01:53 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-11-2012

A nova Lei migratoria cubana permitirá aos cubanos viaxar ao estranxeiro sen o permiso de saída das autoridades cubanas, que custaba 118 euros

Cuba: o bloqueo migratorio

Valorar (29)

XURXO MARTIZ CRESPO



Até o 14 de xaneiro de 2013 os cubanos terán dous problemas para poder viaxar: o primeiro é que os deixen saír de Cuba e o segundo que os deixen entrar nalgures. A partir desa data os seus problemas reduciranse a un, que algún país lles conceda un visado.  

Xa pasaron anos desde que o estudante Eliécer Ávila lles causase un problema ao presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba, Ricardo Alarcón, coa pregunta de por que os cubanos non podían viaxar libremente. As explicacións de Alarcón, abraiado pola pregunta e ante un concorrido público, foron pobres e inexactas.   

A nova Lei migratoria cubana permitirá aos cubanos viaxar ao estranxeiro sen o permiso de saída das autoridades cubanas, que custaba 118 euros. Tampouco precisarán dun convite dun estranxeiro nin o pagamento da chamada «carta de invitación», 157 euros.  A partir do 14 de xaneiro de 2013 os cubanos só precisarán dun pasaporte (4 euros), cartos para poder viaxar e o visado do país a que queiran viaxar.  

A oposición á revolución e ao goberno cubano, no exterior e interior da illa, presentou sempre a illa como un gran cárcere en que só se podía saír arriscando a vida nunha roda vella cara a Florida, casando por diñeiro ou desertando nunha misión artística, humanitaria ou militar no estranxeiro.  

Xunto a esta campaña os sucesivos gobernos dos Estados Unidos (EUA) e o Estado español (incluída a totalidade dos seus medios de comunicación) día si día non repiten sobre a imposibilidade de abandonar a illa, ou a negativa administrativa para a concesión de pasaportes a opositores internos.  

Pero mentres estadounidenses, españois e europeos «defenden» o «dereito» dos cubanos para abandonar a illa, denegan a posibilidade de que calquera cubano acceda a un visado para poder viaxar a Estados Unidos ou ao Estado español.  

Da Lei de axuste cubano estadounidense á do «posíbel migrante» española.
 

Estados Unidos utilizou o tema migratorio cubano como unha arma máis contra a revolución. A chamada Lei de axuste cubano / The Cuban Adjustment Act de 1966 concede o permiso de residencia a todo cidadán cubano que poña un pé en territorio estadounidense e resida un ano; a medida é aplicábel mesmo aos descendentes de cubanos e as súas familias, nados no estranxeiro e non na illa, sempre que teñan cidadanía cubana.  

A existencia desta lei xerou un éxodo continuo de cubanos que, arriscando as súas vidas, pretendían chegar á quimérica «Yuma» (Estados Unidos en cubano). Mentres o exilio cubano en Florida organizaba Brothers to the Rescue (Irmáns ao rescate), sistema de apoio para a inmigración irregular á Florida, o Servizo de Gardacostas dos Estados Unidos (U.S. Coast Guard) encárgase de impedir a entrada aos Estados Unidos da inmigración irregular cubana. Argumentan as autoridades estadounidenses, para impedir a entrada de cubanos, que as súas razóns son de carácter «humanitario». A principal causa de emigración ilegal de Cuba aos Estados Unidos non é o sistema político da illa, senón a existencia da Lei de axuste cubano.  

O almirante estadounidense David W. Kunkel declaraba que fomentar, por parte dos cubano-estadounidenses, a inmigración ilegal a EUA pagándolle a contrabandistas non era outra cousa que enriquecer o crime organizado. Os traficantes non son almas humanitarias que perseguen a unión das familias despois de décadas de separación, senón organizacións criminais que cobran 8.000 euros por pasaxeiro, sobrecargando as lanchas rápidas que utilizan sen importarlles nada o risco de morte que poden sufrir os seus ocupantes.  

Detrás deste tráfico humano está, por unha banda, a Lei de axuste cubano, que exerce unha influencia determinante e a negativa de Estados Unidos a deixar entrar libremente os cubanos.    

«Posible migrante».
 

O caso español é similar. Mentres por unha banda promove a liberalización de presos en Cuba e os acolle, a eles e ás súas familias, por outra déixaos á súa sorte sen recursos económicos nin materiais. O suicidio do xornalista asilado no Estado, lbert Santiago Du Bouchet, pola falta de pagamento da axuda gobernamental e a situación de precariedade na que vivía en Las Palmas de Gran Canaria,  é unha proba do verdadeiro interese do Estado español no benestar dos cubanos asilados. Tamén é paradóxico que algúns dos asilados declararan que preferían voltar «ao carcere cubano» antes que vivir na «miseria da liberdade española». O suicidio de Ibert Santiago é a conclusión dunha promesa baleira de contido, non pola incapacidade do Estado español senón por desinterese .   

O goteo de cubanos cara ao Estado español foi incesante nestes últimos anos. Exercendo un cinismo inmenso, os cubanos que pedían asilo político en aeroportos españois tíñano concedido se posuían, preferibelmente, o título de médico. Outros, sen profesión coñecida e mesmo con penas de cadea por tentar saír da illa ilegalmente,  vían como as súas solicitudes de asilo político eran rexeitadas polas autoridades españolas e eran obrigados a abandonar o Estado español en 15 días.  

Centos de cubanos fan colas diariamente ante o Consulado de España en La Habana para solicitar un visado de turista. A maior parte delas son denegadas cun cuño que di: «posible migrante».  

A partir do 14 de xaneiro de 2013 a posibilidade de poder emigrar, legalmente, para milleiros de cubanos terá a mesma resposta no estranxeiro que tivo nestas últimas décadas, un non rotundo.


1 2 seguinte

[22-11-2012 11:53] Raul comentou:

É certo que tamén houbo galegos entre eses bárbaros que axudaron a españois nacidos en Estremadura, Castela ou Andalucía..., pero todos eles representaban ao imperialismo español, non a Galiza. Tamén é certo que sempre houbo nas nacións oprimidas colonizados que amosan mais fervor polo imperio que os propios imperialistas. En Galiza aínda hai moitos deses e, ...así nos vai! Aínda hoxe temos o dubidoso honor de que nacera na nosa patria o presidente do imperio, ese montón de carne con ollos que “sesea” incongruencias, fuma puros en Nova York e véndenos o fume. Sempre houbo caseiros que pensan ser mais ricos que o amo.

Os cubanos, amigo Pailán, antes arrepoñíanse a opresión dos españois e agora arrepóñense a do imperialismo Ianqui e os seus satélites occidentais como tan ben explica o amigo Xurxo. Que diga verdades no artigo non quere dicir que faga xuízos de valor aínda que a verdade sempre é revolucionaria. Compre mais cultura política para saber recoñecer as verdades e poder desbotar os xuízos pre-concevidos, porque non se deben mitificar a mentira nin a confusión.

Os cubanos non teñen a culpa da Lei de Axuste Cubano nin da hipocrisía dos estados lacaios do imperio do mal, que sementa o terror polo mundo adiante mentres os cubanos combaten o dolor e as enfermidades sementando médicos e menciñas polos pobos do terceiro mundo. Eles sofren esa Lei inxusta, un bloqueo ilegal desde fai cincuenta anos e a agresión dos seus mentireiros medios de comunicación.

Xa se me esquecía; por desgracia para nós, “Estrela de Galicia” tampouco o escreben así.

Rematei.

[20-11-2012 21:51] Cioran "O pailán" comentou:

Amigo Raúl, Hatuey, non "Huatey", certo. A idade non perdoa. E iso de citar de memoria non axuda xa moito. Valente e exemplar o loitador taíno. Como tantos outros anónimos, masacrados por extremeños, casteláns, andaluces e algún galego... na "conquista" do Novo Mundo (que era xa vello e sabio abondo). Bárbaros... "que veñen os bárbaros¡¡".

Claro que os "cubanos" daquela, nativos da illa, pouco teñen a ver cos de agora, mistura sabia e sana de conquistadores "blanquiños", negros esclavos e os propios nativos. Algúns dos de agora ben situados teñen máis de galegos que de taínos.

Por certo, cando falas de que "os cubanos" saben ben o que fan, a quen te refires? A "todos"? Aos que "coñeces ti"? Aos membros do PCC?. En fin, tomar a parte polo todo, referíndose ao povo, é pouco xusto, inexacto e democrático.

[20-11-2012 18:38] Raúl comentou:

Amigo Cioran "O Pailán": Non é "Huatey" senón Hatuey, que era o nome dun cacique guerreiro taíno que foi ensinarlles aos nativos cubanos a loitar contra os bárbaros españois, que lle pediron, cando o ían a descortizar, que se convertera ao cristianismo para poder ir ao Ceo, e el contestoulles que alí era onde non quería ir para non atoparse con bestas coma eles. Solo foron igualados na súa bestialidade polos Ianquis, polos nazis e polos sionistas xudeus.
Menos mal que os cubanos, por sorte, saben moi ben o que fan e non seguen consellos reaccionarios.

[20-11-2012 17:26] Cioran "O pailán" comentou:

A versión oficial sobre as razóns do cambio de política migratoria do governo cubano, pódese ler no Gramma:

"La actualización de la política migratoria tiene en cuenta el derecho del Estado revolucionario de defenderse de los planes injerencistas y subversivos del gobierno norteamericano y sus aliados. Por tal motivo, se mantendrán medidas para preservar el capital humano creado por la Revolución, frente al robo de talentos que aplican los poderosos".

Para quen se queira tragar a versión oficial ben vale este breve do xornal "oficialista". Pero parece que as razóns reais teñen máis a ver con aspectos económicos: dinamización empresarial, xestión do excedente de man de obra, necesidade de xerar divisas, formación de profesionais -mesmo nas àreas nas que eran punteiros, e que xa ficaron obsoletos-, entre outras. E tamén político-sociais: dificultade de mater a política de emigración como até agora, cunha povoación nova máis crítica e mellor informada, optimización da autoimaxe social fronte ás dificultades das clases populares nos países capitalistas -apontada polo Xurxo- (dismitificación)...

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña