome a Europa porque é o espazo colectivo onde temos un termo medio de protección social que atinxe a case que todas as capas da poboación.

As veces leo que algún que sabe moito de economía di que temos que baixar soldos, que os traballadores europeos  gañan moito e viven por encima das suas posibilidades, que así non somos competitivos,  que temos que ter empresas de tecnoloxía! para poder competir, ...

En verdade din moitas cousas. Nuns casos acertarán, noutros achéganse a verdade e noutros moitos están totalmente fora da realidade. Como o estaban todos esos "informados" antes de que estalara a  "última  burbulla".

O que non repiten coa mesma insistencia é o que ven cos seus ollos cando viaxan a esos países. Non falan das condicións de semi-escravitude nas que se están a converter eses paises que son "as novas fábricas do mundo".

Sen decatarnos, como cidadáns de paises democráticos, somos tamén parte do problema. Temos nas nosas mans instrumentos para forzar cambios. E xa non me refiro a que estos cambios os deixemos que os gobernen os políticos, senon a través dun consumo responsable. Pero eso será outro tema doutro día.

As multinacionais e os ricos de cada recuncho do mundo están a sacar as talladas máis grandes nun mundo que presume de "desregulado".

Seguimos no erro, e non aprendemos, de que o "mercado non  é sabio".   Os que van de sabios son os "listillos" de toda a vida. Os que prefiren que os estados estén para o que teñen que estar, isto é, con seguridade para eles e as suas fortunas, para que se podan pasear con tranquilidade, e de cando en vez, parar para dar unha esmola (ou un pao).

E si teñen perdas nos seus xogos económicos, ahí estaremos todos os europeos (e o resto dos paises)  para facer un fondo común e sacarlles os números vermellos.

Dame carraxe ver como esta crise parece que  non vai mudar nada.

Os de arriba (ainda que se equivocaron) gañan, e os de abaixo (a clase traballadora do mundo e, polo tanto, as suas sociedades) perden.

Perdemos sempre, cando gañan porque o fan a costa nosa e cando perden porque fan que paguemos nos a factura dos seus erros.

É necesario, polo tanto, comezar a pensar que non van a compartir nada. Que a cultura que está instalada é a da rapiña despiadada. Que vai de moderna, pero é tan antiga como a que xurdeu na Revolución Industrial na Inglaterra ou Francia.

Corremos o risco de que o conto da globalización se cumpla, pero ao contrario.

Isto é, venden a idea que eses paises teñen un maior desenrolo facendo o que aquí xa non é "moderno" nin "interesante", e que imos a conseguir polo tanto, que a xente de esas zonas teña un mellor nível de vida, o tempo que nos quedamos liberados dos "traballos de chinos", e que de xeito permanente imos vivir dos "réditos dos avós".

Pero a realidade é que o que queren facer  e gañar cartos, cantos máis e "en menos tempo" mellor que mellor. Son verdadeiros depredadores da natureza e das diferentes sociedades.

Non lles interesan as condicións de vida dos traballadores das empresa que fan o que se consume en Occidente. Dase por suposto que as suas condicións son moito mellores que as que tiñan antes.

E isto é moito supor. Direi máis. É unha grande mentira. Porque por ser obreiro dunha fábrica enorme non se é -directamente- máis feliz que ser agricultor, gandeiro ou pescador. Fan falla máis cousas. E ahí entra o termo "calidade de vida". E iso é o que estamos a perder en Europa polo desarme arancelario dos últimos anos, que deixou que "o mercado" gobernara.

Vaise a dar o contrario do que podíamos pensar. Vannos a "globalizar ao revés", isto é que en lugar de que os cidadáns dos paises do Terceiro Mundo terminen vivindo como os países do primeiro, seremos os do primeiro mundo os que viviremos coma os do terceiro. É parecido, pero non é o mesmo,... nin se lle parece.

Serán as ringleiras de parados os que lle digan os gobernantes de Europa que teñen que gobernar e non deixar facer ó "mercado"?

Seguro que serán, porque os gobernantes parece que son como o "mercado", unha especie de robot parvo,  dos primeiros, de eses que soamente cambian de ruta cando encontra un obxecto que non o deixa pasar.  

Non deixo de pensar que poida que esté equivocado. É seguro que estou nun erro. Non debería  ser que todos eses cerebros mundiais (económicos, políticos,..) postos a traballar colectivamente en mellorar o mundo, nos leven ao desastre.

Pero tamén é certo que estiveron a unha unlla de meternos no inferno do caos social e económico. Polo tanto pode que sexa o momento de facer como só os nosos antergos europeos e sacar as receitas que puxeron ao "mercado" no seu sitio, isto é, ao servizo da sociedade.

A globalización económica pode ser boa, si se atinxe a regras feitas polos lexítimos representantes dos pobos democráticos. Debe ser para mellorar o mundo, pode selo, pero as regras hai que facelas e obrigar ao seu cumprimento. Non pode ser un mundo para ventaxistas, senon un espacio para unha nova economía, a que poña por diante o interese da humanidade.

E si non é así, será un dos cabalos da vindeira crise, que tamén será política (se está non a termina sendo).

Voltaremos a aprender algo dos gregos, dos de agora?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña