06:03 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-04-2010

Para o POL o litoral é deficitario enerxéticamente, a produción de enerxía eólica non ten impacto ambiental significativo e as instalacións enerxéticas son parte da construción colectiva da paisaxe

O Plan de Ordenación do Litoral (POL) propón inzar a costa galega de parques eólicos

Valorar (12)

CARME DA SILVA MÉNDEZ



O plan de ordenación do litoral, que debería ter como un obxectivo fundamental a ordenación e regulación dos usos e actividades cun forte impacto sobre o medio e a paisaxe costeira do noso país, non establece ningún condicionante á ubicación de instalacións de produción de enerxía eléctrica na costa galega, nomeadamente de parques eólicos. No capítulo dedicado á enerxía (Título II, capítulo 4) prioriza a necesidade de desenvolver todo o potencial eólico do litoral galego, sen establecer ningún tipo de restricción ás posibeis ubicacións nin propoñer a retirada de ningunha das actuais.

O POL constrúe un discurso de apariencia técnica destinado a xustificar a explotación sen condicionantes dos recursos eólicos galegos

A análise, aparentemente técnica, do balanzo enerxético do litoral galego utilízase como primeiro chanzo da construción dun discurso que conclúe na necesidade de elevar substacialmente a produción de enerxia eólica na costa galega.

Segundo o POL : "... a produción de enerxía eléctrica é de 1.949 MW (18% do total da enerxía eléctrica galega). Trátase dunha porcentaxe relativamente pequena se temos en conta que no litoral vive o 59% da poboación galega e encontránse as principais empresas consumidoras de enerxía eléctrica.". Baseándose nestes datos xustifícase a necesidade de incrementar a capacidade de produción de enerxía eléctrica no litoral galego. Non ten en conta que na Galiza se produce o 12% da enerxía eléctrica do estado español e consómese o 8% da mesma, sendo o noso país exportador de enerxía eléctrica e carecendo de todo rigor a elaboración dun balanzo enerxético estanco paro o litoral galego.

O seguinte chanzo do POL  para fomentar a proliferación de eólicos baséase na presunción da falta  de impacto ambiental dos mesmos. O único inconveniente que segundo o POL teñen os parques eólicos é o seu " impacto visual, fundamentalmente en áreas sensibeis do litoral". Traslada ás Unidades de Paisaxe a necesidade de preservar espazos particularmente sensibeis, mais en ningunha das unidades contempladas no documento se impoñen limitacións ou restriccións aos eólicos.Unha vez máis, baixo a apariencia de información de carácter técnico xustificase a posíbel instalación de parques eólicos en  zonas protexidas da costa, dada a súa ausencia de impacto ambiental.

O terceiro chanzo na construción do discurso que xustifica a proliferación de eólicos na costa galega é moito máis elaborado e perverso, xustifica a explotación dos nosos recursos enerxéticos na necesidade histórica de actuar sobre a paisaxe e o territorio para preservalo. Partindo da seguinte afirmación:"A paisaxe, como a enerxía, non se destrúe, senón que se transforma", o documento defende a implantación de parques eólicos en calquer ubicación formando parte dun proceso histórico de humanización e construción colectiva da paisaxe galega.

Segundo POL o litoral galego é deficitario enerxéticamente, a produción de enerxía eólica non ten impacto ambiental significativo e as instalacións enerxéticas forman parte da construción colectiva da paisaxe, contribuíndo á súa posta en valor e conservación.

Se non estivesemos a falar dun instrumento de ordenación do territorio da envergadura dun plan territorial integrado, parecería que o tratamento dos recursos enerxéticos galegos no POL forman parte dun esperpento que pretende, de xeito humorístico, pór sobre a mesa o debate sobre o proceso histórico de expoliación dos recursos enerxéticos da Galiza: lignitos pardos, grandes e pequenas centrales hidroeléctricas, e agora tócalle ao vento.

Recursos expoliados cun enorme impacto ambiental e social sen repercusións na calidade do servizo na Galiza nin na potenciación dos sectores produtivos do país, ao máis depurado estilo colonial.

A avaliación e planificación das infraestruturas de produción e transporte de enerxía eléctrica na Galiza debe basearse nas necesidades reais do país e dos seus sectores produtivos, e sobre análises ambientais e socioecónomicas serias e rigurosas. O tratamento do sector enerxético no POL constitúe un elemento máis para oporse firmemente á súa aprobación,  e esixir a elaboración dun documento feito desde a realidade galega, para dar satisfacción ás demandas da sociedade galega e que realmente serva para protexer e poñer en valor o noso litoral.


[15-04-2010 ] Eu comentou:

Comparto parte do comentario de Lito, aínda que non o teño moi claro. Galiza xa é exportadora de enerxía sen ela beneficiarse, e se cadra o ecosistema das nosas rías fai que non sexa o lugar máis acaído...

[14-04-2010 ] Medios comentou:

Eu tempouco teño nada contra a enerxía eólica, pero o inzar os nosos montes e a nosa costa, en grande medida en rede natura, con instalacións industriais produce un forte impacto e non só paisaxístico . Que eu saiba, toda a rede de captación e transporte da enerxía van polo solo, máis todas as instalacións aéreas que as acompañan.
Concretamente na serra do Xistral todas as drenaxes de superficies que foi necesario facer, as canalizacións, as tubaxes, as arquetas, as pistas, as estacións e subestacións produciron fortes deterioros de solos, concretamente nas turbeiras de cobertor, moi importantes para os estudosos dos cambios do clima, da flora e da fauna dende que o mundo é ta.
E unha forma limpa de obter enerxía: Sí, pero hai que ter moi en conta que se están a ubicar en sitios de grande fraxilidade, que a meirande parte da Galiza está fortemente antropizada e que debemos preservar certas áreas como se fosen tesouros.

[13-04-2010 ] Medios comentou:

Mentres a producción enerxética esteña en mans de grandes corporacións, que impoñen a súa lei a gobernos que trasladan á lexislación todas e cada unha das comenencias das mesmas, non hai nada que facer. Empresas sen Deus, nen patria, nen rei, que conseguen que na lexislación apareza unha variante da lei de conservación da enerxía que me acaba de deixar de petrificada: A paisaxe, como a enerxía, non se destrúe, senón que se transforma.

[13-04-2010 ] Lito comentou:

Pois teño que comentar que estou a favor dos parques eolicos mariños. Primeiro, por ser unha enerxía limpa, que non emprega combustibles para a sua xeración (deste tema xa estamos cansos de oir falar).
Segundo, no mar sempre corre brisa todos os días, se non é todo o día, polo menos á mañán e á noite (e iso sábelo tí moi ben).
Terceiro, os postes e bases de formigón dos muiños actúan como pecios naturais que provocan a proliferación e cría de múltiples especies de peixes e mariscos.
Cuarto, o impacto visual sobre o medio, pois a verdade é que non é do máis bonito, pero tampouco é tan feo como as centrais térmicas ou as de coxeneración de enerxía.
Agora ben: se no los poñen en Galicia, que teán a sede central operativa no territorio e que paguen os seus impostos no territorio. Que non se vaia todo para Madrid, como pasa con todo, que eles non teñen alí os muiños (e dispois din que nos manteñen). Que o custo da enerxía non sexa máis caro para os galegos que para o resto de españois, como nos pasa co gas-oil e a gasoli-a.
O que tampouco debemos mesturar, é o tema da xestión urbanística con este tema.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña